Torre Novaes de Quiroga, condado de

Torre Novaes de Quiroga, condado de

Título nobiliario outorgado por Isabel II en 1852 a Manuel María Vázquez de Quiroga e Queipo de Llano (San Cristovo do Real, Samos 1800 - Quiroga 1859), senador e deputado, polos servizos prestados polo seu pai, Antonio María Vázquez de Quiroga e Arias, na Guerra da Independencia. Sucedeuno o seu fillo Vicente María Vázquez de Quiroga-Queipo de Llano e Quiroga (Quiroga 1827-Santiago de Compostela 1867), II conde de Torre Novaes de Quiroga e I vizconde de Espasantes. Morreu sen descendencia e e o título pasou ao seu irmán Francisco Javier Quiroga-Queipo e Pardo-Balmonte (?-Quiroga 1897), III conde de Torre Novaes de Quiroga, sucedido polo seu fillo Francisco Javier Vázquez-Queipo e Montoto (?-Espasantes 1949), IV conde de Torre Novaes de Quiroga. Herdou o título a súa filla María del Pilar Vázquez-Queipo e del Río (?-Madrid 1975) V condesa de Torre Novaes de Quiroga, sucedida pola súa filla María del Pilar Escribano e Vázquez-Queipo , VI condesa de Torre Novaes de Quiroga. En 1980 recibiu o título Luis Acero Cubas , neto da VI condesa. Trae por armas escudo partido: 1, de azul, un castelo de cuxa torre da homenaxe sae un brazo armado, sostendo unha chave, todo de prata; no cantón destro do xefe, un sol radiante de ouro, e, no esquerdo, un crecente adestrado, de prata, bordo de goles con oito vieiras de prata (Vázquez); 2, de goles, cinco paus recortados e aguzados en punta, de prata, postos en faixa (Quiroga). No timbre, coroa condal.