suxeito -ta

suxeito -ta

(< lat subiectu, p p de subiicĕre)

  1. p reg

    de suxeitar ou suxeitarse.

  2. adx

    Que está collido ou agarrado con forza a algo ou alguén.

  3. adx

    Que está sometido á autoridade de algo ou alguén.

  4. s m
    1. Persoa á que se fai referencia dunha maneira imprecisa.

    2. [FILOS]

      Ente, tradicionalmente concibido como substancia, consciente e principio de acción que se contrapón ao obxecto e que se identifica eminentemente co home. Ten sido interpretado de diversas maneiras, desde o denominado suxeito empírico, ao que se refiren as sensacións e impresións cognoscitivas, ata o kantiano suxeito transcendental.

  5. s m [LING]
    1. Función sintáctica que desempeña un substantivo, pronome ou sintagma nominal en concordancia co verbo, que indica quen realiza ou que cousa orixina a acción do verbo. Nas oracións modotemporais o verbo varía en persoa e número debido á concordancia co suxeito (Aquí o mellor resultado obtéñeno, xeralmente, as mulleres). Nas amodotemporais pódense dar situacións diversas: nas de infinitivo hai acordo en número e persoa se o infinitivo está flexionado (Gastastes moito diñeiro por non pintardes vós mesmos o corredor), pero sempre existe a posibilidade de non o flexionar (Gastastes moito diñeiro por non pintar vós mesmos o corredor), nas de participio o suxeito concorda en xénero e número, non en persoa (Resolto o problema e feitas as paces, fomos cear todos xuntos) e nas de xerundio non se establece ningún acordo (Chegando os convidados, sentámonos á mesa).

    2. Elemento ou conxunto de elementos lingüísticos que nunha oración desempeñan a función de suxeito.

  6. [DER]
    1. s m

      Titular dun órgano administrativo que actúa en interese da administración.

    2. suxeito de delito

      Responsable activo ou pasivo de feitos penables. O suxeito activo do delito é o autor do feito, mentres que o pasivo é o titular dun dereito lesionado ou posto en perigo, e tanto o pode ser o individuo, como as persoas colectivas, ou o estado. A responsabilidade penal recae sempre sobre persoas naturais, cuxa participación na realización do delito foi decisiva.

    3. suxeito de dereito

      Titular dun dereito ou dun interese xuridicamente protexido, como son as persoas físicas e xurídicas, a sociedade e o estado.

  7. s m [MED]

    Persoa ou animal que está sometida a un tratamento, unha observación ou unha experimentación.

  8. s m [MÚS]

    Tema dunha composición contrapuntística, en especial da fuga.

  9. suxeito económico [ECON]

    Persoa individual ou organismo colectivo que constitúe un centro ou unha unidade de decisión respecto das cuestións económicas.

Palabras veciñas

suxeición | suxeitador -ra | suxeitar | suxeito -ta | suxerir | suxestión | suxestionar