Valenciana, Comunitat
Comunidade autónoma de España, constituída polas provincias de Alacant, Castelló de La Plana e València (22.826 km2; 4.152.776 h [2001]). Limita ao N con Catalunya e Aragón, ao O con Aragón e Castela-A Mancha, ao S con Murcia e ao L co Mar Mediterráneo. A súa capital é València.
Xeografía física
O relevo da Comunitat Valenciana divídese en dous sectores: as serras do interior e as chairas costeiras. O primeiro sector caracterízase polos accidentes montañosos, integrados no Sistema Ibérico e nas serras Subbéticas. Destacan as serras do Maestrat, Espadà, Martés e o macizo do Caroig. A maior altitude acádase en Penyagolosa (1.813 m). O segundo sector é unha chaira litoral composta por praias suaves, baixas, areosas e con lagoas litorais ou albufeiras, algunhas delas desecadas. Climaticamente, os invernos son relativamente suaves, con poucas chuvias, con máximos en outono e primavera e forte seca estival. No verán, a influencia do anticiclón dos Açores chega ao Mediterráneo e é responsable da escaseza de chuivas. O esporádico ponent procede de La Meseta e é un vento abrasador e seco. O outono é a principal estación de chuvias, provenientes das baixas presións do golfo de León ou das borrascas de Xibraltar. Existe un contraste pluviométrico moi forte entre agosto e setembro e o máximo recollido adoita corresponderse con novembro. Non son estrañas as chuvias torrenciais, que ocasionan medras e inundacións. A maioría dos ríos son curtos e con escaso caudal. Destacan o Millars, o Turia, o Júcar, o Vinalopó e o Segura.
Xeografía económica
Os cultivos de regadío ocupan máis dun terzo da terra cultivada. Destacan os cítricos, cun claro predominio das laranxeiras, seguidas polos mandarineiros e os limoeiros. As comarcas da Plana, Baix Segura, Baix Vinalopó, Ribera Alta, Ribera Baixa, Horta de València e Safor son as principais zonas produtoras de cítricos. Economicamente, o segundo cultivo en importancia, detrás dos cítricos, son as hortalizas, das que se exporta o 25% da produción. As principais variedades cultivadas son as cebolas, cunha gran zona produtora na comarca do Camp de Túria, os tomates, as patacas, as alcachofas e, en menor cantidade, as fabas, a sandía, as leitugas e as coliflores. En terceiro lugar, destaca, dentro do regadío, as árbores froiteiras, distribuídas entre as terras baixas do Millars, do Palancia e do Túria. O arroz foi perdendo peso económico dentro da estrutura produtiva, pero aínda representa o 25% da superficie cultivada cuns rendementos moi altos. No que respecta ao secaño, o principal cultivo é a viña, repartida entre a produción de uva de mesa e a de transformación. Na gandaría, ten unha certa relevancia o gando ovino, seguido polo caprino e o bovino. O porcino e as aves de curral foron obxecto dun importante proceso de industrialización nos últimos anos e conseguiron graos de especialización altos. A maioría da poboación activa traballa no sector secundario. Dentro da estrutura industrial, os subsectores máis importantes son o téxtil, o coiro, o calzado e a confección, a madeira e os mobles, a cerámica, o vidro e o cemento, as industrias metálicas básicas, os transformados metálicos, os produtos químicos e a alimentación. Este sector económico caracterízase polo predominio das empresas pequenas e medianas e case artesanais. Por subsectores, a principal exportación industrial valenciana é a de vehículos automóbiles, seguida de preto pola de calzado e, a máis distancia, pola de equipos informáticos, materiais de construción, mobles, téxtil, xoguetes, coiro e peles e confección. Os principais núcleos industriais son as comarcas de Horta, Alacant-Camp d’Elx e Plana de Castelló. A concentración do transporte ligouse, primeiro, ás exportacións agrícolas e por iso os centros de transporte, e das industrias que se derivan delas, son a Plana, as Riberas, Safor, Denia. O tráfico marítimo, moi vivo antes coas exportacións agrícolas, sufriu a competencia dun medio rápido e directo como os camións e redúcese, de feito, a dous portos, o de Alacant e el Grau (València), xa que o de Castelló de La Plana ten un tráfico moi especializado, os produtos petrolíferos. O ferrocarril, vinculado desde o punto de vista das mercadorías á agricultura e á industria, coñece a saturación dunhas infraestruturas atrasadas, aínda que se introduciron melloras nalgúns tramos, como a vía dobre de València a Xàtiva e de València a Castelló de La Plana. Os dous aeroportos, València-Manises e Alacant-l’Altet, resultan insuficientes para a densidade de relacións co exterior. A paisaxe e o clima son os dous recursos para un turismo de masas que coincide coas comarcas costeiras da Comunitat Valenciana.
Xeografía humana
O crecemento demográfico da Comunitat Valenciana medrou ao longo do s XX, sobre todo entre 1960 e 1975. Os sectores costeiros foron os que experimentaron un maior crecemento demográfico, mentres que os sectores interiores permaneceron estancados ou mesmo perdendo poboación. Desde 1960 sufriu un dos maiores crecementos urbanos de todo o estado, sobre todo na franxa litoral. O maior crecemento produciuse na cidade de València e na súa área metropolitana. Os principais núcleos de poboación da comunidade ademais das capitais provinciais son Elx (194.764 h [2001]), Torrent (65.417 h [2001]), Gandía (59.850 h [2001]), Alcoi (58.358 h [2001]), Sagunt (56.471 [2001]), Oriola (54.390 h [2001]), Benidorm (51.873 h [2001]), Elda (51.593 h [2001]) e Torrevella (50.953 [2001]).
Historia
Os primeiros asentamentos humanos documentados pertencen ao Paleolítico Medio, do que destaca o xacemento da cova Negra, entre Bellús e Xátiva, con restos do home de Neanderthal. No Paleolítico Superior desenvolvéronse as industrias líticas características da Europa mediterránea. Destacan as pinturas rupestres que se estenden polas comarcas dos Ports e do Maestrat, que se documentan desde o Mesolítico ata o Neolítico. No territorio desenvolveuse a cultura ibera, da que destaca a súa escultura en pedra. Houbo tamén influencia grega e fenicia ata que nos ss IV-III a C se converteu nunha fronteira das zonas de expansión cartaxinesa e romana. A romanización produciuse no ss I a C e I d C. Dos asentamentos romanos destaca o de Sagunto, sobre un antigo asentamento ibero, que foi asediado e destruído polas tropas de Aníbal durante as Guerras Púnicas. Durante a Idade Media foi dominada por bizantinos e visigodos, ata que se iniciou a dominación musulmá en 717-718. Á caída do Califato de Córdoba creáronse diversas taifas ata que en 1238 o Rei Xaime I o Conquistador recuperou o territorio e o repobou con aragoneses e cataláns. No s XVI foi un dos escenarios das Xermanías contra Carlos I. Durante a Guerra de Sucesión apoiou o arquiduque Carlos de Austria e, vencido este, Filipe V promulgou os Decretos de Nueva Planta polos que eliminaba os fueros históricos. A comezos do s XX xurdiron as primeiras manifestacións rexionalistas. Ao proclamarse a Segunda República houbo un intento de redactar un proxecto de estatuto de autonomía que non tivo éxito. Co estoupido da Guerra Civil, a rexión mantívose fiel á Segunda República e o goberno republicano instalouse na cidade de València entre novembro de 1936 e outubro de 1937. En 1937 redactáronse dous novos proxectos de estatuto de autonomía que non chegaron a implantarse. Ao final da guerra iniciouse un período de represión e de crise económica, ata que en 1953 se iniciou a recuperación da industria, que experimentou un gran desenvolvemento a partir de 1960. Á morte de F. Franco (1975), as dúas plataformas de partidos e sindicatos uníronse na Taula de Forces Politiques i Sindicals coas reivindicacións básicas de liberdade, amnistía e estatuto de autonomía. Entre 1978 e 1982 desenvolveuse o réxime preautonómico baixo presidencia do PSOE e da UCD. En xullo de 1982 entrou en vigor o Estatut d’Autonomia, pactado polos partidos con representación parlamentaria e ao mes seguinte Joan Lerma, do PSOE-PSPV, converteuse no primeiro presidente da Generalitat. En 2005 as Corts valencianas aprobaron a reforma do Estatut que, como primeiro paso para a súa promulgación, foi levado ao Congreso de los Diputados onde tamén foi aprobado.
Patrimonio cultural
As pinturas rupestres valencianas xunto coas outras espalladas polo mediterráneo español foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1998. En Alacant destacan as murallas iberas do Cerro de las Balsas (BIC, 1996). De época romana destacan os restos conservados en Sagunto, cuxo conxunto histórico foi declarado en BIC en 1978. No eido da arquitectura relixiosa destaca a catedral de València (BIC, 1931) co campanario coñecido como o Micalet, e a basílica da Mare de Déu Dels Desamparats (BIC, 1981) tamén en València; a catedral de Santa María (BIC, 1931) en Castelló de la Plana, o templo arciprestal de Santa María de Sagunt (BIC, 1982) e a catedral do Salvador e Santa María (BIC, 1931) de Orihuela. No eido da arquitectura civil destacan o Palau del Marqués de Dos Aigües (BIC, 1941) de València, a casa do concello de Gandía e os teatros principais de València e Castelló de la Plana. Cómpre destacar tamén o Palmeral de Elx (BIC, 1943). Das institucións culturais destacan o Museo Nacional de Cerámica y Artes Suntuarias González Martí e a Ciutat de les Arts i de les Ciències en València, o Museu Arqueològic de Sagunt, o Museu de Belles Arts de Castelló e o Museu Municipal de Ceràmica de Alacant.