traballo

traballo

(< traballar)

    1. s m

      Acción de traballar.

    2. s m [DER/ECON/SOCIOL]

      Actividade consciente do home orientada a obter os bens ou medios para satisfacer as súas necesidades, transformando a natureza que o rodea coa finalidade de aumentar a súa utilidade. As formas concretas que pode tomar dependen dun conxunto complexo de factores tecnolóxicos e sociais. As súas posibilidades están limitadas pola natureza física do home, que só poden superarse coa produción de instrumentos de traballo, que a súa vez requiren que o home produza un excedente co seu traballo. O proceso configúrase, polo tanto, como a interrelación entre o obxecto de traballo, que é a natureza que este transforma, e os instrumentos de traballo, que xa son natureza transformada por traballo pasado ou morto, coas horas de traballo aplicadas no proceso ou traballo vivo. Por medio do traballo o individuo interrelaciónase cos outros membros da sociedade a causa do fenómeno da división do traballo que pode ser técnica ou social. Baixo o capitalismo, a capacidade de traballo que pode ser utilizada no proceso produtivo ou forza de traballo convértese nunha mercadoría. A penetración do modo de produción capitalista nunha sociedade determinada caracterízase pola xeneralización dun mercado de forza de traballo en forma de traballo asalariado en que hai uns compradores, os posuidores de diñeiro ou capitalistas, que determinan a demanda de forza de traballo na medida en que, utilizándoa, poden obter un beneficio, e en que hai uns vendedores, os que non posúen ningunha outra mercadoría coa que poder obter os medios de subsistencia ademais da súa forza de traballo, que determinan a oferta deste mercado. O proceso de produción capitalista é, polo tanto, un proceso de traballo para a produción de bens útiles, e tamén un proceso de valoración para a produción de plusvalía, do que o primeiro está totalmente subordinado ao segundo. Unha das manifestacións desta subordinación é a división capitalista do traballo coa que se pretende aumentar a plusvalía poñendo o control do proceso de traballo en mans do capitalista, coa intensificación dos ritmos de produción e coa redución do valor da forza de traballo polo menor nivel de cualificación que esta división implica. A división capitalista do traballo tamén contribúe a crear as condicións máis favorables para que o capitalista poida extraer a maior cantidade de traballo efectivo da mercadoría que mercou, que non é outra cousa que traballo potencial.

    3. s m

      Actividade física ou mental que alguén desenvolve de maneira profesional e remunerada.

    4. s m

      Lugar onde se realiza unha actividade profesional.

    5. traballo a tempo parcial [ECON]

      Relación laboral de carácter estable en que o empresario e o traballador acordan un tempo de traballo por debaixo da norma habitual, a diferenza do traballo a tempo completo.

    6. traballo social [SOCIOL]

      Actividade profesional propia dos traballadores sociais que consiste en analizar, sintetizar e interpretar as causas e os elementos implicados nunha realidade concreta, especialmente se é conflitiva, e en formular programas de acción xunto ás persoas afectadas. Como actividade profesional naceu nos países industrializados a finais do s XIX como resposta ás necesidades provocadas polos cambios socioeconómicos do momento.

    7. traballos forzados / [DER/HIST]

      Traballos aos que estaban obrigados algúns condenados por razón dun delito e que formaban parte da condena. Normalmente a condena tiña lugar nun campo de traballo, como os campos de concentración creados polos nazis desde 1934 ata o final da Segunda Guerra Mundial.

    1. s m

      Obra en que alguén traballa.

    2. s m

      Obra que se obtén como resultado de aplicar unha acción ou un esforzo determinado.

    3. s m

      Obra de carácter científico, intelectual ou artístico.

    4. traballo de campo

      Traballo de investigación práctica que se realiza para recoller información que logo sirva para elaborar unha tese.

  1. s m

    Sufrimento, pena ou fatiga que se pasa nunha parte da vida ou nunha ocasión concreta. OBS: Nesta acepción adoita empregarse en plural.

  2. s m [FÍS]

    Efecto dunha forza en tanto que vence unha resistencia e, tanto, polo que produce un desprazamento do seu punto de aplicación. Mídese mediante o produto da forza polo camiño percorrido na súa dirección. Dada unha forza F que actúa sobre un punto material mentres este se despraza da posición A á posición B ao longo da traxectoria T, defínese matematicamente o traballo W mediante a expresión:


    FORMULA


    W  = ∫ <H>B</H> <J>A </J>F · dl
    No caso dunha forza F constante e dunha traxectoria rectilínea, o traballo redúcese a W = F·AB. No SI a unidade de traballo é o joule (J), no sistema CGS é o erg (10 -7 J) e no sistema técnico ou terrestre é o quilográmetro (9,81 J).

Refráns

  • A facenda da muller sempre está feita e sempre está por facer.
  • A mal amañada primeiro abre a porta que cobre a cama.
  • A muller na casa e o home na arada.
  • A muller que gobeme a casa e o home a arada.
  • Aproveite ben en febreiro o que folgou en xaneiro.
  • Bo traballo é traballar cando a ganacia é pouca.
  • Cando mozos, traballos; e cando vellos, farrapos.
  • Con pouco traballo non se fan logo as cousas.
  • De Deus abaixo todo o mundo vive do seu trabaIlo, sexa bo, sexa malo.
  • Detrás do traballo vén o pago.
  • Fai o que saibas para que en tódalas partes caibas, que o que sabe en tódolos sitios cabe.
  • Home que traballa polo que non merece, co trabaIlo non adoece.
  • Máis traballo custa vivir ben que mal.
  • Mellor é traballar de balde que vivir de balde.
  • Mentres ande na leira o xugo, que ande na casa o fuso.
  • Na semana de Ramos lava os teus panos, que na de Paixón ou poderás ou non.
  • Nace o home para traballar e non para folgar.
  • Non dá "morcilla" o que non mata porco.
  • Non hai cousa que máis canse ro traballo, mais tamén adoita cansar o moito folgar.
  • Non hai cousa que máis canse ro traballo.
  • O luns mollo, o martes lavo, o mércores seco, o xoves saco, o venres peneiro, o sábado amaso e o domingo, que eu fiaría, todos me din que xa non é día.
  • O moito traballo quere a moita mantenza.
  • O moito traballo trae o moito gasto.
  • O que moito traballa, máis axiña acaba.
  • O que non ten pan teno que buscar, porque sen comer non se pode pasar.
  • O que non traballa na súa mocidade, non chega a vello na ancianidade.
  • O que non traballa, non manduca.
  • O que ten carro e muller, non lle falta que facer.
  • O traballar e o comer o seu xeito ha ter.
  • O traballar é virtude e o non traballar é saude.
  • O traballo cansa pero non mata.
  • O traballo ennobrece.
  • O traballo non deshonra a ninguén.
  • O traballo nunca loce, se a ganancia é pouca.
  • Quen máis traballa máis perde.
  • Quen non traballa non ten migalla.
  • Se folgas nos días soltos ¿qué deixas para os días santos?
  • Tendo saúde e comendo ben, o traballar non mata a ninguén.
  • Traballar e non comer é camiño seguro para morrer.
  • Traballar sen tino é morrer sen fe.
  • Traballo é a mala ventura, e máis traballo é cando dura.
  • Traballo feito non pide présa.
  • Traballo que se fai con gusto non o sente o corpo.
  • Traballo ten a raposa cando anda aos grilos.
  • Tras do traballo vén o descanso máis tamén vén o cansancio.
  • Un por outro, o traballo non se fai.
  • ¡Cómo alegra o que sen traballo se gaña e sen trabaIlo se aumenta!