Tea

Tea

Afluente do Miño pola dereita, que nace na parroquia da Graña (Covelo), da confluencia de varios regos que drenan a vertente meridional da serra do Suído. O seu curso diríxese en dirección N-S, pola parroquia de Campo (Covelo) e pola aba da serra do Faro de Avión. En Godóns (Covelo) vira cara ao SO por Maceira e Casteláns (Covelo); nesta última parroquia vira cara ao O, e penetra no concello de Mondariz, pasa ao concello de Mondariz-Balneario e volve por Vilar, xa no límite con Ponteareas, onde recibe ao seu principal afluente pola dereita, o Borbén, e adopta a dirección N-S, e xa na parroquia de Angoares (Ponteareas) captura ao Uma, o seu principal afluente pola esquerda. O derradeiro treito comeza entre as parroquias de Moreira e Nogueira (Ponteareas) cun cambio de dirección cara ao L inmediatamente rectificado, xa en Fornelos ; (Salvaterra de Miño). Despois duns metros do límite entre Ponteareas e Salvaterra de Miño, achégase á súa desembocadura en Arantei (Salvaterra de Miño) despois dun percorrido de 49 km de lonxitude.