terrorismo
(
Utilización da violencia, dunha maneira sistemática e a miúdo indiscriminada, na loita social e política. Pode praticalo un estado, pero é máis corrente que o faga un partido ou un grupo reducido de persoas. Os seus precedentes son moi antigos, pero na súa forma moderna apareceu co populismo ruso (asasinato do Tsar Alexandre II en 1881) e cos magnicidios realizados por anarquistas que se produciron a continuación. En España, nos últimos anos do Franquismo, a organización independentista vasca ETA foi protagonista dun continuo de atentados, que seguiu tras a transición política. Outros grupos que actuaron ou actúan en España son o FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriótico) e o GRAPO (Grupos Revolucionarios Antifascistas Primeiro de Outubro). Outras accións terroristas protagonizáronas o PENS (Partido Español Nacional Socialista), as do Batallón Vasco-Español e as dos GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación). En Galicia, tamén desenvolveu a loita armada o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. En Irlanda, o terrorismo presentouse asociado coa loita pola liberación nacional, coa actuación do Irish Republican Army (IRA) e a cuestión do Ulster. O nacemento do estado de Israel en 1948 provocou accións terroristas, como as do Stern hebreo. A guerra de Alxeria foi tamén escenario de accións terroristas por obra do FLN (Front de Libération Nationale), á que se opuxo a OAS (Organisation de l’Armée Secrète), contraria á independencia de Alxeria. En EE UU foi moi activa a organización racista do Ku Klux Klan. Desde a década de 1980, o terrorismo islámico, vinculado principalmente á organización Al-Qaeda, centrou os seus ataques no mundo occidental e nos seus intereses noutras partes do mundo.