Unión General de Trabajadores
Central sindical española constituída en Barcelona en 1888, por iniciativa do Centre Obrer de Mataró. Formada inicialmente por 29 sociedades e uns 3.300 afiliados, foi un sindicato de clase, democrático, moderado, disciplinado, de ideoloxía socialista e influído polo Partido Socialista Obrero Español. Utilizou, en xeral, a táctica das folgas pacíficas e ben organizadas para conseguir melloras nas condicións do proletariado. En 1899 o consello estatal trasladouse a Madrid, onde Paulo Iglesias ocupou a presidencia e Antonio García Quejido a secretaría xeral. Inicialmente organizouse en federacións de oficios, pero desde 1925 adoptou o sistema de federacións de industria. Constituída principalmente por obreiros industriais, na década de 1910 aumentou a súa influencia no proletariado mineiro, onde destacaron os seus dirixentes Manuel Llaneza e Ramón González Peña, e a partir de 1920 iniciou a súa penetración nos medios campesiños de Andalucía. Coa escisión comunista do PSOE (1921), consolidouse a liña reformista, impulsada por Francisco Largo Caballero e Julián Besteiro e, malia condenar o golpe de estado de Primo de Rivera, Largo Caballero converteuse en secretario de estado. Isto foi aproveitado pola UGT para intervir nos comités paritarios, consolidar a organización e estender a súa influencia nas zonas rurais de Extremadura, Castela e Aragón. Ao instaurarse a Segunda República era a central sindical máis influínte pero, ao non ser atendidas as súas reivindicacións, radicalizouse. Formou parte de Alianzas Obreras, que tivo a súa máxima realización en Asturias, onde impulsou, coa colaboración da Comisión Nacional del Trabajo (CNT), a revolución de outubro de 1934. En 1935 incorporouse á Confederación General de Trabajo Unitaria (CGTU), de influencia comunista e, aínda que participou na Frente Popular de 1936, negouse a formar parte do goberno e buscou unha alianza coa CNT. Durante a insurrección militar de 1936, ambas organizacións tiveron un papel importante no bando republicano. Ao formarse o goberno de Largo Caballero apoiou a legalidade republicana e despois da Guerra Civil foi ilegalizado e confiscóuselle o seu patrimonio. Reorganizada no exilio, formou parte de varios organismos da oposición franquista, da Federación Sindical Mundial e da Confederación Internacional de Sindicatos Libres, pero negouse a participar no movemento de Comisiones Obreras e pediu o boicot ás eleccións sindicais organizadas pola Central Nacional Sindicalista. Morto Franco, foi legalizada (1977) e conseguiu un rexurdimento espectacular. A súa estratexia baseouse no establecemento de acordos coa Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE) e co goberno, sobre todo desde o acceso dos socialista, ao poder (1982). A súa vinculación ao PSOE viuse gravemente afectada a raíz da dimisión de N. Redondo e outros cargos sindicais do seu escano parlamentario (1987) e coa convocatoria dunha folga xeral, xunto con CC OO, como protesta pola política económica do goberno socialista (1988). Entre 1976 e 1994 foi secretario xeral Nicolás Redondo e, desde 1994 Cándido Méndez, quen iniciou un achegamento á patronal e ao goberno.