Valle de Oselle, condado do

Valle de Oselle, condado do

Título nobiliario concedido por Fernando VI a Álvaro de Navia-Bolaño Ribadeneira e Moscoso , señor do val de Oselle (Becerreá), oidor decano da Real Audiencia de Lima, ministro honorario do Consello de Indias e cabaleiro da orde de Santiago. Sucedeulle o seu fillo Antonio de Navia-Bolaño e Solisvango, II conde do Valle de Oselle, e a este o seu sobriño Pedro José de Zárate e Navia-Bolaño, III conde do Valle de Oselle. Os seus fillos non levaron o título e este foi rehabilitado en 1920 por Dolores Santamarina Valcárcel , IV condesa do Valle de Oselle, a quen sucedeu a súa sobriña Angela Santamarina Alduncín, V condesa do Valle de Oselle, que morreu sen sucesión. En 1961 o título pasou a Miguel Ángel Gastón y Fernández de Bobadilla (1921), VI conde do Valle de Oselle. Trae por armas as dos Navia-Bolaño: escudo cortado, primeiro, de azul, banda de outro engolada en dragantes de sinople, con lingua de goles e perfilados de ouro; segundo, de sinople, un castelo ao natural, adestrado dun cordeiro de prata que ten aos seus pés un bolo de ouro. Ao timbre, coroa condal.