Veiga, A
Concello da comarca de Valdeorras situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e ao L da provincia de Ourense (42° 15’ N - 7° 01’ 12’’ O). Limita ao N cos concellos de Petín, O Barco de Valdeorras e Carballeda (comarca de Valdeorras), ao S co de Viana do Bolo (Viana), ao L coa provincia de Zamora e ao O co concello do Bolo (Valdeorras). Ten unha extensión de 290,5 km 2 cunha poboación de 1.204 h (2007), distribuída nas parroquias de Baños, Candeda, Carracedo, Casdenodres, Castromao, Castromarigo, Corexido, Corzos, Curra, Espiño, Hedreira, Lamalonga, Meda, Meixide, A Ponte, Prada, Prado, Pradolongo, Requeixo, Riomao, San Fiz, San Lourenzo, Santa Cristina, Seoane, Valdín, A Veiga, Vilaboa, Vilanova e Xares. A súa capital é o lugar da Veiga, na parroquia homónima, que dista 237 km de Santiago de Compostela e 131,6 km de Ourense. Pertence ao partido xudicial de Ourense e á diocese de Astorga.
Xeografía física
O concello presenta unha altitude media de 1.024 m. O seu territorio conta con tres grandes unidades morfolóxicas. As áreas de maior altitude están no L, NL e SL. No SL están as serras de San Lourenzo (1.140-1.094 m), Calva (1.661 m) e Segundeira (Alto do Torno, 1.492 m). Ao N e L sitúase a Serra do Eixe (Pico Maluro, 1.934 m) e Pena Trevinca (2.127 m). Trátase de serras que teñen unha orixe cámbrica e precámbrica con materiais cristalinos. En segundo lugar hai unhas terras intermedias situadas entre 1.000 e 1.200 m, compostas por rochas graníticas hercínicas, en que aparecen a maior parte dos núcleos de poboación, que ocupan o O e o centro do concello. Finalmente están as terras baixas, situadas por debaixo dos 1.000 m e que se corresponden co curso do río Xares e unha fractura que se estende do Barco a Quintela de Hedroso. Existen numerosos cursos de auga, que teñen que salvar fortes desniveis en pouco espazo, de xeito que presentan un curso moi rápido e con gran poder erosivo, formando vales estreitos e moi encaixados. A principal arteria fluvial é o Xares, tributario do Bibei. Ten un perfil quebrado e presenta nos seus primeiros tramos un descenso rápido e profundamente encaixado. De réxime pluvionival, ten un máximo de auga en marzo e abril. Forma os encoros de Santa Baia e Prada. Os seus principais afluentes son o Melados, o Requeixo e o Corzos. O clima presenta trazos extremos e aínda que está dentro do dominio oceánico húmido aproxímase moito ao de montaña, que é o das áreas que están por riba dos 1.100 m. Presenta invernos moi duros debido á altitude e á continentalidade, cunha media entre outubro e abril por debaixo dos 5°C, aínda que en xaneiro non supera os 2°C, polo que son frecuentes as precipitacións de neve. En xullo e agosto non se superan os 15°C de media, aínda que a oscilación diaria amosa ao mediodía valores altos, próximos aos 30°C, e durante a noite chega a situarse por debaixo dos 0°C. As precipitacións non son moi elevadas, tendo en conta a altitude á que se sitúa o concello (1.200 mm). O réxime pluviométrico presenta un claro máximo invernal (40%). No verán aparece unha acusada seca (8%), aínda que non chega a aparecer a aridez. Por riba dos 1.200 m existe unha vexetación de breixos e musgos, e por debaixo desa cota destaca o bosque clímax e de Quercus pyrenaica, aínda que os cerquiños medran achaparrados con escaso desenvolvemento. No val do Xares, nas terras por debaixo dos 1.000 m, existen solos de veiga parda.
Xeografía humana
O concello da Veiga perdeu o 80% da súa poboación desde a publicación 1887 (6.863 h) ata 2001 (1.367 h). A diminución demográfica foi case continua e acentuouse a partir de 1950. De 1887 a 1900 o concello mesmo gañou poboación (0,13% anual), pois aínda que a emigración a ultramar era notable, existía un saldo natural positivo que lograba contrarrestar as saídas. Porén, entre 1910 e 1920 intensificouse a corrente emigratoria e o concello perdeu poboación a un ritmo do -0,1% cada ano. No seguinte período intercensal (1910-1920) apareceu un notable estancamento cun levísimo incremento de habitantes (0,02% anual), aínda que a partir desa última data e ata 1940 decaeu o seu colectivo demográfico un -0,41% cada ano. Entre 1940 e 1950 mantívose a poboación, contando en ambos os dous censos con 6.357 h. A partir de 1950 o concello perdeu a gran maioría da súa poboación, xa de xeito continuo, ata 2001. Entre 1950 e 1970 a baixada foi da orde de -1,54% cada ano. Logo desa data e ata 2001 a perda de habitantes foi moito máis acusada (-2,21% cada ano), primeiro ata mediados da década de 1980 con saídas cara ás áreas españolas máis desenvolvidas e ás cidades de Vigo e Ourense, e despois debido a un forte saldo vexetativo negativo. Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un 11,92%. Froito desta evolución é unha estrutura demográfica en que os maiores de 65 anos (48,6%) superaban os menores de 20 anos (6,5%), o grupo intermedio é o 44,9% da poboación; as mulleres superaban os homes lixeiramente (50,33%), aínda que a emigración feminina foi máis elevada ca a masculina. O saldo vexetativo en 2006 era negativo (-28,3‰), como consecuencia dunha natalidade baixa (2‰) e unha mortalidade moi alta (30,3‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 34,4%, (48,4% a masculina e 21% a feminina); a taxa de ocupación é do 29,6% (41,7% a masculina e 17,9% a feminina) e a taxa de paro do 14,1% (14% a masculina e 14,4% a feminina). A economía da Veiga estivo tradicionalmente baseada no sector primario, especialmente na gandaría ovina e no vacún destinado a carne. Porén, a base económica cambiou como consecuencia do proceso de senectude. Nos últimos vinte anos desapareceron a gran maioría das explotacións agrarias do concello, non porque os seus propietarios cambiasen de actividade senón pola ausencia do relevo xeracional. O sector primario ocupa o 19,2% da poboación activa e continúa descendendo. A industria aglutina o 9,6% dos traballadores, boa parte deles en actividades extractivas de rocha e mineral (5,9%). A construción supón o 22,2%, cifra elevada motivada polo incremento do peso relativo dos restantes sectores tras o afundimento do primario. Son traballadores sen apenas cualificación que se agrupan en pequenas cuadrillas de autónomos para desenvolver o seu traballo en todo o ámbito comarcal de Valdeorras. Os servizos están sobrevalorados na estrutura da composición socioprofesional da poboación (49%), pola mesma razón que a construción, e o seu desenvolvemento é escaso. En comunicacións só conta con estradas locais (OU-121, OU-533), o que unido á súa situación periférica fai que a accesibilidade ao concello sexa complicada.
Historia
As primeiras pegadas de poboamento humano na Veiga datan da época castrexa, con restos de poboados en Castromao e Castromarigo. Durante a Idade Media estivo baixo o señorío dos condes de Lemos e Ribadavia. No Antigo Réxime as parroquias que o integran formaban parte da xurisdición do Bolo, señorío real e dos alcaldes ordinarios. Coa organización municipal xurdida ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os concellos de Castromarigo e Espiño, que se uniron na definitiva recuperación do municipalismo en 1835 e formaron A Veiga.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar as igrexas de Baños, Xares, de planta románica e fachada neoclásica, Valdín, cunha torre monumental, e as de Castromao, Carracedo e Seoane, de estilo neoclásico, ademais do santuario do Bendito Cristo da Ascensión de Prado. No eido da arquitectura popular destaca a rúa dos muíños na Ponte e no eido do patrimonio natural Pena Trevinca, espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras festas, a romaría do Bendito Cristo da Ascensión, as de Santo André en Prada e as de Santa María da Veiga.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 290 Km2 |
| Poboación Total | 1204 h |
| Poboación Homes | 598 h |
| Poboación Mulleres | 606 h |
| Densidade de poboación | 4.15 h/Km2 |