Valadouro, O
Concello da comarca da Mariña Central situado ao N da provincia de Lugo e da Comunidade Autónoma de Galicia (43° 32’ 42’’ N - 7° 26’ 12’’ O). Limita ao N cos concellos de Viveiro, Xove e Cervo (comarca da Mariña Occidental); ao S cos de Alfoz (A Mariña Central) e Abadín (Terra Chá); ao L co de Foz (A Mariña Central), e ao O cos de Ourol (A Mariña Occidental) e Muras (Terra Chá). Abrangue unha extensión de 110,5 km 2 , cunha poboación de 2.603 h (2007), distribuída nas parroquias de Budián, O Cadramón, Ferreira, Frexulfe, A Laxe, Moucide, Recaré, San Tomé de Recaré, Santa Cruz do Valadouro e Vilacampa. A capital é a vila de de Ferreira, na parroquia homónima, situada a 159 km de Santiago de Compostela e a 83 km de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo.
Xeografía física
A unidade morfolóxica máis representativa do concello é o val do río Ouro, que con dirección NL-SO atravesa as súas terras orientais. Este val está enmarcado polos cordais montañosos das serras de Buio (ao N), O Xistral (ao O) e O Cadramón (ao S). O val do río Ouro, aínda que ten unha topografía bastante regular, presenta varios niveis de socalcos que testemuñan o seu encaixamento nos seus propios aluvións. A cronoloxía deses socalcos arranca do Pleistoceno e remata no Holoceno, período do que tamén datan as turbeiras, depósitos aluviais e coluviais que existen nos vales do Ouro e dos seus afluentes (Baho, Fraga das Leiras, Cancelas, Porto e A Furna), que flúen en dirección O-L desde as serras occidentais, meridionais e setentrionais cara ao Ouro. Son leitos cun percorrido inicial de carácter torrencial debido á acusada pendente que salvan en pouco espazo, que se van reducindo cando penetran no amplo val do Ouro e discorren entre os seus socalcos. O substrato xeolóxico é un zócolo paleozoico de materiais cámbricos compostos esencialmente por cuarcitas e granitos, con algúns sectores xistosos. No S atópanse as maiores altitudes, que foron afectadas por fenómenos de glaciarismo e periglaciarismo cuaternario, O Cadramón (1.056 m) e o Chao de Lamoso (1.039 m), ambos os dous na serra do Xistral; e son menos pronunciados os relevos na serra de Buio (Pau da Vella, 703 m). O clima pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas adscríbese ao subtipo da fachada litoral lucense, especialmente no val do Ouro, pois nas áreas máis elevadas aparece un clima de transición cara ao de montaña. A influencia mariña directa penetra polo val do Ouro, pero atópase nunha área de abrigo aerolóxico, propiciado polos relevos que circundan ao concello polo N, O e S, fronte aos fluxos do SO e O que descargan a súa humidade na Dorsal Meridiana. A humidade é elevada (1.450 mm), e aumenta nas serras (2.000 mm). O réxime pluviométrico presenta un máximo invernal (33%), aínda que no outono dáse un máximo secundario bastante acusado (30%), mentres que na primavera (26%) e, sobre todo no verán (11%), redúcense considerablemente as precipitacións. O número de xornadas anuais de chuvia sitúase ao redor dos 130. A temperatura media anual no val é moderada (13,8°C), cun inverno moi pouco marcado (9,8°C en febreiro) e un verán con temperaturas demasiado altas (18,9°C en agosto), grazas á influencia moderadora do océano. O risco de xeadas no val do Ouro é escaso, mentres que nos seus rebordos montañosos é moi alto e esténdese ao longo de todo o ano. A vexetación clímax de carballos, castiñeiros e bidueiros sufriu unha intensa degradación por deforestación e repoboación con especies como o piñeiro e o eucalipto. Abunda a vexetación arbustiva de breixos, toxeiras, xesteiras e queirogais que está intercalada con áreas de cultivo e monte alto.
Xeografía humana
O concello do Valadouro coñeceu unha diminución do seu colectivo demográfico desde a realización do primeiro censo moderno, o de 1887 (3.847 h) ata a actualidade. Este descenso non foi uniforme senón que se sucederon períodos de crecemento continuado con outros de forte descenso. Así, entre 1887 e 1910 a poboación medrou un 0,24% anual grazas a un notable saldo vexetativo positivo. Non obstante, nas dúas décadas comprendidas entre 1910 e 1930 deuse un estancamento da poboación (perdeu 3 habitantes en todo o período), que estivo motivado pola forza da vagada emigratoria exterior cara a ultramar que viviu a maior parte de Galicia; malia isto a poboación non chegou a descender ao contrarrestar as saídas co destacado crecemento natural existente. A partir de 1930 e coincidindo coa crise económica internacional de 1929 e coa Guerra Civil Española e as guerras mundiais, pechouse a posibilidade de emigrar, de xeito que a poboación do Valadouro medrou un 0,37% anual ata 1950. Posteriormente, de novo as condicións de conxuntura económica e política internacional e do Estado posibilitaron a emigración cara a América, Europa (década de 1960 e principios de 1970), e ás áreas españolas máis desenvolvidas, o que propiciou un progresivo baleiro demográfico do municipio, que ademais desde comezos da década de 1980 presentou un saldo vexetativo negativo. Así, de 1950 a 2001 a súa poboación decreceu a un ritmo do -0,89% anual. Entre 2001 e 2007 descendeu un 6,31%.Froito desta evolución é unha estrutura demográfica moi avellentada, en que os maiores de 65 anos supoñen o 32,8% do conxunto de efectivos, e os menores de 20 anos o 9,8%. A natalidade é moi baixa (2,9‰) en 2006, e a mortalidade moi alta, debido á forte senectude de poboación (15,2‰), o que propiciou un saldo natural moi negativo (-12,3‰). Por sexos dominan levemente as mulleres (50,60%).
Xeografía económicaA taxa de actividade (2001) do concello do Valadouro é do 48,5% (56,4% a masculina e 40% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,9% (54,4% a masculina e 37,8% a feminina) e a taxa de paro é do 5,3% (5,3% a masculina e 5,5% a feminina). A economía do concello xira ao redor de dous piares fundamentais: a actividade agraria e a transferencia de recursos das pensións de xubilación. A agricultura ocupa o 29,4% da poboación activa. A agricultura practícase fundamentalmente para o autoconsumo, aínda que tamén proliferan os cultivos forraxeiros para a alimentación do gando vacún, así como un aumento da superficie dedicada a pastos. En 1999 contaba con 2.543 cabezas de gando bovino, dedicadas máis ou menos nun 50% ao aproveitamento leiteiro e cárnico. As explotacións deste tipo de gando non teñen en xeral un tamaño axeitado para a adecuada rendibilidade económica, pois só o 19% teñen 20 ou máis vacas, e outro 20% contan con entre 10 e 19 reses. Pola contra, un 22% teñen só 1 ou 2 cabezas. A proximidade da costa propicia a existencia de activos pesqueiros (1,7%). A industria supón o 15,3% dos ocupados. Esta actividade oriéntase fundamentalmente á rendibilidade dos recursos endóxenos, en especial a madeira, pois existen varios serradoiros que empregan un importante número de traballadores. A construción non está moi desenvolvida (13,9%) e os seus traballadores apenas contan con cualificación e adoitan ser autónomos que traballan en pequenas cuadrillas. Os servizos aglutinan a maior parte dos ocupados (39,7%). Medrou bastante nos últimos anos, pero non tanto por un desenvolvemento propio como pola desaparición de activos agrarios por xubilación, que propiciou o aumento directo do seu peso relativo. Das actividades terciarias sobresae o comercio, a Administración Pública e a seguridade, o transporte e a hostalaría. En comunicacións conta coa estrada Viveiro-Meira, por Mondoñedo.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos atopados, pertencentes ao paleolítico e epipaleolítico, como os xacementos de Chao da Curz e As Penas de Carballido, e á cultura megalítica, como as arcas do Padorno en Recaré, das Forcadas e Carballos Seco no Cadramón e a Casa dos Mouros en Budián. Da cultura castrexa (s VI a C - s II d C) quedan numerosos vestixios como os castros de Santa Cecilia do Valadouro, Recaré, Budián, Montoxo de Lagoa, Bacoi, o situado baixo a igrexa de Santa Cruz do Valadouro e o de Castrodouro. Moitos deles foron cristianizados coa construción de ermidas nas súas croas. Consérvanse diversos documentos medievais que se refiren ao concello, entre eles destacan a concesión do foro de Benavente en 1220 por Afonso IX en Bacoi. Durante o s XVII introduciuse o millo e a pataca, tal e como recolle un documento de 1649. No s XVIII deuse autorización para realizar feiras e mercados no Cadramón, Vilacampa e Ferreira. Neste último enclave a realización dun mercado permanente foi o xerme da actual vila, que acabou por converterse en capital do concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertencían ás xurisdicións do Valadouro e Moucide, señorío ambas as dúas do bispo de Mondoñedo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución pola organización municipal. Daquela formouse o concello de Terra Chá. A derrogación en 1823 da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII supuxo a volta ao Antigo Réxime. O municipalismo recuperouse en 1835. Daquela creouse o concello do Valadouro, que en 1857 agregou a parroquia de Moucide.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas románicas de Adelán e de Santa Filomena do Cadramón, ambas as dúas do s XI e as igrexas barrocas de Santa Eulalia de Frexulfe, San Xulián de Recaré, Santa Eulalia de Budián e, do s XVIII, San Xoán da Laxe. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Gradaille, en Santa Cruz do Valadouro, e, en Recaré, a casa do Casal e a casa torre de Parga. Celébranse ademais das festas parroquiais como as de Santa Cruz ou Santo Tomé, a Semana Santa coa representación dun Viacrucis viviente, as Festas do Oito, o 8 de setembro, a Feira do Mel en outubro, e a Rapa das Bestas en Recaré no mes de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Central, A |
| Extensión | 110 Km2 |
| Poboación Total | 2227 h |
| Poboación Homes | 11 h |
| Poboación Mulleres | 1127 h |
| Densidade de poboación | 20.25 h/Km2 |