talibán -bá

talibán -bá

(< ár ṭālib‘estudoso do Alcorán’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos talibáns.

  2. s [POLÍT/RELIX]

    Membro dos talibáns.

  3. s m pl [POLÍT/RELIX]

    Grupo integrista islámico radical afgán fundado en 1994 por Mohamed Omar Akhund. Integrado por estudantes de teoloxía islámica, xurdiu nas madrasas afgás como unha milicia cuxo obxectivo era o de homoxeneizar cultural e relixiosamente o país, para poñer fin ao caos étnico e relixioso posterior á retirada das tropas soviéticas (1989). Apoiados economicamente por Pakistán e Arabia Saudí, os talibáns conquistaron Kabul e derrocaron o goberno musulmán moderado de Rabbani, que substituíron por un goberno fundamentalista entre 1996 e 2001. Inmediatamente proclamaron o Emirato de Afganistán e impuxeron a sarī’a, lei que implicaba estritas normas de conduta, para homes -que foron obrigados a deixar barba- e mulleres, ás que prohibiron estudar e traballar e obrigaron a cubrirse totalmente. Ademais, condenaron o paganismo (en 2001 destruíron os budas de Bamiyán). En 2001, despois do ataque do 11 de setembro a EE UU atribuído a Osama Ben Laden, -xefe da rede terrorista Al-Qaeda, instalada en Afganistán- o goberno estadounidense, apoiado entre outros por Reino Unido, tomou represalias e atacou o país. O goberno talibán foi substituído por un goberno provisional co que se iniciou o proceso de pacificación do país.

Palabras veciñas

Talía | Talía Teatro | taliáceo -a | talibán -bá | talidomida | Taliesin | talio