superlativo -va

superlativo -va

(

  1. adx

    Que é moi grande ou que posúe unhas calidades en maior grao.

  2. adx

    Que expresa o grao superior dunha calidade.

  3. s m [LING]

    Grao máximo de significación dun adxectivo. Distínguese entre superlativo absoluto, que atribúe a súa calidade a un obxecto con independencia dos demais obxectos (moi simpático, simpatiquísimo), e superlativo relativo, que atribúe a calidade a un obxecto comparándoa coa mesma calidade deste ou doutros obxectos (está máis guapo ca nunca, o máis listo da aula). Non existe gradación entre o comparativo e o superlativo absoluto, pois na comparación a intensificación non é maior nin menor ca no superlativo, senón distinta: naquela cuantifícase comparativamente de maneira explícita ou implícita, e nesta sen poñer en relación a calidade con outro termo da relación. Morfoloxicamente son diferentes, pois no comparativo inclúense procedementos analíticos (máis/menos grave) e no superlativo só o sintético -ísimo (gravísimo), aínda que xunto con este morfema hai outra intensificación elevada analítica, co adverbio moi (moi grave). Os superlativos relativos son en realidade comparativos de inferioridade ou superioridade en que a calidade que se atribúe a unha entidade se compara coa atribuída ás outras entidades do mesmo grupo. O termo de relación introdúcese coa preposición de (ou ás veces con entre), ou pode non estar explícito; o substantivo vai precedido do artigo determinado, que tamén acompaña ao adxectivo cando falta o substantivo, sobre todo en construcións atributivas (Caeu o piñeiro máis alto. É o máis impulsivo dos irmáns). Ademais do superlativo -ísimo existen outros superlativos cultos que se relacionan co positivo mediante cambio completo do tema e a terminación -(i)mo/ma: bo > óptimo; mal(o) > pésimo; gran(de) > máximo; pequeno > mínimo; alto > supremo; baixo > ínfimo.

Palabras veciñas

Superior Oriental | Superior, lago | superioridade | superlativo -va | supermacho | Superman | supermercado