suspensión

suspensión

(

  1. s f

    Acción e efecto de suspender.

    1. s f [QUÍM]

      Dispersión metastable dun sólido nun líquido dunha maneira practicamente uniforme.

    2. suspensión de bario / [QUÍM/MED]

      Suspensión dun sal de bario que se usa en radioloxía como medio de contraste para encher vísceras baleiras, como o estómago e os intestinos, e facer despois radiografías para ver o relevo das paredes.

    1. s f

      Aquilo con que está suspendida algunha cousa.

    2. s f [FÍS/METROL]

      Dispositivo que se emprega para manter suspendido un elemento ou a parte móbil dun aparato de medición ou análogo.

    3. s f [TECNOL]

      Conxunto de elementos mecánicos, interpostos entre o chasis dun vehículo e as súas rodas ou os seus eixes, dotados da elasticidade necesaria para amortecer os golpes, as vibracións e as sacudidas producidas polas irregularidades do terreo. Distínguese a suspensión primaria (que nos automóbiles consiste no pneumático) e a suspensión secundaria, que pode ser de tipo mecánico, pneumático ou hidropneumático, segundo a elasticidade sexa proporcionada pola deformación mecánica dunha peza, a deformación dun recinto de caucho que contén aire a presión, ou ben a compresión dun pequeno volume de gas mediante o aceite dun circuíto hidráulico a presión.

    4. suspensión de cardán [TECNOL]

      Dispositivo mecánico inventado polos chineses, pero que foi descrito por primeira vez en Occidente por Gerolamo Cardano. Consiste en tres aneis concéntricos, inseridos un dentro do outro, e articulados entre eles de maneira que cada un poida xirar arredor dun eixe perpendicular aos eixes de xiro dos outros dous. Permite manter inmobilizado o anel interior (ou externo) mentres que o externo (ou interno) pode adoptar calquera posición no espazo. Tamén permite facer xirar o anel exterior arredor de calquera eixe e transmitir o movemento de rotación ao anel interior, e viceversa. Esta propiedade ten aplicación na xunta universal.

  2. [DER]
    1. s f

      Censura pola que se lle prohibe a un clérigo o exercicio dun oficio ou é privado dos froitos dun beneficio que posúe, ou ambas cousas.

    2. s f

      Pena que priva en todo ou en parte do uso dun dereito, sobre todo do dereito de sufraxio ou do exercicio dun cargo público, dun oficio ou dunha profesión.

    3. suspensión de emprego e soldo

      Sanción disciplinaria imposta a un traballador polo feito de cometer unha falta tipificada pola lei. Comporta a suspensión temporal das prestacións do contrato, sen perda dos dereitos adquiridos polo traballador. Ao cesar os efectos da sanción a relación recupera plena virtualidade. Se se trata dun funcionario público non pode exceder dos seis anos.

    4. suspensión das garantías constitucionais

      Situación anormal da orde pública, prevista polas constitucións democráticas, que consiste na supresión temporal total ou parcial das garantías persoais e dos dereitos públicos recoñecidos na constitución. É decretada polo goberno, con autorización do parlamento e a aprobación do xefe do Estado.

    5. suspensión de pagamentos

      Situación de insolvencia transitoria dun comerciante, legalmente inscrito no rexistro correspondente. Diferénciase da creba polo carácter transitorio. Comporta que o patrimonio do debedor quede afectado e controlado en todas as súas operacións pola intervención xudicial a través de interventores que representen os acredores.

  3. s f [MÚS]

    Adorno musical que consiste en prolongar unha ou varias notas dun acordo precedente.

  4. s f [ZOOL]

    Unión da mandíbula inferior dos vertebrados co cranio. Os tres tipos máis importantes de suspensión mandibular son a hiostílica, propia dos peixes osteitios e da maior parte dos condritios; a anfistílica, propia dalgúns condritios, e a autostílica, propia dos holocéfalos e dipnoos, dos anfibios, dos réptiles e dos mamíferos.

  5. suspensión de hostilidades [DER]

    Cesamento temporal dos actos de guerra por convenio ou acordo entre os belixerantes. Cando é de carácter local e momentáneo, denomínase suspensión de armas. Cando ten un carácter máis longo, malia que limitado, denomínase tregua. A suspensión indefinida ou por un tempo longo denomínase armisticio.

Palabras veciñas

susodito -ta | suspender | suspense | suspensión | suspensivo -va | suspenso -sa | suspensor -ra