Turinxia
Land de Alemaña, situado arredor da selva homónima, entre o río Werra ao O e o Weisse Elster ao L (16.172 km2; 2.431.000 h [estim 2001]). A súa capital é Erfurt. Habitada pola tribo xermánica dos turinxios (s IV), foi conquistada polos hunos (s V). Despois do 500 os turinxios estableceron un vasto reino desde as montañas Harz ata o Danubio, pero foron derrotados polos francos (531). En 908 a marca de Turinxia, erixida por Carlomagno contra os eslavos, foi tomada polo duque Odón I de Saxonia, cuxo fillo, o duque Enrique I de Saxonia foi rei de Xermania. Ao extinguirse a liña directa da dinastía saxoa (1024), os ludovinxios, por medio de Luís o Barbudo, controlaron Turinxia. O landgrave Enrique I de Turinxia foi elixido rei de Xermania, en oposición a Conrado IV (1246), mais morreu ao ano seguinte. No s XV Turinxia foi dividida entre a liña Ernestina de Saxonia, Hessen-Kassel e algúns pequenos estados. A República de Weimar creou o land de Turinxia. En 1952 foi dividido entre os bezirke de Erfurt, Suhl, Gera e Leipzig da República Democrática Alemá. En 1990 os bezirke de Erfurt, Suhl e Gera fusionáronse para constituír o land de Turinxia.