triturador -ra
(< triturar)
-
adx
Que tritura ou serve para triturar.
-
s
[TECNOL]
Desintegrador que deixa o produto final cun tamaño de 0,1 a 5 cm. Clasifícanse en trituradores de mandíbulas, xiratorios, rotatorios, de martelos e de rolos. Os trituradores de mandíbulas actúan polo golpeo dunha mandíbula articulada sobre unha fixa. No xiratorio a rotura do material prodúcese pola acción dun órgano troncocónico ao xirar e desprazarse dentro dunha peza en forma de tronco de cono invertido. No rotatorio o órgano central está dotado só do movemento de rotación. Nos trituradores de martelos, dentro da carcasa xiran unha serie de crucetas que levan articuladas unhas pezas, semellantes a martelos, de aceiro duro e moi pesadas. Os trituradores de rolos poden ser de un ou de dous rolos.
-
s
[TECNOL]
Aparato que se aplica ao desaugadoiro do vertedoiro e que serve para triturar os entullos, para permitir que pasen polos canos de desaugamento.