Versailles, Tratado de
Acordo que puxo fin á Primeira Guerra Mundial. Segundo os resultados da Conferencia de Paz de París, foi asinado o 28 de xuño de 1919 por Alemaña e as potencias gañadoras: Reino Unido, Francia, EE UU, Italia e Xapón, coa adhesión doutros países. Alemaña perdeu o seu imperio colonial, cuxa administración pasou a depender da Sociedade de Nacións. Cedeu os territorios de Alsacia e Lorena, recuperados por Francia -que tamén pasou a controlar a explotación das minas do Sarre-, Prusia Occidental e Poznań, mentres que Danzig se converteu nunha cidade libre. En concepto de reparacións de guerra, impúxoselle a Alemaña o pagamento dunha cifra elevada, desmantelouse o seu exército e prohibíuselle contar con forzas aéreas, así como a súa unificación con Austria. O acordo completouse con outros tratados cos restantes vencidos: Austria (Tratado de Saint-Germain-en-Laye), Bulgaria (Tratado de Neuilly), Hungría (Tratado do Trianon) e Turquía (Tratado de Sevres).