Suez, canal de

Suez, canal de

Canal artificial que, a través do istmo de Suez, separa África de Asia e comunica o Mar Mediterráneo co Mar Vermello. Ten 161 km de lonxitude e de 80 a 150 m de largo, e é accesible para embarcacións de 11,25 m de calado. En 1980 foi inaugurado o primeiro túnel viario feito por baixo do canal, situado uns 20 km ao N da cidade de Suez, e que enlaza o delta do Nilo co Sinaí. En 1854 o sultán Sa’īd Paxá de Exipto concedeulle o permiso de construción á empresa de F. M. de Lesseps, e foi inaugurado o 17 de novembro de 1869. Inmediatamente constituíuse a Compañía Universal do Canal Marítimo de Suez cunha concesión de explotación por 99 anos. O Reino Unido converteuse no principal accionista (1875) e na potencia que o controlou ata despois da Segunda Guerra Mundial, co fin de asegurarse o control da ruta cara a India. En 1956 o presidente exipcio Nasser decidiu nacionalizalo, o que provocou a inmediata intervención de Francia e Reino Unido no territorio, aínda que acabaron retirándose. Entre 1967 e 1975 permaneceu pechado, a consecuencia da Guerra Árabe-israelí de 1967.

Palabras veciñas

Suevos | Suevos, Pepo | Suez | Suez, canal de | Suez, golfo de | Sufanuvong Souphanouvong | sufecto -ta