transición

transición

(< lat transitĭōne)

  1. s f

    Acción de pasar dun estado, idea ou asunto a outro sen cambios bruscos.

  2. s f [FÍS]

    Evolución cara a un estado de menor enerxía dun núcleo atómico que se atopa nun nivel excitado, mediante a emisión dunha radiación electromagnética. Este fenómeno, descuberto en 1922 por C.D. Ellis e Lise Meitner, adoita acompañar a desintegración dos núcleos dunha substancia.

  3. elementos de transición [QUÍM]

    Denominación xenérica dos elementos que no seu estado fundamental ou nalgún dos seus estados de oxidación presentan unha configuración electrónica con capas d ou f parcialmente ocupadas. Existen 55 elementos de transición clasificados en dous grupos. Os elementos de transición principais ou do bloque d están constituídos polas series que van do escandio ao cobre (primeira serie de transición), do itrio á prata (segunda serie de transición), e a serie que comprende o lantano e os elementos que van desde o hafnio ata o ouro (terceira serie de transición). Os elementos de transición interna ou do bloque f, están constituídos pola familia dos lantánidos ou primeira serie de transición interna, que vai do cerio ao lutecio e a familia dos actínidos, ou segunda serie de transición interna, que vai desde o torio ao laurencio.

  4. estado de transición [QUÍM]

    Entidade intermedia entre os reactivos e os produtos dunha reacción química.

  5. teoría do estado de transición [QUÍM]

    Teoría que explica a relación entre a constante de velocidade de reacción e a temperatura. Baséase na suposición de que para que a reacción teña lugar ten que acontecer que os átomos ou as moléculas reaccionantes ao interactuar, formen un complexo activado; feito que pode evolucionar tanto cara aos reactantes coma cara aos produtos. Foi desenvolvida por H. Eyring no ano 1935. OBS: Tamén se denomina teoría das velocidades de reacción absolutas.

  6. transición demográfica [DEMOG]

    Descrición esquemática atemporal que explica o proceso no que se atopa unha sociedade ao pasar de estar dominada por un réxime demográfico baseado nuns índices elevados de mortalidade e natalidade a un novo réxime caracterizado pola redución destes índices. Esta teoría é unha situación lóxica establecida en tres fases. A primeira fase denominada antigo réxime demográfico ou réxime demográfico tradicional, caracterízase por uns elevados índices de natalidade e mortalidade e unha esperanza de vida baixa. Na segunda fase denominada período de transición demográfica, prodúcese primeiro un descenso dos índices de mortalidade e un posterior descenso dos índices de natalidade; é o que se denomina explosión demográfica. Por último a terceira fase denominada novo réxime demográfico ou réxime demográfico moderno, que se caracteriza por uns índices de mortalidade e de natalidade baixos e unha elevada esperanza de vida.