Unión Europea

Unión Europea
Nome científico: [UE]

Organización internacional cuxa orixe se remonta ao discurso pronunciado o 9 de maio de 1950 polo ministro de Asuntos Exteriores francés Robert Schuman, que foi quen propuxo a súa creación. A idea xurdiu a consecuencia da Segunda Guerra Mundial, co obxecto de evitar novas matanzas e destrucións. Constituíuse oficialmente en 1958 coa entrada en vigor do Tratado de Roma, baixo o nome de Comunidade Económica Europea (CEE) e inicialmente estaba composta por Bélxica, República Federal de Alemaña, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. En 1973 sumáronse Dinamarca, Reino Unido e Irlanda; en 1981 Grecia e en 1986 España e Portugal. En 1993, coa entrada en vigor do Tratado de Maastrich, simplificou o seu nome no de Comunidade Europea (CE) e introduciu novas formas de cooperación entre os membros, especialmente en defensa e asuntos de xustiza e interior. Deste xeito, creouse unha nova estrutura con tres piares de contido, tanto político como económico, que deron lugar á Unión Europea. Nela integráronse en 1995, Austria, Finlandia e Suecia. En 2004 produciuse a maior ampliación coa adhesión de dez novos países (Eslovenia, Hungría, Eslovaquia, República Checa, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia, Malta e Chipre), que conformaron a Europa dos 25. Conta con cinco institucións específicas: o Parlamento Europeo, asemblea lexislativa; o Consello da Unión Europea, que representa os gobernos dos estados membros; a Comisión Europea, órgano executivo; o Tribunal de Xustiza, encargado de garantir o cumprimento da lei; e o Tribunal de Contas, que efectúa o control sobre a regularidade na xestión do orzamento da UE. A estas sumóuselles o Comité Económico e Social Europeo, o Comité das Rexións, o Banco Central Europeo, o Defensor do Pobo Europeo e o Banco Europeo de Investimentos. Nelas delegan os estados membros parte da súa soberanía para facilitar a toma de decisións sobre asuntos específicos de interese común, a escala europea. Ademais dos catro tratados fundacionais (Tratado constitutivo da CECA, 1952; Tratado constitutivo da CEE; Tratados de Roma, 1958; Tratado de Maastrich, 1993), introducíronse novas reformas e áreas de responsabilidade a través do Tratado de Fusión (1967), a Acta Única Europea (1987), os Tratados da Unión Política e da Unión Económica e Monetaria (1992), o Tratado de Amsterdam (1999) e o Tratado de Niza (2003). Se nos primeiros anos gran parte da cooperación entre os países se refería ao comercio e á economía, posteriormente tratou temas como a garantía da liberdade, a paz, a seguridade, a xustiza, a creación de postos de traballo, o desenvolvemento rexional, a cooperación policial, aduaneira e xudicial ou a proteción do medio natural. En termos xerais, fomentou a cooperación entre os pobos de Europa, promovendo a unidade pero conservando ao mesmo tempo a diversidade dos mesmos. En 2002, o euro (vixente desde 1999) entrou en circulación como moeda única, substituíndo as antigas moedas nacionais de 12 países da UE (Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, Alemaña Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal e España) e o ECU, unidade monetaria da CEE vixente entre 1979 e 1999. Ademais, estableceuse a liberdade de circulación nas súas fronteiras para os cidadáns membros. En 2004, os xefes de estado e de goberno dos países membros asinaron en Roma o Tratado da Constitución Europea, que quedou pendente de aprobación, tendo que ser ratificada mediante referendo ou mediante a aprobación no parlamento en cada un dos países asinantes. Os símbolos da UE son a bandeira cun círculo composto por doce estrelas douradas sobre fondo azul, empregada desde 1986 por todas as institucións, e o himno oficial a Oda á alegría da Novena Sinfonía de Beethoven, desde 1985. Anualmente celébrase o 9 de maio   o día de Europa.