Vázquez Sánchez, Mariano Tito
(Hellín, Albacete 19.1.1870 - Santiago de Compostela 13.12.1952) Pintor. Creador da escola compostelá de pintura, formouse na Escuela de Artes e Oficios de Murcia e nas escolas superiores de belas artes de València e Madrid. Ingresou no exército e en 1899 trasladárono a Santiago de Compostela, onde comezou a destacar como pintor de escenas militares. Foi profesor na Real Sociedad de Amigos del País (1919-1938), na Escola de Artes e Oficios (1927-1936) e no Instituto Diego Xelmírez. No seu estudo formáronse dúas xeracións de pintores. Foi un dos organizadores da Sociedade Galega de Amigos da Arte. Cultivou unha pintura naturalista e realista que reproducía fielmente a natureza cunha base ecléctica e academicista. Pintou retratos, nos que tratou de reproducir a fisionomía e a psicoloxía do retratado. Destacan Don Salvador Parga Torreiro (1901), Don José Varela de Limia y Menéndez, Cardenal Lago González, García Barbón (1908), Don Antonio López Ferreiro (1929) e os seus diversos autorretratos. Os seus cadros de costumes reflicten o carácter anecdótico característico da pintura decimonónica: A carta do fillo, A esmola (1902) e As rexoubeiras. Pintou, seguindo os postulados costumistas, tipos ou personaxes xenéricos como Lobo de mar ou Esmolante. Realizou tamén bodegóns e naturezas mortas (Mazás) e paisaxes (Paisaxe de Sarria, Árbores).