taoísmo
(< tao)
Corrente do pensamento chinés tradicional, en que se diferencian dunha banda unha doutrina místico-filosófica (taoísmo sapiencial da época Zhou) e doutra, unhas prácticas supersticiosas (taoísmo relixioso posterior). Os dous clásicos do taoísmo foron Laozi (ou Lao-Tse) e Zhuangzi. Laozi, na súa obra homónima, máis coñecida como Daodejing ou Tao-teking, substitúe á antiga deidade chinesa Shangadi polo Tao, misterioso principio do universo, diferente do mundo pero immanente nel. O Tao produce, rexe e vivifica todo. A súa ausencia é a morte. A súa acción, non obstante, realízase sen actividade e o non-facer é a lei da natureza. Por iso, o sabio que está de acordo coa Tao, sen facer nada, faino todo perfecto; o bo gobernante, sen forzar, harmoniza o imperio. Zhuangzi explica, continúa e amplía a Laozi. Destaca a transcendencia do Tao, en que desaparece toda distinción, mesmo entre ser e non-ser, e acentúa a oposición co confucianismo. Constatando os males que padece o mundo e que ningún esforzo humano pode endereitar, senón a virtude do Tao, propón unha política ideal de inacción. O taoísmo evolucionou cara a un sincretismo con ideas sociais confucianas e deu entrada á alquimia e ás prácticas para a inmortalidade. O taoísmo supersticioso converteuse nunha relixión politeísta, con elementos budistas, organizada no s II por Zhao Daoling, o primeiro dunha sucesión de sumos pontífices (Tianshi) que chega ata hoxe.