trindade
(< lat trinĭtāte)
-
s
f
[RELIX]
Reunión das tres persoas divinas, Pai, Fillo e Espírito Santo, nun único Deus, segundo a doutrina cristiá. O misterio da Trindade insinúase explicitamente, malia que non en termos de doutrina abstracta, no Novo Testamento, na revelación que Xesús Cristo fai de Deus como Pai que lles envía o seu Espírito aos crentes. Ao tentar definir a relación entre o Logos feito home e o Pai, os primeiros teólogos (Xustino, Hipólito, Tertuliano, Oríxenes) afirmaban que o Fillo queda subordinado por esencia ao Pai (subordinacionismo): só en subordinación a este o Fillo e o Espírito son Deus. Outra teoría establecía que non hai diversidade en Deus, o cal é unicamente Pai: Xesús Cristo só é, daquela, un home adoptado (adopcionismo), e foi o Pai quen sufriu na cruz (modalismo, patripasiano), mentres que unha segunda teoría establecía que o Pai, o Fillo e o Espírito Santo non son máis ca tres manifestacións da única esencia divina (modalismo de Sabelio). Ao inicio do s IV, por outra banda, o presbítero Ario fixo do Logos un ser creado intermedio (arianismo). Fronte a esta posición pronunciáronse os pais do I Concilio de Nicea (325) ao afirmar que o Fillo é da mesma substancia (homoousios) que o Pai; e o I Concilio de Constantinopla (381) completou a cuestión ao proclamar a divindade do Espírito Santo. O Deus era, daquela, proclamado como Pai, Fillo e Espírito, nunha diversidade verdadeira e daquela nunha unidade indivisible. A Igrexa latina dedicoulle á Santísima Trindade unha solemnidade especial, o domingo seguinte a Pentecoste, unha vez celebrados os misterios de Xesús Cristo e a chegada do Espírito Santo. Foi introducida por Xoán XXII en 1334. Os primitivos cristiáns unicamente se serviron de representacións de episodios bíblicos en que a Trindade era prefigurada, como o bautismo de Xesús no Xordán (en que aparecen, ademais da figura de Xesús, a pomba que representa o Espírito e a man do Pai saíndo das nubes) e, sobre todo, o episodio veterotestamentario da visita dos tres anxos a Abraham no aciñeiral de Mambre. A arte románica utilizou os mesmos esquemas, aos cales lle engadiu outras formas antropomórficas, como a coñecida co nome de trono da graza, en que aparece o Pai sentado sostendo o fillo (normalmente cravado na cruz) e sobre ambos a figura da pomba. Esta última forma foi a preferida por pintores como Rubens, Dürer, El Greco e Ribera. OBS: Nesta acepción adóitase escribir en maiúscula.
-
s
f
[RELIX]
Grupo de tres divindades noutras relixións.