V-2
V-2
Sigla de Vergeltungswaffe 2 con que é coñecido o mísil balístico alemán constituído por un foguete dun só tramo de propergol líquido dotado dunha carga explosiva de case 1.000 kg, que foi empregado ao final da Segunda Guerra Mundial para o bombardeo de Inglaterra (Londres), Bélxica (Anveres) e outros obxectivos. Coñecido tecnicamente como A-4, foi o primeiro mísil con tecnoloxía contemporánea fabricado en serie e o precursor dos mísiles espaciais dos aliados. Desenvolvido en Peenemünde a partir de 1937 baixo a dirección técnica de Wernher von Braun, foi operativo desde 1944. Foron producidas case 6.000 unidades. As principais características das V-2 eran: 14 m de lonxitude, 1,65 m de diámetro, 180 km de altura máxima e 350 km de alcance.