2 tanque
(
ehículo de combate, completamente acoirazado, armado cun canón e unha ou dúas metralladoras e que se despraza mediante eirugas. Destinado principalmente a romper a fronte do inimigo e penetrar en profundidade, as súas características básicas céntranse na mobilidade, a blindaxe e a potencia de fogo. A mobilidade posibilita a operación en terreos moi accidentados, vén determinada pola potencia do seu motor (entre 500 e 800 CV), a súa autonomía (ata 600 km), e polos sistemas de tracción e de suspensión. Como non teñen rodas directrices, xiran por diferenza da velocidade da eiruga dun lado respecto á da outra, polo que o diferencial é especialmente complicado. O motor, nun principio de gasolina, foi substituído posteriormente por un diésel sobrealimentado. Co tempo algúns tanques (M 1 Abrams americano) son propulsados por turbinas de gas. As blindaxes chegaron a acadar grosores de aceiro de 400 mm na torreta. Divididos inicialmente en lixeiros, medianos e pesados; o denominado tanque de batalla (main battle tank) ten un peso que oscila entre as 40 e 60 t como máximo. A potencia de fogo baséase no canón, xiratorio solidariamente coa torreta que o protexe e cun calibre de 105 a 125 mm, se ben podía chegar ata 140 mm. Desestabilízase na elevación e na dirección axeitadas para que poida disparar en marcha e mesmo por terreo accidentado. O primeiro vehículo blindado capaz de moverse nun terreo plano ideouno o oficial alemán Günther Busstyn en 1912, pero a idea non foi explotada ata que as necesidades da Primeira Guerra Mundial o impuxeron. O primeiro ensaio efectuárono os británicos a comezos de 1916, seguidos dos franceses. Reino Unido foi o primeiro estado que os utilizou nunha operación militar, ao final daquel mesmo ano. Durante os tres anos que precederon á Segunda Guerra Mundial os tanques evolucionaron moi rapidamente a raíz dos considerables progresos científicos e técnicos. Os alemáns comezaron fabricando tanques moi lixeiros e armados só con metralladoras, pero a súa experiencia na Guerra Civil Española levounos á construción de tanques máis pesados e cunha blindaxe máis grosa. Despois da Segunda Guerra Mundial, o progreso tecnolóxico favoreceu o desenvolvemento de tanques máis rápidos, con máis potencia de fogo e cunha blindaxe máis selectiva.