torpedo

torpedo

(

  1. s m [BÉL]

    Proxectil autopropulsado submarino, dotado de flotabilidade e dun sistema propio de dirección que, lanzado á auga por un avión, por unha embarcación de superficie torpedeira ou disparado por un submarino, explota por percusión ao tocalo ou por influencia da masa magnética dunha embarcación se pasou polo lado dela sen tocala. É fusiforme e pode acadar 8 m de lonxitude e 650 mm de diámetro. Os seus elementos constitutivos son, de proa a popa, unha espoleta, unha carga duns 300 kg de explosivos (xeralmente trinitrotolueno derretido), un dispositivo de aire comprimido, uns pequenos compartimentos estancos para a regulación da profundidade de inmersión, un motor de aire comprimido (duns 250 CV), unha hélice dobre de sentidos de rotación contrarios e os tEmóns de profundidade e de dirección movidos por servomecanismos accionados polo regulador de profundidade e polo mecanismo xiroscópico da dirección, respectivamente. A velocidade chega a ser de 45 nós, e o seu alcance, de ata máis de 20 km. Está provisto dun sistema acústico de autodirección que o orienta na dirección de onde proveñen as ondas enxendradas polas hélices da embarcación inimiga.

  2. torpedo humano [BÉL]

    Torpedo tripulado por un ou dous homes, provistos de equipos de mergullo, destinado especialmente a accións de guerra ofensivas, en que os tripulantes colocan algunha carga explosiva na obra viva dalgún barco inimigo ou lanzan contra este un torpedo que levan como armamento. Teñen pouca autonomía (uns 50 km), e son transportados ao lugar de operacións por submarinos, barcos mercantes ou lanchas rápidas.