Teixeira, A
Concello da comarca da Terra de Caldelas, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma (42º23’10’’ N.-7º28’00’’ O). Limita ao N con Sober (Terra de Lemos), ao L con Castro Caldelas (Terra de Caldelas), ao S con Montederramo (Terra de Caldelas), e ao O con Parada do Sil (Terra de Caldelas). Abrangue unha superficie de 27,6 km 2 cunha poboación de 518 h (2007), distribuída nas parroquias da Abeleda, Boazo, Cristosende, Fontao, Lumeares, Montoedo, Pedrafita e Sistín. A capital é o lugar da Teixeira, na parroquia de Lumeares. Atópase a 160 km de Santiago de Compostela e a 49 km de Ourense. Está adscrito á provincia de Ourense, á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Pobra de Trives.
Xeografía física
O relevo divídese en dúas partes ben diferenciadas: o canón do Sil e a penechaira de transición cara ao macizo central ourensán. O primeiro ocupa o terzo N do concello e caracterízase polas fortes pendentes que marcan a transición en poucos quilómetros desde os 200 m de altitude do curso do río Sil ata os 700-800 m das bocarribeiras. Este espazo apenas dá pé a áreas chás, só nos arredores da parroquia da Abeleda, o Edo é capaz de artellar unha veiga de pequenas dimensións. A metade S corresponde a unha superficie de aplanamento, cunha altitude entre os 700 e 900 m, sen apenas accidentes orográficos de consideración (Outeiro de Torca, 874 m). Repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. Situado ao abrigo da influencia moderadora das masas de aire mariño, ten un réxime térmico con temperaturas contrastadas. A temperatura media anual é de 10,8° C. A media de xaneiro é de 4,6° C e a de xullo de 17,7° C; a amplitude térmica extrema chega aos 24,5° C. A precipitación anual media é de 1.457 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival cun 10% das precipitacións recollidas en verán fronte ao 39% en inverno, e con valores medios a primavera co 26% e o outono co 25%. A rede hidrográfica é tributaria do Sil, que marca o límite N e discorre en dirección L-O. Nel desembocan ríos que se caracterizan polo contraste entre as escasas pendentes das súas cabeceiras e o gran desnivel dos seus cursos baixos, forzados polo forte desnivel que separa as bocarribeiras do curso do río Sil. Os máis importantes son, ao L, o río Edo que recibe as augas dos regos dos Vaos e do Porto Batán; e ao O, o río Mao. A vexetación arbórea clímax está representada fundamentalmente polo castiñeiro, que forma extensos soutos nas ladeiras que dan paso ao canón do Sil. Nas terras máis altas predominan as superficies de mato, con algunhas repoboacións de piñeiros.
Xeografía física
A poboación da Teixeira mantívose ata 1981 con oscilacións en niveis demográficos semellantes, e entre 1981 e 1991 viviu un forte devalo apenas frenado na última década. Entre 1900 e 1910 permaneceu estancada (-0,12% interanual), e na década de 1910 houbo unha leve contracción (-0,66% interanual) que deu lugar a anos de estancamento (entre 1920 e 1950 apenas sufriu variacións). Entre 1950 e 1960 perdeu poboación (-0,93% interanual) e recuperouse parcialmente entre 1960 e 1970 (0,40% interanual), o que finalizou esta dilatada etapa de estabilidade co estancamento rexistrado na década de 1970 (-0,08% interanual). Na década de 1980 perdeu efectivos a razón dun -6,72% interanual. Entre 1991 e 2001 seguiu perdendo poboación, aínda que cunha taxa interanual moito máis moderada (-1,04%). A perda entre 2001 e 2007 cifrouse no 8,64%. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-21,7 ‰), froito dunha moi baixa natalidade (3,8‰) e unha elevada mortalidade (25,5‰). O resultado do espectacular proceso de despoboamento sufrido amósase na pirámide de idades; os maiores de 65 anos supoñen o 51,4% fronte ao 4,8% menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 43,8%. Por sexos, son lixeiramente maioritarias as mulleres: 51,54% fronte ao 48,45% de homes.
Xeografía humana
A taxa de actividade (2001) do concello da Teixeira é do 31,4% (39,8% a masculina e 23,4% a feminina); a taxa de actividade é do 27,7% (33,8% a masculina e 22% a feminina); e a taxa de paro é do 11,6% (15,1% a masculina e 6,1% a feminina). O sector primario é unha actividade minoritaria, aínda que ocupa ao 23% da man de obra. A superficie cultivada representa o 14,82 % do territorio e ten como principal cultivo a pataca, seguida polo viñedo e o centeo. O viñedo xera unha boa riqueza económica e é especialmente abundante nas ribeiras do Sil e do Edo, adscrito á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Os prados e pastos representan o 18,12% do territorio, que suman 253 vacas (2007) destinadas á produción de carne. O gando porcino alcanza un total de 1.320 prazas de cebo (2005). A industria representa o 9,9% da man de obra e a construción o 9,2%. Os servizos ocupan ao 57,9% dos activos e non existe un equipamento terciario máis alá do xerado polas necesidades da súa escasa poboación. As principais estradas son a OU-536, da Rúa a Ourense, e as que comunican Monforte con Castro Caldelas, e A Teixeira con Parada de Sil.
Historia
Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello da Teixeira pertenceron ás xurisdicións de Castro Caldelas, señorío do conde de Lemos, e Montederramo, señorío do mosteiro de Montederramo. Lugar de importancia estratéxica, os condes de Lemos uniron os seus señoríos de Monforte e Castro Caldelas a través dun camiño que percorría estas terras. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela non se creou ningún concello no territorio da Teixeira. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello da Teixeira.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan as mámoas de Pedrafita e as igrexas de Santa María de Abeleda (s XVII), San Salvador de Cristosende, San Martiño de Fontao, San Martiño de Montoedo e Santa María de Sistín. Destacan os fornos comunais de Xirás, o cruceiro situado no lugar da Cruz, datado en 1766 e as pontes de Conceliñas e Lumeares. No lugar da Peñiza atópase a Casa do Viño, museo situado nunha antiga escola rehabilitada. Celebra as festas de Santa Catuxa, o 25 de novembro, que se volve a celebrar o primeiro domingo de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Caldelas |
| Extensión | 27 Km2 |
| Poboación Total | 518 h |
| Poboación Homes | 251 h |
| Poboación Mulleres | 267 h |
| Densidade de poboación | 19.19 h/Km2 |