Troncoso, condado de
Título nobiliario concedido por Carlos III en 1762, co vizcondado previo de Ramirás, a Pedro Martínez Feijoo (1694-1768), oidor da Real Chancillería de Valladolid, membro do Real Consello de Facenda, cabaleiro de Santiago e fundador da capelanía do Carme en Astariz (Castrelo de Miño). Sucedérono o seu fillo Pedro Manuel Martínez-Feijoo López , II conde de Troncoso, e o fillo deste Lorenzo Martínez-Feijoo Zúñiga (?-1829), III conde de Troncoso. A IV condesa de Troncoso foi a súa filla María de los Dolores Martínez-Feijoo Lemos , sucedida pola súa filla María Rosa Bayón Martínez-Feijoo , V condesa de Troncoso, e esta polo seu fillo Quintín Arévalo Bayón , VI conde de Troncoso. A VII condesa de Troncoso foi a súa filla María del Carmen Arévalo Aristizábal (?-1972), a quen sucedeu o seu fillo Quintín María Pimentel e Arévalo , VII conde de Troncoso e V conde de Nava. En 2002 sucedeuno no título o seu fillo Ignacio Pimentel Llano , VIII conde de Troncoso. Trae por armas as do primeiro titular: primeiro un castelo, con donjon dunha peza; medio cortado, axadrezado, do que non se saben as cores; segundo, de goles, unha espada de prata, gornecido de ouro, punta abaixo, costada de seis besantes de ouro, tres en cada flanco.