Taboada
Concello da comarca de Chantada, situado na provincia de Lugo no centro da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 42’ 30” de latitude N e 7° 45’ 30” de lonxitude O). Limita ao N con Portomarín (comarca de Lugo) e Monterroso (comarca da Ulloa), ao L con Paradela (comarca de Sarria) e O Saviñao (comarca de Terra de Lemos), ao S con Chantada (comarca de Chantada), e ao O con Rodeiro (comarca do Deza), Monterroso e Antas de Ulla (ambos os dous na comarca da Ulloa). Abrangue unha superficie de 146,7 km 2 , cunha poboación de 3.537 h (2007d), distribuída nas parroquias de Ansar, Arxiz, Bembibre, Bouzoa, Campo, Carballo, Castelo, Cerdeda, Cicillón, Couto, Esperante, Fradé, Gondulfe, Insua, Mato, Meixonfrío, Moreda, Mourulle, Piñeira, San Xián de Insua, Sobrecedo, Taboada dos Freires, A Torre, Vilameñe, Vilar de Cabalos, Vilela e Xián. A súa capital está no lugar de Taboada, na parroquia de Carballo, que dista 94 km de Santiago de Compostela e 44 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Chantada.
Xeografía física
O relevo de Taboada pode estruturarse en dúas metades ben diferenciadas, os montes da Dorsal Occidental Galega e a penechaira de Chantada. Os primeiros esténdense pola metade O do concello e separan a conca do alto Miño da do Ulla. Estas aliñacións montañosas seguen unha dirección N-S e acadan unhas altitudes entre os 600 e 900 m nos montes de Vacaloura (830 m) ao NO e O do concello, e na serra do Farelo (851 m), ao SO de Taboada. A segunda, a metade L, é a prolongación cara ao N da penechaira de Chantada que está basculada cara ao L e desecada pola acción erosiva dos tributarios do río Miño, que a converten nunha paisaxe onde alternan os vales e as serras escasamente altas, con altitudes medias que oscilan entre os 400 e 600 m. O concello de Taboada reparte o seu territorio entre os dominios climáticos oceánico de montaña, oceánico continental, oceánico mediterráneo e oceánico de transición. Nesta ampla variedade inflúe a transición entre a Dorsal Occidental Galega e o val do Sil, con evidentes consecuencias na súa pluralidade de trazos termopluviométricos. A temperatura media anual é de 11,9°C, cunha media en xaneiro de 6,8°C, e en xullo de 17,8°C, e a amplitude térmica extrema acada os 20,2°C. A precipitación anual media é de 1.305 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival co 11% das precipitacións, o 38% en inverno, con valores medios a primavera co 25% e o outono co 26%. O límite oriental do concello está marcado polo río Miño, lixeiramente encaixado no tránsito polas terras do concello e anegado polo encoro de Belesar. A rede hidrográfica verte no Miño, que delimita as terras orientais seguindo unha dirección N-S. Nel desembocan ríos de curto percorrido e con dirección O-L, como Moreda ou Ponte de Enviande, que achegan augas dos montes da Dorsal Occidental Galega. A vexetación atlántica é abundante e destacan extensos bosques de carballos e castiñeiros; mentres que na serra do Farelo e os montes de Vacaloura predominan o mato, aínda que cada vez son máis frecuentes as plantacións de piñeiros.
Xeografía humana
Demograficamente fálase de dúas grandes etapas: na primeira, entre 1900 e 1950, sufriu unha evolución irregular marcada pola estabilidade; e na segunda, entre 1950 e 2001, caracterizouse pola constante perda de poboación. Ata 1950 tivo momentos de regresión (entre 1900 e 1910 perde un -0,3% interanual, entre 1920 e 1940 retrocede nun -1,1% interanual) que alternan con outros de estancamento (0,1% interanual entre 1910 e 1920) e forte crecemento (2,8% interanual entre 1940 e 1950). A partir de 1950 inicia unha fase que se caracteriza pola perda de efectivos demográficos, nuns momentos de xeito moderado (-0,4% interanual entre 1970 e 1981) pero maioritariamente de xeito máis acelerado (-1% entre 1950 e 1970, -1,5% entre 1981 e 2001). No s XXI o descenso continuou e cifrouse no -8,01% entre 2001 e 2007. A emigración deixou unha pegada importante, en especial coas migracións dirixidas cara a Europa e ás rexións industriais españolas, pois a dirixida a América non tivo unha importancia tan relevante. En 2006 o crecemento natural foi de signo negativo, -15‰, froito dunha natalidade moi baixa (3‰) e unha mortalidade elevada (18‰). O resultado é unha poboación avellentada, tal e como indica a proporción de menores de 20 anos (9,6%) e de maiores de 65 (52,8%); o grupo intermedio representa o 52,8%. Por sexos predominan as mulleres, que representan o 52,55% fronte ao 47,44% de homes..
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Taboada é do 42,6% (48,9% a masculina e 36,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,1% (43,2% a masculina e 33,2% a feminina); e a taxa de paro acada o 10,6% (11,5% a masculina e 9,4% a feminina). O sector primario é o predominante, co 42,8% da man de obra, grazas a un importante sector cooperativista, en especial no relativo ao gando vacún. A superficie cultivada esténdese polo 23,3% do territorio, onde destacan as forraxes (33,7% do espazo cultivado), seguido polo trigo (20,4%) e a pataca (12,8%). O viñedo, a pesar de estar amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, subzona de Chantada, non pasa de ser un cultivo sen importancia. Os prados e pastos representan o 28,77% do territorio, e o gando vacún está especializado na produción de leite. A industria acada o 9,2% da man de obra, e destacan algunhas empresas especializadas na elaboración de queixo, amparado na Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. A construción representa o 10,9% dos traballadores e os servizos agrupan ao 37% dos ocupados. A principal vía de comunicación é a estrada N-540, de Coles a Lugo, pero destacan tamén outras estradas que enlazan a capitalidade municipal con Monterroso, así como a que comunica Chantada con Antas de Ulla.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras que forman o concello de Taboada amósase nos vestixios arqueolóxicos conservados, como os monumentos megalíticos de Gulfar, Carballas ou Sabugueira, e os castros de Caldemourelle ou San Roque. De época romana consérvanse restos da vía que ía cara a Lugo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Taboada pertenceron ás xurisdicións de Amarante, señorío do conde de Amarante; Chantada, señorío do marqués de Astorga; Monterroso, señorío do conde de Monterrei; o couto redondo de Moreda, señorío dun señor laico; Portomarín, señorío da encomenda de San Xoán de Portomarín; Queizán do Carballo, señorío de dous laicos; Taboada, señorío do conde de Maceda; e Vilar, señorío do conde de Veiga, compartido nunha parroquia co mosteiro de San Salvador de Asma e A Veiga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Vilar e Taboada. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Taboada. En 1845 as parroquias de Adá e Arcos pasaron ao concello de Chantada.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos conservados destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as igrexas románicase San Pedro de Bembibre (s XII, BIC 1975), Santa María de Castelo (s XII), Santa Mariña de Cerdeda (s XII), Santa María de Taboada dos Freires (s XII), San Mamede da Torre (S XII) e Santiago de Esperante (s XVI). No eido da arquitectura civil sobresaen a torre de Moreda (BIC, 1994) e os pazos de Bembibre e Perrelos. Celébranse, entre outras, as Festas dos Milagres, en agosto, de San Xián do Campo en xuño, a dos Remedios de Deilás en setembro e a Festa do Patro Típico do Caldo de Osos, que coincide co Domingo de Entroiudo
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Chantada |
| Extensión | 146 Km2 |
| Poboación Total | 3537 h |
| Poboación Homes | 1678 h |
| Poboación Mulleres | 1859 h |
| Densidade de poboación | 24.23 h/Km2 |