Valdoviño

Valdoviño


Concello da comarca de Ferrol situado ao N da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao NO da provincia da Coruña (43° 34’ 42’’ N - 8° 08’ 12’’ O). Limita ao N co Océano Atlántico, coa ría de Cedeira e co concello de Cedeira (comarca de Ferrol)L; ao S cos concellos de San Sadurniño e Narón (Ferrol); ao L cos concellos de Cerdido (Ortegal) e Moeche (Ferrol), e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 88,2 km2cunha poboación de 6.805 h (2001), distribuída nas parroquias de Lago, Loira, Lourido, Meirás, Pantín, O Sequeiro, Valdoviño, Vilaboa e Vilarrube. A súa capital é o lugar de Aviño, na parroquia de Valdoviño, que se atopa a 112 km de Santiago de Compostela e 68 km da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Ferrol e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
A configuración do relevo de Valdoviño presenta dúas áreas ben diferenciadas. Por unha banda está o sector setentrional, que se caracteriza por un relevo moi articulado e movido, formado por aliñacións de escasa altitude que van medrando cara ao interior, culminando no Pico Agudo (376 m). A litoloxía deste sector é bastante variada: granitos hercínicos, materiais do Silúrico, rochas básicas e materiais pertencentes ao complexo do Ortegal. A erosión diferencial favoreceu a sucesión de montes de escasa altitude e vales máis ou menos amplos. Por outra banda, a área meridional do concello presenta unha topografía completamente diferente, cunha notable suavidade do relevo, rota só no extremo SO no monte A Vela (242 m). A litoloxía deste sector é de xistos da serie de Ordes. A fronte costeira preséntase moi recortada e sinuosa, como consecuencia da sucesión continua de enseadas (Ouzal, Furado Vello das Gabeiras, Pantín, A Frouxeira e Meirás) e promontorios con notables cantís. No fondo das enseadas adoitan aparecer areais, como os de Vilarrube, Rodo, A Frouxeira e Meirás. Na Frouxeira existe unha lagoa que periodicamente desauga a través do areal. É unha formación xeolóxica recente, de cronoloxía cuaternaria, de excepcional valor ecolóxico debido ao aniñamento e paso estacional de multitude de especies de aves. O clima pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas adscríbese ao do litoral atlántico do NO, caracterizado pola influencia directa do océano e certo abrigo respecto ás correntes perturbadas húmidas do SO debido ás sucesivas elevacións das Rías Baixas das plataformas occidentais, o que provoca un efecto adiabático. Aínda así, ten unha exposición moi favorable aos fluxos ciclónicos do NO. Deste xeito, as precipitacións non son moi elevadas (950 mm), pero repártense en máis de 150 xornadas anuais de chuvia. O réxime pluviométrico presenta un máximo acusado en inverno (36% das chuvias), aínda que tamén son abundantes en primavera (25%) e outono (29%), e cun forte descenso no verán (10%), con problemas de déficit hídrico entre xuño e agosto. O réxime térmico caracterízase pola súa suavidade grazas ao efecto moderador do océano, tanto no inverno (9,2°C en xaneiro e febreiro), como no verán (18°C en agosto). A media anual sitúase en 13,4°C. O risco de xeadas é mínimo. Os ríos son de escasa entidade, destaca o Forcadas, que desemboca na ría de Cedeira, e o seu tributario, o Donelle. Ambos os dous forman o encoro de Forcadas. O Vilar achega auga á lagoa de Frouxeira. Apenas quedan restos da vexetación clímax, pois dominan as especies de repoboación como piñeiros e eucaliptos, aínda que nas áreas que reciben os ventos directos mariños destacan as matogueiras de toxos, uces e xestas. Na área da Frouxeira son abundantes as xunqueiras.
Xeografía humana
O concello de Valdoviño coñeceu unha peculiar evolución demográfica, polo menos ata 1970, con respecto á tónica xeral acontecida en Galicia. Desde a realización do primeiro censo moderno en 1887 (5.873 h, momento en que contou co mínimo demográfico, e ata 1940, a súa poboación medrou de xeito continuo e a un ritmo bastante forte (0,99% anual). A presenza da veciña cidade de Ferrol, as boas condicións para o aproveitamento agrario e a actividade no mar, contribuíron a fixar a poboación durante ese período, de xeito que o saldo natural positivo permitiu incrementar o colectivo demográfico. Con todo, a partir de 1940 apareceu unha fonda crise económica na comarca de Ferrol, que afectou igualmente a Valdoviño, e supuxo que o concello perdese anualmente ata 1960 un -0,54% da súa poboación. Na década de 1960 incrementou a poboación nun momento de grande emigración cara a América (entre 1950 e 1960), aínda que moi levemente (0,03% anual), coincidindo cunha nova potenciación da industria naval en Ferrol. Superada a década de 1970, o concello non deixou de perder habitantes ata 2001 (-0,48% anual), froito dun saldo natural negativo e dunha nova fonda crise do sector naval no núcleo reitor comarcal. Non obstante , entre 2001 e 2007 a poboación aumentou un 2,54%. En 2006 o saldo vexetativo era negativo (-9,2‰), froito dunha natalidade baixa (5,7‰) e dunha mortalidade alta (14,9‰) e en aumento como consecuencia da acusada senectude da súa poboación. A estrutura demográfica é bastante avellentada, pois o 26,2% da súa poboación ten 65 ou máis anos, por só un 12% de menores de 20 anos e o 61,8% do grupo intermedio. Por sexos dominan levemente as mulleres (51,26%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001)do concello de Valdoviño é do 43,1% (54,2% a masculina e 32,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,8% (48,7% a masculina e 25,4% a feminina) e a taxa de paro é do 14,6% (10,2% a masculina e 21,7% a feminina). O concello de Valdoviño era eminentemente agrario ata 1981, cando contaba cun 50% dos seus traballadores ocupados nesta actividade. A partir de entón o sector primario non deixou de descender dun xeito acelerado, de maneira que só acolle o 8,5% dos ocupados nas actividades agropecuarias e o 1,8% na pesca. Boa parte do sector dedícase á gandaría, tanto vacúa como avícola. En 1999 existían 2.264 cabezas de vacún, agrupados en explotacións de moi pequeno tamaño, moi pouco axeitadas para a adecuada rendibilidade económica, de xeito que só o 6,9% das mesmas tiña máis de 20 vacas e outro 8,3% posuían entre 10 e 20 reses. Realizouse a concentración parcelaria en boa parte do territorio municipal e existen tres cooperativas agrícola-gandeiras nas parroquias de Meirás, Lago e Vilaboa. O aproveitamento madeireiro é notable: dedícase o 42% da superficie das explotacións agrarias á repoboación forestal. O descenso das actividades agrarias estivo motivada por unha banda na xubilación de moitos propietarios e, por outro lado e de xeito máis significativo, pola potenciación dos movementos pendulares cara a Ferrol. Así, o 23,4% dos ocupados traballan na industria, esencialmente en Ferrol, aínda que a crise derivada da reconversión naval fixo aparecer actividades empresariais no concello ao abeiro das axudas chegadas pola declaración da comarca como ZUR. Deste xeito, existe en Valdoviño unha importante empresa de fabricación de mobles, unha de fabricación de maquinaria de uso xeral e unha fábrica de alimentos preparados para animais. Pola súa banda, a construción ocupa o 13,7% da poboación activa. Os servizos aparecen como o sector maioritario (52,6%), favorecidos pola proximidade da cidade departamental e pola consolidación do concello como lugar de segunda residencia e veraneo dos ferroláns. O comercio é o subsector terciario maioritario, aínda que tamén é importante a Administración pública e a seguridade, a hostalaría, a sanidade, o transporte e a educación. En comunicacións destacan as estradas AC-566 e a AC-116.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana remóntanse á cultura castrexa, da que destacan os asentamentos de Lago, Frouxeira, Castrillón, Taraza, Gabeiras, Carreira de Abaixo, Poulo e Vilarrube. En Chousa apareceron restos romanos, fundamentalmente moedas da época imperial. O topónimo municipal parece aludir á abundancia da vide ata o s XIX, cando a praga de filoxera acabou practicamente co seu cultivo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Cedeira, señorío do conde de Lemos, e á de Trasancos, señorío do marqués de Castelar. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución pola organización municipal. Daquela creáronse os concellos de Pantín e de Valdoviño. A derrogación da Constitución por Fernando VII supuxo a volta ao Antigo Réxime ata que en 1835 se recuperou o municipalismo. Daquela os anteriores concellos unificáronse no de Valdoviño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados cómpre destacar a ermida de Liñeiro, os pazos de Vilarrube, e en Valdoviño o pazo de Rivas e a casa de Timiraos. Destaca tamén o porto do Cabo onde se atopa o antigo porto fluvial e a ponte románica. Celébranse, entre outras, as festas de San Mamede en Valdoviño, Santiago en Lago e Patín, a Ascensión en Meirás e a Festa da Coquina.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ferrolterra
Extensión 88 Km2
Poboación Total 6978 h
Poboación Homes 3401 h
Poboación Mulleres 3577 h
Densidade de poboación 79.3 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral