Trandeiras, Bon Xesús de

Trandeiras, Bon Xesús de

Antigo convento franciscano fundado en 1520 na Pena (Xinzo de Limia), baixo o padroado do chantre da catedral de Ourense e prior de Xunqueira de Ambía, Alonso de Piña. Incendiouse en 1668 e encomendóuselle as reparacións aos mestres de cantaría Benito Conde e Domingo Cabaleiro. Destruído durante a Guerra da Independencia, a raíz da exclaustración de 1835 pasou a ser propiedade privada. En estado ruinoso, só se conservan o claustro baixo, de estilo tardo-gótico, obra de Bartolomé de Nosendo, e a igrexa, dunha nave e cabeceira poligonal cuberta con bóveda de cruzaría. A portada é plateresca (s XVI) cun arco mixtilíneo con arquivoltas e decorada con motivos vexetais. Despois do incendio de 1668, a cuberta foi substituída pola bóveda de canón que descansa sobre pilastras apegadas e enlazadas por arcos de medio punto. No seu interior, destacan a capela maior e as imaxes de Cornielles de Holanda.

Palabras veciñas

trancho | tranco | trandeira | Trandeiras, Bon Xesús de | tranexámico, ácido | Trang | trangallada