Transxordania
Antiga rexión de Palestina situada ao L do Xordán, correspondente ás fronteiras de Xordania tras o armisticio de 1967. Ocupada antigamente por ammonitas, moabitas e idumeos, foi sede das tribos israelitas de Gad, Rubén e parte de Manasés. Conquistada polos seléucidas (400? a C), formou parte do imperio nabateo de Petra. Baixo os asmoneos (143-63 a C) volveu formar parte do estado xudeu. Conquistada polos musulmáns (637), pasou a ser un dos seis reinos (Reino de Karak) en que foi dividida Siria baixo os califas de Bagdad. En tempos dos cruzados constituíu o principado latino de Transxordania. Tras a vitoria de Saladino en Hattin (1187) contra Reinaldo de Châtillon foi un emirato dependente dos sultáns mamelucos de Exipto. Anexionada ao Imperio Otomán (s XVI), foi ocupada polos británicos (1917), que confiaron a súa administración ao emir haxemita Abdullah ibn Hussein. Recoñecida a súa independencia (1923), a oposición sionista aconsellou a constitución dun protectorado británico nela (1928). En 1949, xunto a Cisxordania, pasou a constituír o moderno Reino de Xordania.