Trabe de Ouro, A
Revista publicada en Santiago de Compostela a partir de xaneiro de 1990. Subtitulada “Publicación galega de pensamento crítico”, foi dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín e editada por Sotelo Blanco Edicións. De periodicidade trimestral, trátase dunha publicación sobria no seu deseño, obra de Francisco Mantecón, pero con abundante contido cultural e crítico agrupado nas seccións “Cuestións”, “Acoutacións”, “Textos”, “Publicacións” e “Crónica”. Dos seus contidos destacan os artigos relacionados con cuestións de pensamento político, temas literarios e lingüísticos (poesía, recuperación de textos inéditos ou literatura noutras linguas), e ensaios sobre filosofía e socioloxía. Cunha tendencia marxista e nacionalista, a revista contou con abundantes colaboracións destacadas tanto de autores galegos coma foráneos, co obxecto de servir de foro para o debate de ideas.