Tui

Tui


Concello situado na comarca do Baixo Miño, no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e no S da provincia de Pontevedra (42° 02’ 50’’ N - 8° 39’ 08’’ O). Limita ao N cos concellos de Gondomar, O Porriño e Salceda de Caselas (os tres da comarca de Vigo), ao S con Tomiño (O Baixo Miño) e o río Miño, que o separa de Portugal, ao L con Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño (O Condado) e ao O con Gondomar e Tomiño (Baixo Miño). Abrangue unha superficie de 68,3 km 2 cunha poboación de 16.948 h (2007), distribuída nas parroquias de Areas, Baldráns, Caldelas de Tui, Guillarei, Malvas, Paramos, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe, Rebordáns, Ribadelouro e Tui. A capital é a vila de Tui, situada a 102 km de Santiago de Compostela e a 48 km de Pontevedra. Está adscrito ao partido xudicial de Tui e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
A tectónica definiu a morfoloxía do relevo tudense. Unha serie de fracturas de dirección N-S condicionan a disposición das unidades do relevo, así como a instalación da rede fluvial, xa que a maioría dos pequenos afluentes do Miño (Louro, Caselas e Furnia) aséntanse nas liñas de falla. Non obstante esta disposición lonxitudinal rompe cara ao S, onde outra serie de fracturas de dirección L-O serven de asento ao curso do Miño. No NO érguense as maiores cotas altitudinais constituídas por bloques graníticos hercinianos erguidos polos movementos tectónicos do Terciario como son os contrafortes do Galiñeiro, con cumios en monte Aloia (629 m), Vilariño (592 m) e Alto das Ferreiras (489 m). No NL desenvólvese o derradeiro tramo da Depresión Meridiana. O amplo val do Miño favorece a penetración das condicións climáticas que se dan na costa do S de Galicia, de xeito que Tui posúe uns caracteres meteorolóxicos que permiten encadralo no dominio climático oceánico húmido e dentro dos subtipos galegos no das Rías Baixas. As variacións térmicas estacionais e diúrnas son febles e as precipitacións móstranse abondosas grazas á influencia da circulación ciclónica do oeste. A temperatura presenta uns valores moi suaves, sen coñecer invernos fríos nin veráns excesivamente calorosos. A temperatura media anual sitúase nas terras do val do Miño ao redor dos 15°C, e baixa nas áreas máis montañosas (estación meteorolóxica do monte Aloia) ata os 12°C. O mes máis frío é xaneiro nas terras baixas, con 8,5°C, e 7,5°C no Aloia, mentres que o máis cálido é agosto, con 21,5°C no val miñoto, e móstrase menos elevada a temperatura a maior altitude (20,2°C). Este ambiente térmico morno, motivado pola penetración a través do Miño de aire húmido e cálido do Atlántico, favorece a escasa presenza de xeadas e que, no fondo dos vales fluviais, os días libres destas sexan uns 320, aínda que, conforme se achegan os límites montañosos, esa cifra baixa considerablemente ata situarse nuns 220. A disposición do relevo litoral en aliñacións que discorren paralelas á costa fai que actúe como pantalla pluviométrica con respecto aos vales do interior, polo que os 1.930 mm que se recollen no monte Aloia vense reducidos nas terras baixas e abrigadas a valores comprendidos entre os 1.200 e os 1.500 mm. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno (38% das precipitacións) e un mínimo moi acusado no verán (10%). As estacións intermedias reparten o resto da chuvia (26% no outono e 25% na primavera). O número de días de chuvia ao ano sitúase entre 120 e 140 e malia ser un clima húmido a aridez estival está presente cun período con déficit hídrico (situado entre os 200 e os 400 mm) de dous meses (xullo e agosto).
Xeografía humana
A poboación do concello de Tui coñeceu un incremento demográfico do 42% desde a publicación do primeiro censo moderno en 1887 (11.284 h), ata a renovación censual de 2001 (16.042 h). Pola súa banda, a vila tivo un crecemento máis espectacular durante o mesmo período (95%) ao pasar de 2.739 h a 5.355 h. O incremento demográfico non foi continuo nin no conxunto municipal nin na vila, senón que se sucederon períodos de forte avance da poboación con outros de estancamento e mesmo de notable decrecemento. Así, o concello perdeu un -0,12% da poboación cada ano entre 1887 e 1900, para gañar logo entre esa data e 1920 un 0,64% anual. A vila, en cambio, perdeu desde o primeiro censo ata 1920 un -0,26% anual. Son os anos en que se produciu a primeira achega emigratoria galega cara a América. Durante a década de 1920 intensificouse a corrente emigratoria cara a ultramar e o conxunto municipal perdeu anualmente un -0,25% dos seus moradores. Non obstante, a crise económica internacional dos anos trinta derivada da crise de 1929, da Guerra Civil Española, da Segunda Guerra Mundial e da posguerra española, pecharon as posibilidades de emigración exterior, de xeito que a poboación de Tui medrou entre 1930 e 1950 a un ritmo anual do 0,67%, similar ao que presentaba a vila (0,65%), aínda que nela o incremento de habitantes comezou dez anos antes, en 1920. Superada a data de 1950 o concello entrou nunha nova crise demográfica (xa que perdía anualmente o -0,46% da poboación ata 1970) que se acentuou na vila (-1,03%). Este descenso hai que relacionalo coa nova apertura da emigración exterior, durante a décade de 1950 cara ao continente americano e a partir de fins desa década cara ás áreas máis desenvolvidas de Europa e cara ás cidades españolas máis industrializadas. A partir de 1970 e ata 2001 a súa poboación medrou un 125% debido ao fortalecemento da súa actividade comercial, fundamentalmente relacionadas coa maior facilidade para o paso da fronteira portuguesa, de xeito que se converteu nun centro de servizos para a poboación de Portugal. Entre 2001 e 2007 o incremento foi do 56,55%. O incremento de habitantes máis notable no núcleo capital aconteceu entre 1970 e 1981, cun 7,98% anual. Este aumento provocou que a vila anexionase a partir de 1975 lugares pertencentes ás parroquias de Randufe e Pazos de Reis. A partir de 1981 e ata 2001 o crecemento da vila diminuíu e perdeu a importancia comercial que acadara nos anos setenta e primeiros oitenta tras a desaparición das restricións fronteirizas despois da entrada de España e Portugal na UE en 1986 e as melloras nas vías de comunicacións, que favoreceron o desprazamento de moitos portugueses cara a Vigo. No conxunto municipal o incremento poboacional foi moito máis pausado, pois entre 1970 e 2001 medrou anualmente un 0,88%. O crecemento natural da poboación (2006) foi negativo (-0,3‰) froito dunha natalidade elevada (10,1‰) e unha mortalidade tamén elevada (10,4‰). Tui presenta unha estrutura demográfica relativamente nova no contexto galego, aínda que os menores de 20 anos supoñen o 19,5% da poboación, fronte ao 17,2% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 63,3%. Por sexos dominan as mulleres (52,08%) froito da súa maior esperanza de vida e dunha tradicional maior emigración feminina cara á vila.
O plano urbano
No centro antigo da vila, caracterizado pola pouca densidade de poboación, hai unha presenza maioritaria de vivendas unifamiliares ou de dúas plantas, habitadas por persoas de idade avanzada. Non obstante, no ensanche (rúas de Augusto González Besada, Avenida 26 de Xullo, Martínez Padín) existen densidades moi superiores, para descender novamente nas áreas máis exteriores da zona urbana. O plano da cidade reflicte a importancia que tivo a función relixiosa, pois é de tipo radial, cun centro marcado na catedral e na praza de San Fernando, lugar onde se realizaban as operacións mercantís, desprazadas despois cara ás áreas de expansión da pequena urbe, sobre todo na estrada que leva a Portugal, feito que supón un desenvolvemento da construción de xeito paralelo ao río Miño.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Tui é do 57,2% (71,6% a masculina e 44,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 51,3% (65,6% a masculina e 38,4% a feminina); a taxa de paro é do 10,3% (8,3% a masculina e 13,2% a feminina). Tui presenta unha estrutura económica bastante diversificada. A agricultura ocupa ao 8,6% da poboación activa pero dá moi bos rendementos con cultivos baixo plástico e con cultivos destinados aos mercados (flores e hortalizas, fundamentalmente). Os viñedos tamén están moi desenvolvidos, debido aos solos aptos e ao excepcional clima. A pesca é escasa (0,7%) e, en xeral, practícase no Miño (angulas, lampreas, zamborcas). Tui conta cunha sólida base industrial, en que sobresae a extracción de granito e áridos, aínda que tamén son importantes as empresas de carpintaría metálica e de construción de estruturas metálicas, unha cerámica que fabrica ladrillos e tellas e, en xeral, a confección, a industria da madeira e mesmo a cinematográfica. En conxunto, a industria emprega ao 28,1% dos ocupados. A construción conta con numerosas empresas de tamaño medio, que empregan ao 14,9% e que desenvolven o seu labor nun ámbito comarcal. Os servizos son o sector que máis emprego xera (47,7%), e é habitual que moitos dos seus traballadores se despracen diariamente a Vigo, feito que tamén acontece cos traballadores da industria e da construción. A actividade comercial é con moito a máis destacada entre as terciarias, seguida da administración pública e a seguridade, o transporte, que conta con algunhas empresas de tamaño significativo, a hostalaría, a educación, os servizos inmobiliarios, de alugueiro e empresariais, a sanidade e as actividades sociais e servizos persoais. Conta coa estrada N-550, que chega ao concello desde a capital provincial, pasando por Vigo; a autovía A-55 de Vigo a Tui e o novo tramo da AP-9, que une a vila con todo o Eixo Atlántico e continúa por Portugal. Polo que respecta ao ferrocarril conta coas liñas Ourense-Tui e Vigo-Tui.
Historia

As orixes
A tradición fai de Diomedes o fundador da cidade. Diomedes, fillo de Tideo e Deípole, é un dos heroes da Iliada que participou na Guerra de Troia, onde foi o protagonista de grandes xestas. Ao termo da guerra e ao regresar á súa patria tivo que fuxir e chegou ata as costas galegas onde fundou unha cidade en honor do seu pai Tideo. A antigüidade do poboamento amósase nos restos arqueolóxicos conservados, como o gravado rupestre de Rozacús en Randufe (BIC, 1975) e no casco prerromano atopado en Caldelas de Tui. Nas fontes clásicas noméase a existencia dun establecemento denominado Castellum Tyde por Plinio, Tude, no Itinerario de Antonino e Tudae por Ptolomeo. A primitiva localización puido ser o monte Aloia, o castro de Cabezas de Francos, en Pazos de Reis ou o lugar de Santa Eufemia en Rebordáns. No monte Aloia atopáronse machados e obxectos cerámicos ademais dos restos dun poboado galaico-romano e da muralla ciclópea que rodeaba o monte. Porén, parece que a cidade se asentaba no lugar do Castellum Tyde, considerada unha mansión da vía XIX do Itinerario de Antonino. A presenza romana remóntase á época de Décimo Xuño Bruto, que iniciou a conquista da Gallaecia e someteu aos pobos lusitanos desde o Tajo ata o Duero, chegando ata o Miño. Finalizada a conquista en tempos de Augusto, converteuse nun centro administrativo e militar.
A Idade Media: o señorío de Tui
Tras a caída do Imperio Romano, comezaron as invasións dos suevos e visigodos. Parece que ao I Concilio de Braga (561) puido asistir o bispo de Tui. Ao II Concilio de Braga (572) asistiu o bispo Anila e desde esa data xa se coñecen os nomes dos bispos de Tui. En 585 Tui incorporouse ao reino visigodo e Vitiza, asociado ao trono do seu pai, o Rei Exica, recibiu deste o goberno de Galicia en 700 e estableceu a súa corte en Tui ata que ao ano seguinte se converteu en rei dos visigodos. Durante este período a cidade contou cunha ceca propia. Durante a invasión musulmá, a cidade foi arrasada e a poboación refuxiouse no monte Aloia, mentres que os nobres e relixiosos se refuxiaron na sé episcopal de Iria ata que a reconquistou en 740 o Rei Afonso I. En 844 o bispado e a poboación sufriron os ataques dos normandos, que foron expulsados por Ordoño I e, en tempos de Ordoño II, fortificouse o lugar en busca dunha maior protección. O Rei Afonso III encargou a defensa da cidade a Hermenexildo, a quen lle concedeu o señorío e o condado de Tui e Portugal. Así e todo, no s X produciuse un novo ataque normando, que provocou que a sé episcopal de Tui se agregase á de Iria. No ano 971 atacou Almanzor e en 1014 produciuse un novo ataque viquingo, cando o futuro rei de Noruega, Olavo II, dirixiu unha expedición que penetrou pola desembocadura do río Miño e tomou Tui, cidade que incendiou e destruíu, aínda que foi vencido polo Rei Afonso V. O monarca confioulle ao mosteiro de San Bartolomeu todo o que pertencera á diocese tudense ata que, en 1071, restaurouse a diocese tudense cando Urraca, irmán de Afonso VI, fixo unha importante doazón á igrexa tudense. O bispado afianzouse en 1095, cando os condes de Galicia, Reimundo de Borgoña e Urraca, concederon ao bispo Aderico o señorío de Tui, que abranguía tamén as terras da ribeira esquerda do Miño, que tiñan como centro a vila de Valença. O señorío foi confirmado en 1142 por Afonso VII e en 1169 polo rei portugués Afonso I Henriques e recibiu novas doazóns ao longo do tempo. Non obstante, os enfrontamentos coas veciñas terras portuguesas comezaron de contado e Tareixa de Borgoña, irmá de Urraca e casada con Enrique de Borgoña, pretendeu conquistar Tui desde o momento que recibiu o condado Portucalense. Tui foi tomada polos portugueses en diversas ocasións ao longo do s XII. Por outra banda, en 1170, o Rei Fernando II concedeu foros á nova poboación de San Boaventura, onde se trasladara o burgo de San Bartolomeu. Así e todo, a localización continuou coa denominación de Tui. Durante a Baixa Idade Media continuaron os enfrontamentos con Portugal e producíronse outros entre o poder eclesiástico e o civil. En 1369 Fernando I de Portugal ocupou Tui ata que Enrique II recuperou a cidade en 1372. Producíronse novas tentativas de ocupación portuguesa en 1389, 1397 e 1418, que foron rexeitadas polo monarca castelán. No eido dos enfrontamentos entre o poder eclesiástico e civil destacou no s XV, no marco das Guerras Irmandiñas, cando Álvaro Páez de Soutomayor arrebatou o señorío ao bispo Luís Pimentel e conseguiu do cabido ser nomeado comendador da cidade. O señorío herdouno o seu irmán Pedro Madruga, mentres que Diego I de Muros se converteu en bispo en 1472 e despois de diversas tentativas conseguiu recuperar o señorío, que se mantivo ata a abolición do réxime señorial.
De capital de provincia a cidade fronteiriza
No s XVI creouse a provincia de Tui dentro do Antigo Reino de Galicia; a cidade tiña entón un representante na Xunta ou Deputación do Reino. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello estiveron baixo o señorío do bispo de Tui, ata que o 3 de febreiro de 1809 os franceses entraron na cidade, onde reuniron un exército ao mando de Soult que ía invadir Portugal, feito que non conseguiron. A organización napoleónica de España incluíu a Tui como unha subprefectura dependente da prefectura de Vigo, aínda que a administración napoleónica tivo pouca vixencia na antiga provincia de Tui e no resto de Galicia. Despois da liberación francesa de Vigo, Antonio Mauricio Troncoso de Lira e Sotomayor, o abade de Vilar e Couto, e outros organizaron a reconquista de Tui. O 10 de abril de 1809 as tropas francesas tomaron a cidade portuguesa de Valença e seis días despois abandonaron Tui. A Constitución de Cádiz de 1812 aboliu o réxime señorial e impuxo unha organización municipal do territorio. Daquela creouse un municipio dependente do partido xudicial de Salceda, pero en 1821, xunto co do Pexegueiro, pasou a pertencer ao partido xudicial de Tui. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e, aínda que houbo unha proposta de manter a anterior división municipal, aprobouse a formación dun único concello, Tui. En 1959 a diocese de Tui adquiriu a dobre capitalidade con Vigo, a onde se trasladaron os bispos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar que o conxunto histórico da cidade foi declarado BIC en 1967. A catedral da Nosa Señora da Asunción, cuxa construción comezou no s XII, foi declarada BIC en 1931. Nela destaca a portada occidental de estilo oxival. Sobresaen tamén o convento de San Domingos (BIC, 1931), cunha igrexa gótica; o convento de San Francisco, fóra do antigo recinto amurallado; o convento das Clarisas, coñecido como Las Encerradas; a capela barroca de San Telmo; e a capela da Misericordia, cunha portada do s XVI. A cidade foi fortificada en tempos de Ordoño II e as murallas exerceron a súa función militar ata 1861. Outras construcións sinaladas do centro urbano de Tui son o chamado pasadizo de Las Encerradas ou das Monxas, realizado para salvar o desnivel da rúa; o antigo hospital para enfermos pobres, sede do arquivo diocesano; o palco da música; a ponte internacional sobre o río Miño e o Parador Nacional de Turismo. Fóra do núcleo urbano destaca a igrexa románica de San Bartolomeu de Rebordáns, con pinturas murais do s XVI na capela maior e o balneario de Caldelas de Tui. O monte Aloia foi o primeiro lugar de Galicia declarado como Parque Natural. Desde esta elevación pódense contemplar extensas panorámicas sobre o val do río Louro, sobre o Val Miñor e, en días claros, sobre a Ría de Vigo. Destaca tamén o espazo do Baixo Miño e o das Gándaras do Budiño, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras festas, as romarías de San Xulián e a Virxe das Angustias no monte Aloia, a festa das Dores en Guillarei, a Virxe da Rocha en Caldelas de Tui e as patronais de San Telmo. Ademais, no eido deportivo, cómpre destacar o Descenso Internacional do Miño, proba de piragüismo que se celebra en agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Baixo Miño, O
Extensión 68 Km2
Poboación Total 16948 h
Poboación Homes 8121 h
Poboación Mulleres 8827 h
Densidade de poboación 249.24 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias