telegrafía

telegrafía

(< 1 tele-+ -grafía)

  1. s f [COMUN]

    Arte de construír, instalar e manexar os telégrafos.

  2. s f [COMUN]

    Sistema de telecomunicacións que consiste na transmisión a distancia de mensaxes en forma de sinais codificados, especialmente os constituídos por pulos eléctricos propagados por medio de fíos condutores ou ben por ondas hertzianas, que neste caso se denomina telegrafía sen fíos ou radiotelegrafía. A invención da telegrafía eléctrica moderna débese aos ingleses William e F. Cooke e Ch. Wheatstone, e ao estadounidense S. F. B. Morse. O telégrafo Morse foi presentado nos EE UU en 1843, e introduciu un código alfabético (alfabeto Morse) en que cada letra estaba determinada por un grupo de sinais curtos e longos, denominados puntos e raias. Co tempo empregouse o telégrafo inscritor, de Hughes, baseado nos traballos de Cooke-Wheat-stone. E. Baudot presentou en 1874 un sistema de telegrafía rápida en que un mesmo condutor transmite diversas mensaxes. Nos modernos sistemas telegráficos, o operador cursa unha mensaxe empregando un teclado idéntico ao dunha máquina de escribir e o texto aparece escrito nunha banda de papel do aparato receptor. Este é o principio do teletipo e do télex. Para transmitir diversas mensaxes simultaneamente por unha mesma liña dun só fío, utilízanse os sistemas dúplex, cuádruplex, para transmitir 2 ou 4 mensaxes. O sistema múltiplex ou telegrafía múltiple permite transmitir un número elevado de mensaxes simultáneas; un dos máis utilizados é o múltiple en frecuencia ou telegrafía harmónica.