vidro

vidro

(< lat vitru)

  1. s m [MINERAL]

    Materia amorfa que non ten unha estrutura cristalina e, por tanto, as partículas que a forman están ordenadas ao chou. Os vidros naturais máis coñecidos son a obsidiana, as tectitas e a fulgurita.

    1. s m [IND]

      Substancia dura e quebradiza cando está fría, pero pastosa e plástica en quente, xeralmente transparente ou translúcida. Resiste a acción da maioría dos axentes químicos ordinarios e disólvese en ácido fluorhídirico, ademais de ser mal condutor da calor e da electricidade. Obtense pola fusión dunha mestura complexa de elementos vitrificantes (sílice ou óxido de boro), elementos fundentes (álcalis, especialmente carbonato de sosa) e elementos estabilizadores (cal). Aínda que os compoñentes son cristalinos, a materia vítrea obtida ao solidificarse a mestura non o é, e debe considerarse desde o punto de vista físico como un líquido dunha gran dureza e rixidez a causa da súa extraordinaria viscosidade. Na fabricación do vidro empréganse xeralmente fornos continuos, alimentados constantemente por un dos seus extremos polas materias primas e que enforna, polo outro extremo, vidro pastoso e xa afinado (mantido en fusión no interior do forno a uns 1.500°C) e, por tanto, sen gases. O vidro plano fabrícase, cando é fino, por estiramento vertical da masa. Este tipo de vidro é o que se emprega nas fiestras e portas. Cando o vidro é groso fabrícase coando a masa, laminándoa, recocéndoa, e por último, cortándoa. É o caso do vidro dos escaparates. Os obxectos de vidro ocos, como as botellas, fabrícanse industrialmente con máquinas especiais que inxectan aire. Outros obxectos obtéñense por prensadura en moldes ou en matrices. Entre os vidros especiais destacan o vidro armado (provisto interiormente dunha tea metálica), os vidros de seguridade (obtidos quentando láminas homoxéneas a uns 750°C e arrefriándoos rapidamente, constituídos por diversas láminas de diferentes grosores con xuntas a base de materiais orgánicos elásticos) ou o vidro opaco (obtido por adición de substancias minerais). Creuse que os primeiros vidros foron producidos no Próximo Oriente como substituto das pedras preciosas. A fabricación de pezas macizas de vidro, tanto en Exipto como en Mesopotamia, data aproximadamente do terceiro milenio a C. As técnicas de vidro difundíronse desde Siria e nos ss VIII e VII a C os fenicios leváronas por todo o Mediterráneo e ata as costas atlánticas. Fenicia e a rexión de Alexandría na época helenística foron os centros de produción máis importantes antes da aparición do Imperio Romano. Na antiga China fabricábanse pequenos obxectos de vidro cun índice de refracción moi elevado e cun característico contido de chumbo e bario (vidro que non se obteu en Occidente ata o s XIX). As pezas encontradas datan dunha época anterior á dinastía Han (200 a C). Nos ss II e I a C, probablemente en Siria, produciuse un descubrimento que revolucionou dunha maneira definitiva a industria do vidro: a técnica de soprado, que popularizou o uso e que constituíu desde entón o sistema de produción ata ben entrado o s XIX. Considérase que a comezos do s I a nova técnica entrou con forza no mundo romano e se estendeu por todo o Imperio, sobre todo nos vales do Ródano e do Rin. Os romanos coñeceron tamén a lupa, que construíron a base de encher de auga unha bóla de vidro, e o espello, formado por un soporte de metal brillante. Cara a finais da primeira centuria aplicouse por primeira vez o vidro, primeiramente translúcido e incoloro, e máis tarde transparente, na fiestra. A formación do Islam (s VII) potenciou o rexurdimento de técnicas antigas. En Siria, Exipto, Mesopotamia e a Península Ibérica abundan os vidros tallados, en relevo, estampados, gravados, esmaltados e toda clase de policromías e de traballos especiais aplicados a obxectos de ornamentación. Xa no s X apareceron as vidreiras nas igrexas. Nos ss XIV e XV instalouse nas fiestras das principais casas de Europa un vidro obtido normalmente a base de tornear rápido, coa mesma cana, unha burbulla de pasta fundida que a forza centrífuga facía abrir e convertía nunha lámina circular e plana. Este vidro foi bautizado co nome de crown (‘coroa’), a causa da marca que o extremo da cana deixaba no centro da placa. Mentres, no norte de Europa fabricábanse vidros con area local e álcalis derivados de centros vexetais, sobre todo para tapar fiestras. Nas rexións mediterráneas, grazas ao intercambio ocasionado polas cruzadas, renaceu unha industria delicada e luxosa, na que se utilizou sílice e sosa máis puras. O centro principal desta industria foi Murano. A astronomía, a topografía, os fundamentos de obtención do gas e as ciencias do baleirado coñeceron aplicacións innumerables que abriron novos camiños e tamén potenciaron a industria do vidro. Co fin de obter un vidro transparente, libre de sombras causadas por un exceso de álcali, George Ravenscroft (1675) engadiu chumbo ás materias primas e produciu un material de tal transparencia e docilidade que competía con vantaxe co cristal veneciano: foi chamado flint, e foi moi cobizado para tallar e puír e moi adecuado para as aplicacións de óptica. A mediados do s XVII desenvolveuse en Francia a técnica do moldeamento plano. O proceso consistía en baleirar a pasta do crisol directamente dentro do molde plano provisto dunhas guías móbiles que fixaban a medida da lámina. Unha vez estendida a pasta, era apertada e calibrada cun rolete, e despois do proceso de arrefriamento iniciábase o traballo de puído, desbastamento e abrillantamento. A principios do s XVIII, comezaron a producirse botellas para o viño, a cervexa e outros contidos de uso cotiá. A aparición do tapón de cortiza permitiu recuperar os antigos costumes de avellentar o viño en botellas tapadas, o que determinou a forma cilíndrica e alongada, adecuada para un almacenamento horizontal. A Revolución Industrial iniciou o período actual da industria do vidro. Apareceron novos produtos para a composición da masa e a maquinaria aumentou a produción. Coa instalación abundante de vidro no Cristal Palace da Exposición Mundial de Londres de 1851, comezou a arquitectura de vidro. Debido ás constantes esixencias da óptica, Abbé e Schott aplicaron os avances da química na produción de vidros especiais, como os vidros ao borosilicato, capaces de soportar ataques químicos. En 1958 comezouse a producir o vidro óptico cun proceso de fabricacion continua. No segundo decenio do s XX comezou a fabricación de vidro de alta resistencia ao lume e, como consecuencia da busca no campo dos vidros fotosensitivos, en 1957 comercializouse o vidro cerámico. Ambos tipos de vidro inauguraron novas series de materiais de aplicacións múltiples. Tamén a comezos do s XX se iniciou a produción de fibra de vidro, fundamentalmente empregada como illante térmico.

    2. arquitectura de vidro [ARQUIT]

      Arquitectura en que o vidro ten un papel preponderante. Desenvolveuse a partir do s XIX. Xunto co ferro e o aceiro, pasou por unha época de experimentación que permitiu no s XX crear unha nova linguaxe que configurou a arquitectura contemporánea. Pierre Fontaine, na Galerie de Orléans (1828-1831), no Palais Royal de París, e sobre todo Joseph Paxton, no Cristal Palace da Exposición Mundial de Londres de 1851, foron os pioneiros na utilización do vidro na construción. Desde entón un gran número de pavillóns das exposicións mundiais, de estacións de tren e incluso de edificios comúns utilizárono nas cubertas e nunha parte das paredes, como Les Hayes, e o gran mercado de París (1854), obra de Vic22tor Baltard. Os arquitectos da escola de Chicago foron os que, coas súas estruturas metálicas deron importancia ás fiestras e obtiveron interiores dunha gran claridade nos primeiros intentos de rañaceos, como no Home Insurance Building (1883-1885), de William Le Baron Jenney. Cando Walter Gropius construíu os talleres Fagus (1911), en Alfeld an der Leine, deu un paso adiante considerable para a reivindicación do vidro na construción. O vidro utilizouse tamén en numerosos habitáculos de tipo familiar, como as vilas de R. J. Neutra (EE UU).

    3. eléctrodo de vidro / [FÍS/QUÍM]

      Eléctrodo que consiste nun tubo de vidro en forma de bulbo, de paredes moi finas, que actúa como membrana semipermeable nos ións H + . Pode empregarse na medida do pH entre 0 e 13 e non lle afectan nin oxidantes, nin redutores nin compostos orgánicos.

    4. vidro metálico [QUÍM]

      Estrutura amorfa constituída por metais condutores de electricidade que, unha vez aliados, son arrefriados moi rapidamente (10 6 °C por segundo), o que impide que cristalicen. Os compostos con esta estrutura presentan supracondutividade e teñen aplicacións na fabricación de pantallas magnéticas e na protección ante a corrosión.

  2. s m
    1. Peza ou obxecto de vidro.

    2. Lámina máis ou menos grosa de vidro que se pon nas fiestras, as portas e noutros ocos para impedir o paso do aire, pero non o da claridade.

  3. vidro de sílice [MINERAL]

    lechatelierita.

Palabras veciñas

vidreiro -ra | Vidreres | vidrería | vidro | vidroso -sa | Viedma | Vieille, Paul