Touro

Touro


Concello da comarca de Arzúa situado no S da provincia da Coruña e no centro da Comunidade Autónoma de Galicia ( 42° 51’ 30’’ N e 8° 18’ 30’’ O). Limita ao N co concello do Pino (comarca de Arzúa), ao S co de Vila de Cruces (Deza) e Boqueixón (Santiago), ao L co de Arzúa e ao O co de Boqueixón. Abrangue unha extensión de 115,3 km 2 , cunha poboación de 4.353 h (2007), distribuída nas parroquias de Andeade, Bama, Bendaña, Beseño, Calvos de Socamiño, Circes, Cornado, Enquerentes, Fao, Fontes Rosas, Foxás, Loxo, Novefontes, Prevediños, San Fiz de Quión, San Miguel de Vilar, San Pedro de Ribeira, Touro e Turces. A súa capital atópase no lugar de Fonte Díaz, na parroquia de Touro, situada a 80 km da Coruña e a 31 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Arzúa e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
A presenza do río Ulla caracteriza o relevo de Touro. Este curso fluvial serve de límite sur, por onde circula con notable encaixamento. Este sector meridional é o de menor altitude media (arredor de 250 m), pero a topografía elévase de xeito paulatino cara ao N, onde se acadan as maiores cotas: Picón (400 m), Pena da Cabreira (399 m), San Sebastián (392 m) e Xunqueira (388 m). Os afluentes do Ulla presentan unha orientación N-S (Prevediños, Brandelos e Laña), pois aproveitan o desnivel topográfico e instálanse maioritariamente en liñas de fractura con esa disposición meridiana. En xeral, o conxunto do concello forma parte dos restos da superficie de erosión terciaria situada ao O da Dorsal Meridiana situada arredor dos 300-400 m, degradada pola acción fluvial. Ten un substrato litolóxico maioritariamente xistoso, da serie de Ordes, atravesado por rochas básicas, anfibolitas e gabros. A variedade litolóxica a escala local é ampla e a existencia de minas de minerais de alto valor económico (cobre, ferro e pirita) favoreceron o desenvolvemento de explotacións mineiras de certa magnitude no límite do concello co Pino. Pertence ao dominio oceánico húmido e, dentro das variedades galegas, ao dos climas do interior, subtipo das plataformas occidentais, onde se nota xa o aloxamento do océano no comportamento térmico. A ausencia de relevos significativos interpostos entre a costa e o concello de Touro favorece a penetración dos ventos húmidos do océano, cunha exposición favorable aos fluxos do NO, N, S e SO. Deste xeito, as precipitacións son abundantes (2.000 mm), cun máximo invernal bastante marcado (39%) e un máximo secundario en primavera (27%), aínda que no outono tamén son abundantes (24%). Na época estival dáse un descenso drástico (10%), que se traduce en problemas de aridez en xullo e agosto. As xornadas anuais de chuvia sitúanse entre 140 e 150. A continentalización déixase sentir sobre todo no inverno, cunha temperatura mínima en xaneiro de 7°C, aínda que no verán as máximas (18,5°C) son máis baixas ca no litoral. A temperatura media anual sitúase en 12,5°C. O risco de xeadas nocturnas é notable de novembro a marzo. A vexetación está moi degradada. As especies clímax (carballo e árbores ripícolas como ameneiros, bidueiros, freixos e salgueiros) adoitan aparecer en bosques mixtos con piñeiros e eucaliptos, especies que progresaron moito co avance da repoboación forestal, moitas veces levada a cabo en terras de cultivo abandonadas.
Xeografía humana
A poboación de Touro reduciuse un 25,5% desde a publicación do primeiro censo moderno, o de 1887 (6.407 h), ata a renovación censual de 2001 (4.776 h). Non obstante, este descenso non foi lineal e viviu períodos de forte incremento fronte a outros de notable diminución poboacional. Así, de 1887 a 1900, a poboación medrou cada ano un 0,33% malia a notable forza da emigración ultramarina, contrarrestada por un crecemento natural moi positivo. A pesar disto, a intensificación das saídas a comezos do s XX favoreceu que Touro perdese un -1,16% anual da súa poboación entre 1900 e 1910. A partir desa última data retomou a senda do crecemento que non abandonou ata 1960, cun aumento da poboación durante ese período dun 0,63% anual. A partir dese ano entrou de novo nunha dinámica de crise demográfica que xa non abandonou (-0,83% anual), favorecida ata mediados da década de 1970 por unha forte vaga emigratoria cara a Europa, logo ata mediados da década de 1980 cara as áreas españolas máis desenvolvidas e, finalmente, durante os últimos anos, como consecuencia polo elevado saldo natural negativo (-9‰ en 2006). Ese decrecemento vexetativo tan acusado é froito dunha natalidade moi cativa (4‰) e dunha mortalidade alta (13‰) e en ascenso como consecuencia do elevado grao de avellentamento: o 28,8% do colectivo demográfico ten 65 ou máis anos fronte aos menores de 20 anos que supoñen só o 13,8%; o grupo intermedio representa o 57,4%. Por sexos dominan as mulleres (50,65% fronte ao 49,34% de homes).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Touro é do 47,1% (59% a masculina e 35,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,2% (54,4% a masculina e 32,6% a feminina); e a taxa de paro é do 8,3% (7,8% a masculina e 9% a feminina). A actividade agraria coñeceu unha drástica redución de ocupados pois pasou de supoñer case o 70% na década dos noventa ao 23% na actualidade. A desaparición de efectivos no sector primario debeuse fundamentalmente á xubilación dos mesmos, pois os activos agrarios presentan unha elevada idade media. A gandaría vacúa leiteira (7.100 cabezas en 2007) é o subsector dominante, con 335 explotacións. A gandaría porcina tamén ten moita implantación no concello con 120 cabezas reprodutoras (2005). As terras labradas supoñen o 26,2% da superficie total das explotacións, a maior parte delas dedicadas a cultivos forraxeiros para realizar silos cos que alimentar o gando vacún. Outro 16,3% está dedicado a pastos, mentres que o espazo que ocupan as especies arbóreas forestais é o 36,9%. Ás actividades pesqueiras dedícanse o 0,4% da poboación. A industria supón o 18% da ocupación e está dedicada fundamentalmente á rendibilización dos recursos endóxenos e conta con tres queixarías e varios serradoiros, ademais doutras de fabricación de materiais de construción. A industria extractiva, moi importante entre 1970 e 1986, cando Río Tinto-Arinteiro explotou as minas de cobre, pirita e ferro de Bama, apenas ten significación na actualidade e emprega só o 0,2% dos traballadores do concello. Á construción dedícase o 17,9% dos ocupados, sen apenas cualificación porque en moitas ocasións trátase de homes que abandonaron a actividade agraria na busca de maiores rendas. Os servizos son o subsector maioritario, co 40,8% dos ocupados, onde destaca o comercio, a hostalaría, o transporte, a Administración Pública e seguridade, a educación, a sanidade e as actividades sociais e servizos persoais. A principal vía de comunicación é a estrada LC-240 de Ponte Ulla a Arzúa.
Historia
Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Touro pertencían ás xurisdicións de Xiro da Rocha e Bendaña, ambas as dúas señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Cira e Budiño, ambas as dúas señorío do conde de Altamira; Bendaña do Marqués, señorío do marqués de Bendaña (parroquia de Bendaña). A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a organización municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Touro e Vilar. A derrogación da Constitución por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a volta ao Antigo Réxime. O municipalismo recuperouse en 1835 coa creación do concello de Touro.
Patrimonio cultural
O concello conserva diversas casas nobres e pazos do s XVIII, dos que destacan os de Andeade, fundado no s XVIII; o de Rosende en Socamiño, con elementos renacentistas e do s XVII; o de Minze en Prevediños, as casas de San Cristovo e Souto en Fao e o pazo de Dioño en Cornado, edificado entre xardíns. Da arquitectura popular sobresaen os cruceiros de Andeade e Santa María de Loxo. Celébranse, entre outras, as festas de San Breixo, Santa Isabel e a romaría do Coto.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Arzúa
Extensión 115 Km2
Poboación Total 4353 h
Poboación Homes 2148 h
Poboación Mulleres 2205 h
Densidade de poboación 37.85 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias