tileiro

tileiro
  1. s m [PLANTA]

    Árbore caducifolia, duns 30 m de altura, que presenta copa ampla e con moitas pólas e cortiza de cor gris escura, lisa ou con fendas nos exemplares de maior idade. As follas son grandes, de forma orbicular-ovada, aguzadas, pecioladas, coa beira dentada e de cor verde, algo máis clara polo envés onde tamén aparecen pequenos pelos abrancazados. As flores son de cor branca ou amarelada, olorosas, dispostas en inflorescencias colgantes, e froito leñoso, globoso ou piriforme e de superficie tomentosa. Florece en xuño e os froitos maduran no outono. Crece en bosques sombríos e frescos xunto a outras árbores. Habita no centro e S de Europa e o O de Asia. Cultívase tamén como árbore ornamental e frecuentemente crece mesturado coa especie Tilia cordata (tileiro de folla pequena), non sendo moi fácil de diferenciar, xa que poden hibridarse dando lugar a formas intermedias denominadas Tilia x vulgaris, esta última cultivada como árbore ornamental en diversos parques de Galicia.

  2. tileiro prateado [PLANTA]

    Árbore caducifolia, de ata 30 m de altura, que presenta cortiza lisa e abrancazada. As follas son alternas, pecioladas, arredondadas coa base acorazonada, beira dentada, de cor verde escura e lixeiramente pubescente no anverso e prateada no reverso. As flores son hermafroditas, brancas, aromáticas e dispostas en cimas. O froito é ovoide e pubescente. Florece entre mediados e finais do verán. É orixinaria da Península Balcánica, Hungría, Ucraína e N de Anatolia. En Galicia está presente en diversos parques e alamedas.

Palabras veciñas

tilacoide | Tilburg | tílburi | tileiro | Tilia | tiliáceo -a | tílide