Trasmiras

Trasmiras


Concello da comarca da Limia situado no S da provincia de Ourense e S L da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 01’ N - 7° 36’ 30’’ O). Limita ao N cos concellos de Xinzo de Limia e Sarreaus (comarca da Limia), ao S cos de Cualedro (Verín) e Xinzo de Limia, ao L co de Cualedro e ao O co de Xinzo de Limia (todos eles da Limia). Abraengue unha extensión de 56,7 km 2 cunha poboación de 1.724h (2007) distribuída nas parroquias de Abavides, Chamosiños, Escornabois, Lobaces, Trasmiras, Vila de Rei, Vilar de Lebres, Vilaseca e Zos. A súa capital é o lugar de Trasmiras, situada a 51 km de Ourense e a 168 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Xinzo de Limia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
Trasmiras forma parte dun rebordo da depresión da Limia. A súa topografía é bastante plana, cunha altitude media que se sitúa ao redor dos 740 m, aínda que preto do 90% do seu territorio está situado entre os 650 e 700 mm. Trátase de recheos de cronoloxía postalpina, terciarios e cuaternarios, na súa maior parte de orixe aluvial de carácter areoso. A monotonía da paisaxe rómpese ao L e ao S. No L aparecen os contrafortes da serra das Estivadas, onde se erguen as maiores altitudes do concello: O Castelo (850 m), A Ermida (836 m), Pena Alta (831 m), Seixo (817 m) e Alto do Picotiño (781 m). Ao S aparecen os montes de Cualedro, coa liña de cumios arredor dos 750 m. O substrato xeolóxico previo ao recubrimento aluvial recente aflora nalgúns sectores do concello, de xeito que en Vilaseca aparecen xistos grafitosos do Cámbrico; en Abavides e Chamosiños afloran granitos da era primaria, en Pardieiros existen gneis e os materiais das áreas máis elevadas do L e o S teñen unha cronoloxía precámbrica e cámbrica. A rede hidrográfica está organizada pola conca do Limia, que atravesa o NO do concello. A ese curso tributan o Faramontaos (ao O do concello) e o Trasmiras, que nace na serra das Estivadas e drena lonxitudinalmente o concello cunha dirección NO-SL. O clima pertence ao dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas adscríbese aos climas do interior, subtipo das depresións surorientais de matiz frío. Aprécianse matices mediterráneos, especialmente nas precipitacións, que non rebordan os 800 mm. O réxime pluviométrico presenta un acusado máximo invernal (38% das chuvias), un máximo secundario en outono (27%), aínda que a primavera tamén acada un peso relativo importante. Dáse, ademais, unha acusada seca estival (10%), e xorden problemas de aridez entre xullo e setembro. A temperatura media sitúase arredor dos 11°C e non acada no verán valores moi elevados (xullo, 18°C) debido á intensa irradiación nocturna. A elevada altitude media inflúe en temperaturas invernais baixas (4°C en xaneiro). Os fenómenos de inversión térmica con néboas matinais persistentes son comúns, ao igual que as xeadas, con notable risco de producirse practicamente durante todo o ano. Pouco queda da vexetación clímax de frondosas caducifolias con carballos cerquiños como especies predominantes. Son abundantes as áreas ocupadas por piñeiros e relativamente frecuentes os soutos de castiñeiros, así como as áreas cubertas por matogueiras, en especial toxos, uces e xestas.
Xeografía humana
O concello de Trasmiras presenta un declive demográfico semellante ao da maior parte do interior galego, aínda que a evolución que coñeceu desde a publicación do primeiro censo moderno, o de 1887 (2.618 h), mostrou momentos de notable incremento demográfico con outros de agudas crises. Así, entre 1887 e 1910 deixouse sentir con forza a primeira vagada emigratoria galega cara a América, pero a existencia no concello dun notable crecemento natural positivo contrarrestou as perdas vía emigración, de xeito que medrou un 0,49% anual. Non obstante, entre 1910 e 1920 intensificáronse as saídas e produciuse o primeiro episodio de descenso poboacional (-0,69% anual). A crise económica internacional de finais da década de 1920, a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, cortaron os fluxos exteriores, de xeito que entre 1920 e 1960 Trasmiras medrou en habitantes ao forte ritmo anual do 1,2%, polo que acadou en 1960 o seu máximo demográfico (4.008 h). A partir de 1960 abriuse a vía emigratoria europea e cara ás áreas españolas máis desenvolvidas, que supuxeron unhas intensas perdas de efectivos ata 1970 (-1,21% anual). A crise económica internacional derivada do incremento dos prezos do petróleo supuxo que moitos emigrantes retornasen, polo que se encrementou de novo a poboación ata 1981 un 0,79% cada ano. Os dous últimos decenios (1981-2001) supuxeron un novo e intenso declive demográfico (-2,61% anual), situación que se repetiu nos primeiros anos do s XXI: -5,74% entre 2001 e 2007. Este descenso está motivado principalmente polo elevado saldo vexetativo negativo (-11,9‰, 2006), froito dunha natalidade moi baixa (2,3‰) e unha mortalidade moi alta (14,2‰) e en ascenso, consecuencia do elevado grao de senectude (o 40,8% da poboación ten 65 anos ou máis fronte ao 8% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio é o 51,2%). Por sexos dominan as mulleres (51,10%) sobre os homes (48,89%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Trasmiras é do 31,6% (44,6% a masculina e 19,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 24,3% (34% a masculina e 15,2% a feminina); e a taxa de paro é do 22,9% (23,8% a masculina e 21% a feminina). A base económica do concello está totalmente condicionada polo extremadamente alto grao de avellentamento, de xeito que a maior fonte de ingresos é a transferencia de recursos económicos por parte da administración vía pensións de xubilación. Ata hai uns dez anos a actividade predominante era a agraria, pero o avellentamento dos propietarios das explotacións e a escasa renovación xeracional dos mesmos propicia a paulatina desaparición da poboación activa agraria de xeito que só supón o 13,1% dos ocupados. A superficie das terras labradas supón o 31,01 % das explotacións, que están dedicadas maioritariamente a un monocultivo de pataca. O trigo e o millo tamén son bastante cultivados. En 1985 realizouse a concentración parcelaria de todo o concello, reparcelando unhas 3.700 ha. A gandaría tamén acada certa importancia, especialmente o porcino e en menor medida o gando lanar. A industria ocupa ao 15,3% dos traballadores, que desenvolven o seu labor en empresas de escasa rendibilidade que aproveitan os recursos endóxenos, especialmente a madeira. Pola súa banda, a construción representa o 21,7% do emprego e trátase en moitas ocasións de homes que abandonaron a actividade agraria e presentan moi baixa cualificación, que desenvolveu en boa medida o seu traballo en Xinzo de Limia. Os servizos son o sector dominante, pero non por tratarse dunha economía terciarizada senón polo transvasamento de activos desde o sector primario. Supoñen o 49,9% dos ocupados e domina o comercio, a hostalaría e o transporte. As principais vías de comunicación son a N-525 e a A-52 (Vigo-Benavente).
Historia
Os historiadores romanos destacan a presenza nestas terras da tribo prerromana dos limicos, que se estendía pola conca do río Limia ao redor do Forum Limicorum. Durante o Antigo Réxime as parroquias de Trasmiras formaban parte das xurisdicións de Xinzo de Limia, señorío do conde de Monterrei, e Torre de Portela de Limia, señorío do conde de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Escornabois e Trasmiras, aos que se uniron en 1822 os de Abavides e Vila de Rei. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Trasmiras.
Patrimonio cultural
Destacan as igrexas de orixe románica de Santa María de Zos e San Salvador de Vilar de Lebres, e as igrexas de San Xoán de Trasmiras, Santa Baia de Chamosiños, Santa María de Abavides e Santa María de Escornabois, con trazos barrocos. No concello atópanse os espazos naturais de Veigas da Limia e a Ponte Liñares. Destacan, entre outras, as festas de Santa Isabel, da Virxe María e a Festa do Emigrante.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Limia, A
Extensión 56 Km2
Poboación Total 1724 h
Poboación Homes 843 h
Poboación Mulleres 881 h
Densidade de poboación 30.79 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias