sufixo

sufixo

(

s m [LING]

Afixo que se engade ao final dunha palabra para formar outra nova. Os sufixos forman palabras con ou sen cambio de categoría léxica; se cambia a categoría da base tamén cambian a morfoloxía e a sintaxe subsecuentes, ademais de adquirir un contido propio. A aplicación dos sufixos ás bases é complexa, pois por un lado os sufixos intercálanse entre a base e os morfemas flexivos e provocan acomodacións na parte final das bases (vend-e-r > vend-e-dor), e polo outro as bases poden ter variantes moi diferenciadas formal e acentualmente (dispoñer > disposi-ción, Cangas > cangu-és). Poden presentar variantes distribucionais (capt-a-ción, adhes-ión) e tenden a ser específicos de cada categoría léxica; os substantivos e os adxectivos comparten moitos, pero algúns son propios só dos substantivos (-idade, -ez/-eza) e outros só dos adxectivos (-ble/-bel, -oso), ademais doutros que só se aplican a verbos. As palabras con sufixos compórtanse coma as simples con respecto á prefixación e, ao revés, as palabras prefixadas actúan como bases da sufixación da mesma maneira ca as simples (acto > act-ivo, des-centralizar > descentralización). Nos sufixos distínguense os sufixos modificadores, aqueles que modifican o significado da base pero que non a transcategorizan, e os sufixos derivativos, que dan lugar a novos significados e poden cambiar a categoría gramatical da base. Dentro dos primeiros inclúense os aumentativos: -ón (hom-ón), -ona (muller-ona), -azo (golp-azo), -aza (vid-aza); os diminutivos: -iño/-iña (pequen-iño), -ete/-eta (moc-ete/moc-eta), -ote/-ota (moz-ote/moz-ota), -olo (ferreir-olo), -ola (camis-ola), -ucho (Pac-ucho), -ucha (Carm-ucha), -exo (air-exo), -exa (varexa), etc; e os despectivos, nos que predomina a función expresiva sobre a representativa: -allo (cisc-allo), -alla (xent-alla), -ucho (leir-ucho), -ucha (cas-ucha), -astro (politi-astro), etc. A función básica dos diminutivos e aumentativos é determinar o tamaño ou magnitude do expresado polo substantivo. Esta só se pode dar, propiamente, con substantivos que teñan “tamaño”, é dicir, concretos e descontinuos (casa, caixa, río, árbore). Nos demais substantivos a apreciación de magnitude pasa a ser de intensidade (ruidiño, caloriña/ruidazo, caloraza) ou cualitativa (viñiño/viñazo), aínda que tamén se dan casos nos descontinuos (cochazo, casaza, casiña). Por outro lado a apreciación pode levar asociada unha valoración subxectiva de aprecio ou desprezo (mullerona, mulleraza, homiño). Non hai grandes diferenzas entre o comportamento do diminutivo e do aumentativo, pero existen outras acepcións específicas do diminutivo. Este pode expresar nalgúns contextos afecto e cariño por parte do falante (filliño, naiciña); cariño, compaixón ou agrado respecto do dito ou do que se di (Dóenche os peíños?); ou cariño, compaixón ou agrado para actuar sobre o oínte, coa intención de espertar o seu interese e provocar a actuación do interlocutor, ou ben para dirixirse a el de maneira cortés e atenuada (Tráesme un vaso de leitiño?, Fáltanme uns euriños). OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

Palabras veciñas

sufixación | sufixal | sufixar | sufixo | sufocación | sufocante | sufocar