verderolo

verderolo

(

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave paseriforme, duns 14,5 cm, de cor verde oliva, cos bordos das ás e da cola amarelos, as patas rosadas e o peteiro robusto e abrancazado. A femia é máis gris e non tan amarelenta. Vive preto das zonas de cultivo e pouco arboradas, e aliméntase de sementes e froitos. Está presente en toda a Península Ibérica, onde se considera moi común, e abunda en Galicia. Orixinariamente era unha especie asociada a masas forestais, pero agora ocupa todo tipo de hábitats en que hai árbores, que se benefician da actividade agrícola humana xa que se atopa frecuentemente na zona arborada entre cultivos, hortas ou parques. No inverno chegan a Galicia verderolos procedentes dos países nórdicos e fórmanse bandos mixtos con outros frinxílidos, especialmente pimpíns. OBS: Tamén se denomina trigal.

  2. verderolo montés [ANIMAL/ORNIT]

    Ave paseriforme, duns 12 cm de lonxitude. O macho ten os lados do pescozo e o curuto agrisados, as ás negras con raias verdes e o resto do corpo dun amarelo verdoso. Aliméntase de sementes e insectos e vive en bosques de coníferas. Habita nas zonas montañosas alpinas e tamén na Península Ibérica, aínda que en Galicia é moi raro.

Palabras veciñas

verdeo | verdeosa | verdeosa de xaravello | verderolo | Verdes | Verdes | Verdes, pazo de