Taboada, Pedro de

Taboada, Pedro de

(Barreiro, Antas de Ulloa 1628? - Santiago de Compostela? 1680?) Escultor. Trasladouse a Santiago de Compostela en 1642 onde puido ser discípulo de Bernaldo Cabrera. En 1655 xa tiña obradoiro propio. Realizou o desaparecido retablo maior de San Vicente de Noal (Porto do Son), traballou na capela maior da catedral de Santiago de Compostela e rematou o retablo da capela do Rosario de San Domingos de Bonaval (1666). Colaborou con Xerónimo de Castro Losada no retablo da Transfiguración da catedral de Ourense (1668), e no retablo da capela do bispo de Quito na colexiata de Iria Flavia (1667?). Atribúeselle ao seu obradoiro o retablo da capela de Santa Tareixa en Santa María de Salomé e o retablo maior de Santo Agostiño, ambos en Santiago de Compostela. Parece ser que traballou co organista da catedral compostelá, Xoán Fernández de Caamaño, na reparación do órgano maior en 1676.