Val do Dubra
Concello da comarca de Santiago situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-oeste da provincia da Coruña. Limita ao N co concello de Tordoia (comarca de Ordes), ao S cos da Baña (A Barcala), Ames e Santiago de Compostela (Santiago), ao L co concello de Trazo (Ordes), e ao O cos da Baña e Santa Comba (Xallas). Abrangue unha extensión de 108,7 km 2 , en que acolle unha poboación de 4.515 h (2007) distribuída nas parroquias de Arabexo, Bembibre, Buxán, Coucieiro, Erviñou, Niveiro, Paramos, Portomeiro, Portomouro, Rial, San Román e Vilariño. A capital está no lugar de Bembibre, na parroquia homónima, situada a 22 km de Santiago de Compostela e a 56 km da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Ordes e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O val do río Dubra é a unidade morfolóxica que organiza o relevo do concello. O río discorre polo centro do concello de N a S, que está asentado na Depresión Meridiana. Trátase dunha fosa tectónica que xurdiu tras a fracturación do zócolo paleozoico durante a oroxenia alpina. O concello é un espazo pechado na conca deste curso fluvial, cuxos límites están por riba dos 400 m de altitude, e só se abren ao N, por onde se une a Tordoia, e na confluencia co río Tambre ao S, no lugar de Portomouro. Os vales fluviais sitúanse a unha altitude próxima aos 250 m. O marco xeomorfolóxico xeral do concello é a súa pertenza á superficie fundamental superior eóxena, incidida polo Dubra e o Tambre, sobre a que destacan algúns niveis máis elevados, testemuñas de niveis de aplanamento máis antigos, como os montes Castelo (564 m), que serven de interfluvio entre as concas do Tambre ao S e as do Anllóns e Xallas ao N, o Alto da Forca (530 m), os montes de Boiro (527 m) e o Facha (509 m). Respecto á litoloxía, na metade N dominan as rochas plutónicas e no S as metamórficas. Os fondos de val aparecen tapizados por materiais aluviais cuaternarios. Climaticamente pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas adscríbese ao subtipo das plataformas occidentais, caracterizado por unhas intensas precipitacións (1.500 mm), motivadas pola ausencia de relevos interpostos entre a costa e o territorio do concello, de xeito que os ventos húmidos do O e SO, ao igual que os fluxos do N e NO poden penetrar con facilidade. O réxime pluviométrico presenta un máximo acusado no inverno (37%), aínda que as chuvias tamén son abundantes en outono (27%) e primavera (26%), e descenden de xeito notable no período estival (10%), o que provoca algúns problemas de aridez de xullo a setembro. A temperatura media sitúase nos 12°C, cunha oscilación térmica que rolda os 10°C (8°C en xaneiro e 18,5°C en agosto). Entre novembro e febreiro o risco de xeadas é notable. Pouco queda da vexetación clímax e a paisaxe forestal está dominada por especies de repoboación (piñeiros e eucaliptos), e matogueiras como o toxo e as xestas.
Xeografía humana
A poboación do concello tiña en 2007 unha poboación semellante á que presentaba en 1887 (4.634 h). Non obstante, non tivo unha situación demográfica estable. Desde ese primeiro ano ata 1900 a poboación decreceu un -0,37% cada ano, como consecuencia da emigración ultramarina. Desde comezos do s XX e ata 1950 inverteuse esta tendencia e a poboación medrou de xeito continuo e a un forte ritmo (1,13% anual). Ata 1930 a emigración continuou, pero as melloras na hixiene e na medicina fixeron que a forte natalidade contrarrestara as continuas saídas emigratorias. Co freo da emigración provocado pola crise de 1929, a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial, a poboación creceu notablemente ao abeiro do incremento biolóxico de habitantes e en 1950 acadouse o máximo poboacional con 6.900 h. Co novo desenvolvemento da emigración desde a década de 1960 cara ás áreas europeas e ás provincias españolas máis desenvolvidas, produciuse unha nova crise demográfica que entre 1950 e 1970 perdeu un -1,07% dos habitantes cada ano. Unha nova crise económica internacional en 1973 supuxo unha certa recuperación entre 1970 e 1981 (crecemento do 0,39% anual), froito fundamentalmente do retorno de emigrantes. A partir desta data a poboación xa non deixou de descender (-0,79% cada ano), pois aínda se produciu unha marcha de efectivos cara ás cidades galegas. Deste xeito entre 1996 e 2001 decreceu o 7,90% e entre 2001 e 2007 un 5,24%. En 2006 o saldo natural foi negativo (-8,7‰), froito dunha natalidade baixa (4,6‰) e unha mortalidade alta (13,3‰). O colectivo de persoas maiores de 65 anos é superior (28,3%) ao de menores de 20 anos (12,5%), o grupo intermedio representa o 59,3%; por sexos dominan lixeiramente as mulleres (51,62%) como consecuencia do forte avellentamento e da súa maior esperanza de vida ao nacer.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Val do Dubra é do 46,7% (57,2% a masculina e 37% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,3% (51,4% a masculina e 33,8% a feminina) e a taxa de paro é do 9,5% (10,1% a masculina e 8,6% a feminina). Val do Dubra é un concello eminentemente gandeiro e as súas condicións naturais favorecen o desenvolvemento dos pastos (o 28,5% da superficie das explotacións agrarias en 1999 eran prados permanentes), aproveitados para o sector leiteiro, do que conta con 7.788 cabezas (1999), distribuídas en xeral en explotacións dun tamaño adecuado para a súa rendibilidade económica, pois o 41% das mesmas tiñan máis de vinte vacas e outro 24% contaban con entre dez e vinte reses. O sector primario aglutina o 26,9% dos ocupados. Non obstante, hai tan só unha década, os traballadores do primario achegábanse ao 50% do total. O seu descenso non foi consecuencia dun transvasamento xeneralizado de activos cara a outros sectores, senón da xubilación dos propietarios de explotacións agrarias. A industria supón o 15,1% do emprego, da que destacan os talleres de confección de mediano tamaño, que traballan con subcontratas para multinacionais como Inditex. Ademais, ten certa importancia a industria da madeira, non só de primeira transformación, senón tamén a conservación das repoboacións dos montes do concello (o 37% das terras municipais están ocupadas por explotacións forestais), así como a industria metálica. A construción ten un peso similar á industria (15,3%), aínda que o concello non conta con empresas de construción de mediano ou gran tamaño. Os traballadores deste sector adoitan traballar como autónomos. O sector servizos é o que presenta os maiores niveis de emprego (42,7%), especialmente traballadores que se trasladan diariamente a Santiago de Compostela. O comercio sobresae por riba do resto dos servizos. En comunicacións conta cun eixo central, a estrada Santiago-Carballo, que articula a rede local de estradas.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana remóntanse á época castrexa, da que se coñecen a localización dos castros de Portomeiro, Buxán, Niveiro, Rial, Pazo, Paramos, Portomouro e Malvares, e da necrópole das Sepulturas de Pedra do Home en Portomouro. O primeiro documento histórico pertence ao Cronicon Iriense, en que se menciona unha doazón da terra Dubriam por parte do rei suevo Miro á sé de Iria. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Buxán, señorío laico, e Dubra, señorío do marqués de Alcañizas, compartido nunha parroquia co mosteiro de San Martiño Pinario. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela constituíuse o concello de Dubra. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e formouse o concello de Buxán, que en 1959 cambiou o seu nome polo de Val do Dubra.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de Santa María de Paramos (s XIII), Santiago de Buxán (s XII) e San Martiño de Coucieiro (s XII), as casas de Buxán e Rial e o pazo de Cernadas, situado nunha antiga propiedade boscosa que pertencía á igrexa de San Martiño Pinario, en que a marquesa de Bugallal fundou un asilo de beneficencia. Celébranse, entre outras, as romarías de Santa Lucía en Coucieiro e Nosa Señora da Saleta en Niveiro, de Santo Estevo de Rial, o Luns de Pentecoste na ermida do Espíritu Santo tamén en Rial e a Festa do Emigrante en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Santiago |
| Extensión | 108 Km2 |
| Poboación Total | 4515 h |
| Poboación Homes | 2184 h |
| Poboación Mulleres | 2331 h |
| Densidade de poboación | 41.81 h/Km2 |