uranio

uranio

(

  1. s m [QUÍM]

    Elemento químico de número atómico 92 e peso atómico 238,07, do grupo IIIB da táboa periódica. É un dos metais da familia dos actínidos e é o elemento natural máis pesado. A pesar de ser empregado na antigüidade para a preparación de vidro amarelo, o seu descubrimento como elemento foi feito por N. H. Klaproth que o identificou como compoñente da pechblenda en 1789. A súa preparación en forma pura foi feita por Peligot que o obtivo por redución do cloruro (UCl 3 ) con potasio en 1841, e foi o elemento a partir do que Becquerel descubriu a radioactividade natural en 1896. Está amplamente difundido na natureza, e constitúe un 5×10 -3 % do peso da codia terrestre. Ao mesmo tempo son escasos os depósitos en que se atopa concentrado. O seu mineral máis importante é a uraninita. O uranio natural está constituído por unha mestura de tres isótopos con masas 238 (99,2830%), 235 (0,7110%) e 234 (0,0054%), todos radioactivos. Ademais son coñecidos once radioisótopos artificiais. Tanto o isótopo 235 U como o 238 U e o 233 U, formado a partir do torio, son importantes, directa ou indirectamente, na produción de enerxía de orixe nuclear. A obtención de metal é complicada implicando, xeralmente, unha fase de concentración do mineral, ao longo da que se recorre a técnicas de precipitación, extracción con disolventes, intercambio iónico, electrólitos ou combinacións destes. O uranio metálico pode existir en tres variedades cristalinas: α, β e γ, con temperaturas de transición de 667°C e 772°C. Xeralmente é un elemento reactivo, combinándose directamente con hidróxeno, xofre, halóxenos e outros non metais. Goza de propiedades redutoras, e despraza numerosos metais dos seus sales. Disólvese nos ácidos minerais, e é inerte fronte aos álcalis. A súa aplicación máis importante é a produción enerxética, para o que se pode empregar tanto uranio enriquecido no isótopo 235, directamente físil, como, nos reactores dexeneradores, o uranio natural, grazas á transformación do isótopo 238 en 239 Pu, que é físil. O uranio e os seus compostos son elevadamente tóxicos, tanto desde o punto de vista químico como radiolóxico.

  2. dióxido de uranio [QUÍM]

    Sólido en forma de cristais negros, insolubles en auga e solubles nos ácidos oxidantes, dunha gran densidade (10,96 g/cm 3 ), que funden a 2.500°C. Emprégase como intermedio na obtención do metal, como recubrimento das barras de combustible nuclear, en cerámica e na preparación de pigmentos.

Palabras veciñas

uranilo | uranina | uraninita | uranio | uranismo | uranita | Urano