Triacastela

Triacastela


Concello da comarca de Sarria situado no L de Galicia e da provincia de Lugo (42° 45’ 12’’ N - 7° 14’ 12’’ O). Limita ao N cos concellos de Láncara (comarca de Sarria) e Becerreá (Os Ancares), ao S cos de Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares) e Samos (Sarria), ao L co das Nogais (Os Ancares); e ao O co de Samos (Sarria). Abrangue unha extensión de 51,2 km 2 cunha poboación de 811 h (2007) distribuídos nas parroquias da Balsa, Cancelo, Lamas do Biduedo, O Monte, Santalla de Alfoz, Toldaos, Triacastela e Vilavella. A súa capital, a vila de Triacastela, está situada a 53 km de Lugo e a 71 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Lugoe ao partido xudicial de Becerreá.
Xeografía física
O concello de Triacastela é un territorio bastante illado ao estar rodeado de terras que superan os 1.000 m de altitude que forman parte dos contrafortes das serras orientais galegas. Estes rebordos montañosos só aparecen cortados na área centro-occidental do concello polo val do río Santalla, vía natural de comunicación coas terras de Samos. Ao L atópanse os montes Seixo Redondo (1.325 m) e Reboiro (1.156 m); ao N os montes da Albela cos altos do Pico (1.198 m) e das Valiñas (1.104 m.); e ao S érguense as maiores altitudes na serra do Oribio (1.443 m), montes de Calderón (1.394 m) e no Rañadoiro, co cumio do Espiñeiro a 1.345 m. A litoloxía dominante é louseña e xistosa, de cronoloxía cámbrica e silúrica. Eran depósitos sedimentarios que repousaban sobre leitos calcarios cámbricos, que con esa actividade de dobramento afloran á superficie nunha estreita franxa calcaria de dirección SE-NO nas proximidades da capital municipal. A morfoloxía do relevo é de tipo apalachense e quedan en resalte crestas de materiais resistentes á erosión tras a disección fluvial. Os fenómenos de glaciarismo e periglaciarismo do Cuaternario tamén deixaron claras pegadas nas formas do relevo. Todo o centro do espazo municipal presenta unha altitude media menor, onde se asenta o río Santalla, que discorre cunha dirección NL-SO, que recibe pola dereita os ríos Longo e Valdescuro e pola esquerda o Bezcas, o Vilavella e o río da Ribeira. O clima entra dentro do dominio oceánico húmido, subtipo de montaña. Caracterízase pola existencia de elevadas precipitacións (1.500 mm e, por riba dos 1.000 m de altitude, 2.000 mm). Os invernos son fríos e húmidos e os veráns secos, con días calorosos e noites frescas. No inverno as medias mensuais están por debaixo dos 3°C. A altitude déixase notar no número de xornadas anuais de neve (entre 20 e 25), que se distribúen de novembro a abril. A forte irradiación nocturna, a causa da altitude, condiciona as características térmicas estivais, pois no período diúrno de insolación superanse os 30°C, que se reducen a 1°C ou 2°C durante a noite, con medias mensuais en xullo e agosto situadas ao redor dos 17°C. O descenso das precipitacións no verán supón a aparición de certo déficit hídrico que non chega a supoñer problemas de aridez. O relativo illamento do concello favoreceu que a vexetación clímax aínda ocupe extensións considerables, sobre todo as carballeiras e soutos de castiñeiros. Nos afloramentos calcarios tamén aparecen bosquetes de faias.
Xeografía humana
Triacastela coñeceu un forte despoboamento entre a publicación do primeiro censo moderno en 1887 (2.268 h) e o de 2001 (873 h). Neste intervalo reduciu o seu colectivo demográfico un 61%. Este descenso non foi lineal senón con altibaixos. Así, entre 1887 e 1900 a súa poboación medrou un 1,07% anual. Non obstante, durante as tres primeiras décadas do s XX incidiu notablemente a primeira vaga emigratoria ultramarina e a poboación reduciuse un -0,77% cada ano. A crise económica internacional xurdida tras a crise bolsista de 1929, engadida aos efectos da Guerra Civil Española, cortaron os fluxos emigratorios, de xeito que entre 1930 e 1940 se deu un destacado incremento demográfico anual (3,14%), que propiciou que nese último ano se alcanzase o máximo poboacional con 2.609 h. A partir desa data, a poboación xa non deixou de descender, aínda que entre 1940 e 1950 levou un ritmo máis acusado (-2,43% anual) que entre 1950 e 2001 (-1,08% anual). Entre 2001 e 2007 a perda de poboación foi do -7,10%. Ata 1970 a causa desta mingua hai que buscala na emigración cara a Europa e ás áreas españolas máis desenvolvidas. Pero a partir de mediados da década de 1980 as saídas foron máis abundantes cara á capital provincial e a baixada estivo máis influída polo saldo vexetativo negativo, que en 2006 era acusado (-9,1‰), resultado dunha natalidade moi baixa (3,7‰) e unha mortalidade moi elevada (12,8‰) froito do extremo grao de senectude: o 31,7% da poboación ten 65 ou máis anos, fronte ao 13,6% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 54,7%. Por sexos a composición está equilibrada (49,81% homes e 50,18% mulleres).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Triacastela é do 43,6% (52,1% a masculina e 35,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,4% (44,7% a masculina e 30,5% a feminina) e a taxa de paro é do 14,2% (14,3% a masculina e 14,2% a feminina). A economía municipal baséase na actividade agraria e na trasferencia monetaria da administración en forma de pensións de xubilación debido ao forte avellentamento existente. O sector primario aglutina o 48,4% dos ocupados, aínda que sufriu unha redución desde mediados da década de 1990 relacionada coa elevada idade media dos propietarios de explotación. O aproveitamento gandeiro é o máis destacado, pois en 2007 existían 4.970 cabezas de gando vacún, en boa medida destinado a carne, distribuídos en 123 explotacións (2007). Ademais 1.500 cabezas de porcino de cebo (2005). Os cultivos están moi pouco desenvolvidos debido ás dificultades topográficas e altitudinais e son esencialmente forraxeiros. Pola súa banda, a industria emprega só o 4,2% dos ocupados, con pequenas actividades empresariais que rendibilizan os recursos endóxenos. A construción aglutina o 11,4% dos traballadores, que en xeral contan con escasa cualificación. Os servizos están moi pouco desenvolvidos (36%), e deles destaca a hostalaría, o comercio, o transporte e a Administración Pública e seguridade. As principais vías de comunicación son de carácter local, a estrada de Pedrafita-Sarria e a que partindo Triacastela vai unirse á comarcal Sarria-Becerreá.
Historia
A antigüidade do poboamento de Triacastela remóntanse ao período castrexo do que se conservan restos de tres castros, Triacastela, Lagares e San Adrián, situados preto da vila e de onde pode proceder o seu nome. Segundo a División de Wamba, un documento visigodo aínda discutido, asígnaselle a León o territorio de Tria Castella. En 919 Ordoño II e a súa dona Elvira confirmaron a doazón que fixera o seu avó Gatón ao mosteiro de San Pedro e San Paulo e en 922 doounos á igrexa compostelá. En 1228 nun documento de doazón de Afonso IX aparece a poboación de Triacastella nova. Fernando III o Santo reuniu na vila os concellos de Galicia en 1248. A importancia da vila na Idade Media vén dada por ser o final da XI etapa do Camiño de Santiago do Códice Calixtino. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Triacastela, señorío do conde de Lemos, e o couto redondo de Lamas, señorío da Encomenda de Portomarín. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello de Triacastela. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. En 1966 anexionou o lugar de Meizarán, segregado do concello das Nogais e integrado na parroquia de Lamas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Santiago de Triacastela, de orixe románica e con torre do s XVIII, Santalla de Alfoz, románica, as capelas de San Pedro en Biduedo e Santo Antón en Meizarán en Lamas, e a igrexa de San Salvador de Toldaos, construída polos monxes de Samos. Destacan tamén a Casa do Concello, que antigamente fora un cárcere, o Mesón do Camiño, o antigo Hospital de peregrinos e, á saída da vila, a casa da Ponte. Do seu patrimonio natural destaca o espazo dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras festas, a romaría de San Mamede e a feira anual do Cebreiro, que se celebra alternativamente coas Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Sarria
Extensión 51 Km2
Poboación Total 811 h
Poboación Homes 404 h
Poboación Mulleres 407 h
Densidade de poboación 15.9 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias