Trazo
Concello da comarca de Ordes situado no centro-O de Galicia e no centro da provincia da Coruña (43° 01’ 12’’ N - 8° 30’ 42’’ O). Limita ao N co concello de Tordoia (comarca de Ordes); ao S co de Santiago de Compostela (Santiago); ao L co de Oroso (Ordes) e ao O co de Val do Dubra (Santiago). Abrangue unha superficie de 101,4 km 2 cunha poboación 3.548h (2007), distribuída nas parroquias de Benza, Berreo, Campo, Castelo, Chaián, Monzo, Morlán, Restande, Trazo, Vilouchada e Xavestre. A capital é o lugar de Viaño Pequeno, na parroquia de Campo, situada a 50 km da Coruña e 35 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Ordes.
Xeografía física
O concello de Trazo forma parte da superficie fundamental esóxena, aplanamento formado tras sucesivos movementos oroxénicos e posteriores arrasamentos no Terciario do zócolo hercinian cristalino sobre o que se asenta. O substrato litolóxico está formado por rochas metamórficas e plutónicas que pertencen ao complexo de Ordes, manto de corremento alóctono composto fundamentalmente por materiais xistosos. Os sectores de fondo de val dos ríos Tambre, Lengüelle e Pazo están recubertos de aluvións cuaternarios que forman solos moi fértiles. Consérvase un chanzo fluvial do Lengüelle en Castelo, que se continúa na beira esquerda dese río xa en terras de Oroso. Esta superficie presenta unha forte inclinación desde o NO cara ao SL. As formas do relevo presentan unha topografía uniforme, con pequenas ondulacións. As maiores alturas danse no sector NO do concello (Berdieiros, 507 m; Facha, 501 m; Silva Redonda, 467 m), aparecendo as menores cotas no fondo do val do Tambre, cuns 180 m. O clima adscríbese ao dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas ao subtipo das plataformas occidentais. A doada penetración dos fluxos ciclónicos do O e SO e dos ventos cargados de humidade do N e NO debido á ausencia de relevos interpostos entre o litoral e o concello, favorece a existencia de elevadas precipitacións (2.000 mm). O réxime pluviométrico amosa un acusado máximo invernal (39%), aínda que son tamén notables na primavera (25%) e no outono (26%). No verán redúcense substancialmente (10%), aparecendo aridez en xullo e agosto. As xornadas anuais de chuvia son unhas 140. A temperatura media anual sitúase en 12,5°C, e presenta certos matices de continentalización polo relativo afastamento do océano, que se manifesta nunha oscilación anual de entre 10°C e 11°C. A mínima invernal aparece en xaneiro (7,4°C,) e a máxima en agosto (18,5°C). O risco de xeadas é notable a partir de novembro e ata comezos da primavera. A vexetación clímax apenas ten presenza debido ao intenso labor de roza do monte para facer pastos e á notable presenza de repoboacións de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación de Trazo coñeceu un período de notable incremento demográfico desde a publicación do primeiro censo moderno, o de 1887 (3.567 h), ata 1950 (5.409 h), momento en que acadou o máximo poboacional, polo que medrou entre as dúas datas a un ritmo anual do 0,82%. Ese aumento demográfico estivo moi relacionado co significativo crecemento natural e coa produtividade dos seus solos, que lograban manter a unha poboación numerosa nuns niveis de vida dignos, de xeito que os movementos migratorios, aínda sendo importantes, non acadaron a masividade doutras áreas galegas. Porén, a partir desa data iniciouse un continuo declive do número de habitantes que xa non se cortou ata a actualidade. Así, entre 1950 e 1991 perdeu un -0,73% cada ano. Durante o último período intercensal, 1991-2001, o decrecemento continuou, a menor ritmo (-0,2% cada ano); entre 2001 e 2007 o descenso foi do -4,62%. O descenso das últimas décadas ven motivado agora polo elevado saldo natural negativo (-6,9‰, 2006), resultado dunha natalidade moi baixa (5,5‰) e unha mortalidade alta (12,4‰), e en aumento debido ao notable avellentamento. Os maiores de 65 anos supoñen o 27,4% do colectivo demográfico, fronte ao 12,60% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 60,1%. Na distribución por sexos as mulleres (50,73%) superan os homes (49,26%).
Xeografía económica
A taxa de actividade do concello de Trazo é do 47,4% (58,5% a masculina e 36,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,3% (52,3% a masculina e 32,6% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (10,6% a masculina e 11,1% a feminina). A topografía e o clima de Trazo fan do concello un lugar moi apto para o desenvolvemento dos prados, favorecidos tamén pola concentración parcelaria. A poboación que se dedica a actividades primarias supón o 34,6% dos ocupados. Os prados ocupan 32% da superficie das explotacións existentes. Trazo é un concello eminentemente gandeiro, dedicado á produción leiteira. Posúe 12.610 cabezas de vacún (2007) distribuídas en 410 explotacións. A industria supón o 14,1% dos ocupados, e está orientada na maior parte dos casos á rendibilidade dos recursos endóxenos (serradoiros e primeira transformación da madeira, queixarías, materiais de construción) ou é froito de iniciativas de capital local como unha empresa de confeccións. A construción aglutina ao 16,1% dos traballadores e os ocupados nesta actividade presentan en xeral escasa cualificación. Finalmente, os servizos supoñen o 35,2% do emprego, e destan dentro deles o comercio, a hostalaría e o transporte. Conta só con estradas locais, sendo as máis significativas as que comunican a capital municipal con Santiago de Compostela e Ordes.
Historia
A toponimia, como o Alto da Medorra, permite supoñer un asentamento megalítico, do que non hai restos. Nos castros de Francada e Lestrove atopáronse numerosos restos arqueolóxicos do período prerromano e romano. Sábese da existencia dun mosteiro medieval en San Vicente de Vilón, en Vilouchada, do que non hai vestixios. En Lestrove estaba situado o castelo do conde de Graxal de Campos, do que apenas quedan restos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Trazo pertencían ás xurisdicións de Budiño, señorío do conde de Altamira; Montaos, señorío do marqués de Montaos compartido nunha parroquia con outro señor laico; e Monzo e Restande, señorío de reguengo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Montao no seu territorio. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Santa María de Trazo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destacan a igrexa de San Xoán de Campo, de trazas románicas, a de San Pedro de Benza do s XII, e o pazo de Vilacova en Restande. Destacan tamén os cruceiros de Restande e de Benza. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de San Cristovo en Xavestre, Santa Eufemia e San Mateo en Vilouchada e a festa popular do escalo en Chaián.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 101 Km2 |
| Poboación Total | 3548 h |
| Poboación Homes | 1748 h |
| Poboación Mulleres | 18 h |
| Densidade de poboación | 35.13 h/Km2 |