Tomiño

Tomiño


Concello da comarca do Baixo Miño, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma (41° 59’ 30’’ N - 8° 45’ 00’’ O). Limita ao N con Gondomar (comarca de Vigo) e Tui (O Baixo Miño), ao L con Portugal, ao S co Rosal (O Baixo Miño) e Portugal, e ao O co Rosal e Oia (O Baixo Miño). Abrangue unha superficie de 106,6 km 2 cunha poboación de 12.651 h (2007), distribuída nas parroquias de Amorín, Barrantes, Currás, Estás, Figueiró, Forcadela, Goián, Pinzás, Piñeiro, San Salvador de Tebra, Sobrada, Taborda, Tebra, Tomiño e Vilameán. A capital está no lugar do Seixo, na parroquia de Tomiño. Atópase a 108 km de Santiago e a 54 km de Pontevedra. Está adscrito ao partido xudicial de Tui e á diocese de Vigo-Tui.
Xeografía física
A configuración topográfica está condicionada pola contraposición entre as terras chás do val do Baixo Miño, prolongadas cara ao N e segue o curso do río Briña, e unha sucesión de bloques erguidos que pechan o val polo O e o N. As terras baixas, que se estenden polo centro, S e L do concello, caracterízanse polas escasas pendentes, froito da acción sedimentaria do río Miño que deposita aluvións en capas horizontais. Os macizos que a rodean resólvense en aliñacións que se erixen bruscamente, conformadas por granitos intensamente fallados e fracturados. Entre estas aliñacións destacan, cara ao O, as serras da Groba e Argallo, con altitudes comprendidas entre os 400 e 600 m e que se dispoñen seguindo unha dirección N-S. No seu extremo setentrional as altitudes son máis modestas (Alto de Cereixo, 447 m; Alto das Pereiras, 463 m), correspóndese cunha aliñación de dirección O-L que une as serras da Groba e do Galiñeiro. Atópase no dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. A suavidade climática é o trazo máis importante, á súa vez, favorecido pola súa situación no Baixo Miño e está abrigado dos ventos mariños. A temperatura media anual é de 14,0°C. A media de xaneiro é de 7,6°C, e a de xullo é de 19,9°C. A amplitude térmica extrema chega aos 23,0°C. A precipitación anual media é de 1.715 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival: o 36% das precipitacións recóllense en inverno, fronte ao 7% do verán, e fican con valores medios a primavera co 28 % e o outono co 29%. A rede hidrográfica está condicionada polo curso do río Miño, que no seu tramo final discorre nunha dirección NL-SO, e cara a el van numerosos regos cunha dirección N-S, dos que destacan o río Furnia que baña as parroquias do extremo SL; o río Briña, que nace na abas do Alto do Cereixo e percorre as terras de Tebra e Taborda, e recibe preto do seu nacemento o río Cereixo; e o río Pego, que atravesa o O do concello e o seu curso delimita a vertente L da serra do Argallo. Desde o punto de vista da vexetación natural destacan os bosques de ribeira (amieros, salgueiros), que son os principais restos da vexetación clímax. As plantacións de piñeiros e eucaliptos substituíron o manto arbóreo de carballos e castiñeiros. Destacan as amplas extensións deforestadas nas serras do Argallo e da Groba grazas ás amplas superficies de rocha núa como a acción antrópica (lumes).
Xeografía humana
A poboación de Tomiño permaneceu estable, aínda que no censo de 2001 é superior á que contaba en 1900 e rexistrou ao longo do s XX variacións de escasa contía. Entre 1900 e 1920 viviu unha etapa de estancamento (-0,08% interanual), contrapesada por un lixeiro incremento entre 1920 e 1950 (0,013% interanual). Entre 1950 e 1960, afectado pola reactivación das correntes emigratorias cara a América (-0,57% interanual), deu paso a unha etapa de estancamento entre 1960 e 1970 (0,05% interanual) e a un moderado crecemento entre 1970 e 1981 (0,64% interanual). As últimas décadas de século son de comportamento dispar, pois na década de 1980 volveu perder efectivos (-0,35% interanual) e entre 1991 e 2001 beneficiouse da dinámica positiva vincullada á residencialización de varias parroquias respecto á cidade de Vigo (0,96% interanual). Este aumento continuou no período 2001-2007 cun ascenso do 11,26%. En 2006 o crecemento natural foi positivo (0,2‰) froito dunhas taxas de natalidade (8,5‰) e mortalidade (8,3‰) semellantes. Os menores de 20 anos representan o 19,4% da poboación fronte aos maiores de 65 anos (17,8%); o grupo intermedio representa o 62,8%. Por sexos, a poboación feminina supera (50,07%) a masculina (49,92%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Tomiño é do 56,8% (69,4% a masculina e 44,8%a feminina); a taxa de ocupación é do 53,3% (64,8% a masculina e 40,4% a feminina);a taxa de paro é do 7,9% (6,6% a masculina e 9,8% a feminina). O sector primario ocupa o 24% da poboación activa. A superficie cultivada representa o 19,1% do territorio, ocupado en gran medida por millo, viñedo e pataca . Os viños que se producen no concello están amparados á Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona do Rosal. Os prados e pastos abranguen o 1,2% do territorio. O armentío bovino está destinado á produción de leite, e o porcino e os grupos de cabalos pastan en réxime de semiliberdade polas serras do Argallo e da Groba. A industria acolle o 21,9% da poboación activa e destacan as empresas conserveiras, madeireiras, de materiais de construción, de produtos lácteos, téxtil e metalúrxicas. A construción dá emprego ao 17% da man de obra. Os servizos ocupan o 37% dos traballadores, dos que destacan os equipamentos terciarios na parroquia de Tomiño e na vila de Goián, beneficiada esta última polo transbordador que a une coa vila portuguesa de Caminha. A principal vía de comunicación é a estrada PO-550, de Tui a Cee, e tamén a que une O Seixo con Gondomar.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras do concello amósase nos restos paleolíticos atopados en Goián ou Pinzás, nas mostras de arte rupestres de Goián ou Tebra e nos restos megalíticos de Vilachán do Monte. Durante a época romana explotáronse as minas que existían no concello. A necrópole de Currás amosa restos suevos. Durante a Idade Media dependeu dos mosteiros de Barrantes e Santa María de Oia. Territorio fronteirizo, sufriu frecuentes incursións portuguesas durante a Idade Moderna. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Barrantes, señorío dos seus veciños; Sobrada, señorío dos seus veciños; Tebra, señorío laico; Tomiño, señorío dos seus veciños, compartido con outro señor laico e coa Encomenda de Beade; e os coutos redondos de Amorín, señorío do bispo de Tui, Currás, señorío dos seus veciños, Forcadela, señorío do cabido de Tui, e Goián, señorío laico. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Tebra, Barrantes, Amorín, Sobrada, Tomiño e Goián. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do concello produciuse en 1835 coa creación do concello de Tomiño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Santa María de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra e San Vicente de Barrantes. No eido do arquitectura civil destaca o pazo-torre de Tebra, os castelos da Concepción e de San Lourenzo, ambos os dous en Goián e declarados BIC en 1995, os castelos de Amorín (BIC, 1995) e de Medos en Estás (BIC, 1995), as casas da Cerca e da Inquisición. Celébranse, entre outras, as festas de San Miguel en Barrantes, a Virxe do Rosario en Currás, a Peregrina en Estás, San Pedro en Forcadela e Nosa Señora dos Remedios en Goián.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Baixo Miño, O
Extensión 106 Km2
Poboación Total 12651 h
Poboación Homes 6316 h
Poboación Mulleres 6335 h
Densidade de poboación 119.35 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias