termas
(< lat thermae < grθερμά ‘baños quentes’)
-
s
f pl
[HIST/ARQUIT]
Establecemento público de baños. No mundo grego xa se atopan construcións de uso público para baños de augas medicinais quentes. A civilización romana modificou tanto o edificio como o concepto. M. V. Agripa declarou os baños gratuítos e fixo construír unhas grandes termas, o mesmo que Nerón, Tito, Traxano, Caracalla (216) e Diocleciano (306). Ademais das instalacións de servizo para a auga, a leña e o mantemento, estaba constituído por un vestiario (apodyterium), preto da entrada, e de tres salas sucesivas, con bañeiras individuais e piscinas de auga fría (frigidarium), morna (tepidarium) e quente (caldarium), a miúdo articulado a outro ambiente para baños de vapor (laconicum). As mellor equipadas dispoñían tamén dunha gran piscina de auga fría ao descuberto, de xardín rodeado de pórticos (xysti), de palestras, de ambientes para baños de sol, masaxes, xogos, de salas de reunións, de teatro, de biblioteca e ata de verdadeiros museos. Na época imperial tiveron unha gran difusión ao redor das cidades provinciais. O uso de establecementos termais públicos non sobreviviu ao Imperio. As termas tiveron unha certa continuidade no mundo islámico, en conexión con tradicións e preceptos musulmáns de orixe ritual. As influencias árabes e orientais foron a causa da recuperación e proliferación dos baños públicos nas cidades da Europa medieval desde o s XII. Co Renacemento caeron en desuso e, a partir do s XVII, reapareceron como balnearios terapéuticos. En Galicia coñécense desde época romana as termas de Lugo, construídas entre os ss I e II, e as Burgas de Ourense.
-
s
f pl
Establecemento situado preto de augas termais onde se pode tomar baños.