Vigo

Vigo


Concello da comarca homónima situado no extremo SO da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Pontevedra (42° 13 51 N - 8° 44 03 O). Limita ao N coa ría de Vigo, ao S cos concellos de Gondomar, Porriño e Mos (todos da comarca de Vigo), ao L cos de Redondela e Mos (Vigo) e ao O coa ría de Vigo, Nigrán e Gondomar (Vigo). Ten unha extensión de 109,1 km 2 cunha poboación de 294.772 h (2001) distribuída nas parroquias de Alcabre, Beade, Bembrive, Bouzas, Cabral, Candeán, Castrelos, Coia, Coruxo, A Florida, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, San Paio, Santo André de Comesaña, Sárdoma, Teis, Valadares e Zamáns. A capital, a cidade de Vigo, que abrangue varias freguesías urbanas, dista 34 km de Pontevedra e 88 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Vigo e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O relevo do concello aparece definido por dúas unidades xeomorfolóxicas, a ría de Vigo e o Val do Fragoso, entre as que se desenvolve unha unidade do relevo de menor entidade constituída por unha serie de altitudes non demasiado significativas. A ría ofrece un aspecto de fractura esgazada, presentando na súa marxe meridional, na que se atopa o concello, unha morfoloxía máis aplanada que cara ao N. As superficies aplanadas introdúcense cara ao interior seguindo fracturas de dirección SSO-NNL aproveitando os vales dos ríos Lagares e Miñor. O litoral de Vigo tivo unha evolución xeolóxica moi marcada polos procesos tectónicos que acompañaron os movementos epiroxénicos do período herciniano e neoxeno e pola acción erosiva dos diferentes períodos climáticos que se sucederon desde a era terciaria. Deste xeito, na costa atópanse sectores moi rochosos, como o que se desenvolve de Saiáns a punta Sobreira, e áreas nas que se abren areais, como as praias de Samil, O Vao e Canido, aparecendo en ocasións fenómenos de sedimentación mariña e fluvial de tipo slikke e schorre, como acontece no esteiro do río Lagares. Vigo conta tamén cun tramo litoral completamente antropizado, que en dirección NL, unha vez superadas as puntas rochosas de Alcabre, se sitúa entre Bouzas e A Guía, continuando logo polo saínte rochoso da enseada. Os movementos tectónicos do Herciniano propiciaron fracturas de orientación predominante NL-SO e N-S que foron rexuvenecidas durante o Neoxeno e o Cuaternario. Estas liñas de falla definen a dirección fundamental da ría (NL-SO) e o corte rectilíneo do litoral occidental das Illas Cíes. Este pequeno arquipélago situado na boca da ría de Vigo acada unha altitude máxima no alto das Cíes (188 m) na illa de Monteagudo ou do Norte. A súa morfoloxía é contrastada cunha fronte acantilada cara ao O e a presenza de areais cara ao L. Ademais desta orixinalidade xeomorfolóxica, as Illas Cíes contan cunha gran riqueza biolóxica, especialmente de aves mariñas. Desde 2002 están integradas no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Sobre a liña de costa e, entre ela e o Val do Fragoso, aparece unha unidade de relevo sobre a que se desenvolveu unha das primeiras fases de expansión urbana viguesa ascendendo desde a costa ata o cumio do monte do Castro (147 m) e continuada cun ascenso cara ao alto de Candeán (340 m). A outra grande unidade de relevo municipal está ao outro lado desta liña de cumios, onde se abre o Val do Fragoso, formado pola conca do río Lagares que desauga na praia de Samil. A morfoloxía deste sector está condicionada polos mesmos procesos tectónicos e erosivos que os que existen na costa, constatándose a posibilidade de que a tectónica afundise a vertente N do Val do Fragoso na ría de Vigo, o que explicaría a profunda disimetría que presenta en sentido meridiano (N-S), sendo a vertente meridional moito máis elevada ca a setentrional. O fondo do val está ocupado por un denso poboamento cunha gran mestura de usos do solo. A vertente montañosa meridional, que pecha o val e serve de límite municipal, correspóndese cos contrafortes da serra do Galiñeiro, restos dunha antiga superficie de erosión de orixe primaria que se sitúa ao redor dos 450-500 m de altitude, que acada as maiores cotas altitudinais nos cumios de Alba ou Cepudo (524 m) e Galiñeiro (701 m). A razón desta maior altitude meridional está relacionada coa litoloxía imperante de gneis de riebeckita, máis resistente á erosión que os granitos e gneises de biotita dominantes noutras áreas do concello. O relevo actual é en boa medida froito da disección fluvial das antigas superficies de aplanamento diaclasadas e basculadas en bloques durante o Neoxeno. Aprécianse ata once miniconcas hidrográficas que se agrupan en tres grandes sistemas tributarios: os que desaugan no val do Lagares, os cursos que verten ao Zamáns e drenan o Miñor, e os que desembocan directamente no mar (área de Teis e Saiáns-Oia). O clima pertence ao dominio oceánico húmido e, dentro das variedades galegas, ao subtipo do litoral das Rías Baixas. Os caracteres que definen as condicións climáticas son a costa elevada e a latitude meridional. Así, os notables relevos litorais, como a península do Morrazo ou a serra do Galiñeiro que superan os 500 m, favorecen unhas precipitacións elevadas de orixe adiabática, ao mesmo tempo que a axeitada orientación da ría de Vigo fronte aos ventos do SO propicia a chegada de fluxos húmidos. Por outra banda, a latitude meridional a escala galega fai que a insolación se incremente de xeito notable con respecto ao N da comunidade, contando Vigo cunhas 400 horas máis de sol anuais que A Coruña ou Ferrol. Vigo conta cunha forte pluviosidade (1.500 mm) derivada fundamentalmente da exposición favorable aos fluxos ciclónicos do SO. Son precipitacións distribuídas en non moitas xornadas anuais de choiva, non adoitando superarse as 140, circunstancia que non repercute nunha diminución das precipitacións xa que o ritmo pluviométrico é máis intenso ao concentrarse unha maior caída de auga en menos días de precipitación. Son frecuentes os fortes chuvascos que acompañan as frontes frías das perturbacións ciclónicas do SO. A maior parte das choivas caen no inverno (37%), cun máximo secundario no outono (28%) aínda que na primavera se manteñen altas (26%). Pero durante o período estival aparece unha acusada seca (8%), que ao estar acompañada das temperaturas máis elevadas, desencadea un período de déficit hídrico acompañado por episodios de aridez durante os meses de xullo e agosto. O aumento da insolación respecto ao N de Galicia déixase sentir nun sensible incremento térmico. Vigo sitúase no litoral máis cálido de Galicia: o concello acada unha temperatura media anual de 14,9°C. Os meses máis cálidos son xullo (20,1°C) e agosto (20°C), aínda que tamén son quentes xuño (18,1°C) e setembro (18,8°C). A suavidade térmica maniféstase especialmente durante o inverno: decembro (10,6°C), xaneiro (10,2°C) e febreiro (10,4°C). Deste xeito a oscilación térmica anual é bastante cativa (9,5°C). Con estas condicións térmicas o risco de xeadas é practicamente inexistente no tramo costeiro do concello e moi feble nas áreas máis elevadas. A vexetación clímax é moi reducida, quedan manchas moi cativas de carballos, castiñeiros e sobreiras, dominando en cambio amplias masas de repoboación de piñeiros e eucaliptos, ademais de desenvolverse matogueiras con especies do tipo das ericáceas, gramíneas, cistáceas ou agaricáceas.
Xeografía humana
Vigo coñeceu un vertixinoso crecemento demográfico e urbanístico ao abeiro da súa industrialización acelerada, de xeito que viviu un dos pulos máis notables acontecidos no conxunto de España. Así pasou de ser un modesto asentamento costeiro que en 1860 contaba con só 11.070 h a unha urbe marítima e cosmopolita. É un dos centros de gravidade do sistema de cidades da fachada atlántica galego-portuguesa que conta con preto de 300.000 h, feito que o converten no concello máis poboado de Galicia. Neste crecemento tivo un papel fundamental a chegada de inmigrantes atraídos pola ampla oferta de emprego industrial e de servizos da cidade, aínda que tamén influíu o forte crecemento vexetativo existente ata comezos da década de 1980 e a anexión dos concellos de Bouzas (1904) e Lavadores (1941), que conformaron barrios ben definidos dentro da cidade. A poboación non deixou de medrar desde o censo moderno de 1887 ata o de 2001, aínda que durante os últimos vinte anos o seu crecemento diminuíu de xeito notable. Entre 1887 e 1900 o incremento poboacional foi do 2,34% anual, para situarse en 45.913 h (incluída a poboación dos concellos de Bouzas e Lavadores), da que o 50,6% residía na cidade e o resto nas parroquias rurais. No 1900 catro concellos galegos contaban con máis habitantes ca Vigo: A Coruña, que practicamente tiña o dobre, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela. Non obstante, axiña pasou a ser a segunda entidade municipal en residentes e, a partir de 1970, o concello máis poboado de Galicia. Entre 1900 e 1930 o incremento demográfico foi espectacular, pois medrou anualmente un 3,7%, duplicando o número de habitantes (96.696 h). O incremento foi aínda máis notable na cidade (4,28% anual) ca nas parroquias rurais (2,92% anual); a urbe foi adquirindo un paulatino maior peso (61,14% en 1930) respecto da área rural e da periurbana. Esta densificación da cidade aconteceu, sobre todo nas tres primeiras décadas do s XX, na área litoral grazas ao desenvolvemento da pesca, das factorías navais, da industria conserveira e das industrias metálicas. Durante as décadas de 1940 e 1950 o crecemento demográfico diminuíu de xeito notable (incremento anual do 1,21% nos anos 1940 e do 0,51% nos anos 1950) como consecuencia da desfavorable situación económica durante a posguerra. Esta situación supuxo unha menor oferta de emprego, de xeito que descendeu sensiblemente o número de inmigrantes e o crecemento da poboación foi consecuencia do elevado saldo vexetativo positivo, especialmente nas parroquias rurais, porque a cidade no período intercensual 1950-1960 chegou a perder habitantes (-1,29% anual fronte ao incremento do 1,71% cada ano nas parroquias non urbanas). Non obstante, na década de 1960 retomouse a senda do forte crecemento demográfico, sendo o período intercensual 1960-1981 o de maior incremento poboacional de todo o s XX: 3,74% anual, chegando ata o 4,72% na urbe, mentres as parroquias rurais medraron a un ritmo máis pausado do 1,75 %. A poboación urbana continuou a gañar peso relativo no concello e en 1981 supuña o 74,7% do colectivo demográfico do concello. Este espectacular crecemento estivo estreitamente relacionado co proceso de industrialización. Neste momento Citroën coñeceu a súa maior expansión, ampliáronse os estaleiros e produciuse o apoxeo do sector pesqueiro. Co inicio da crise económica de 1973, o concello comezou un período de diminución no crecemento do número de habitantes, que se deixou notar a partir de 1981. Entre este ano e 1991 tan só medrou un 0,75% anual: a cidade medrou nun 1,21%, pero o medio rural perdeu efectivos (-0,63%). A reconversión naval e a crise das grandes industrias de corte tradicional supuxeron a perda de moitos postos de traballo e a caída do atractivo para os potenciais inmigrantes. A entrada nunha nova fase económica expansiva durante os anos 1990 non se reflectiu nun novo aumento demográfico, pois a poboación durante o último período intercensual 1991-2001 tendeu cara ao estancamento (crecemento do 0,08% anual), mantendo o concello a súa poboación grazas ao incremento de habitantes nas parroquias non urbanas (1,02%), pois a cidade diminuíu a súa poboación un -0,19% anual. En 2001 a poboación urbana aglutinaba o 75,86% da existente no concello. Esta nova situación non supón unha perda de potencialidade e vitalidade, senón que hai que relacionala e circunscribila na tendencia xeral que se dá no resto de urbes galegas e en toda Europa Occidental de freo do crecemento ou mesmo de perda demográfica dos núcleos urbanos tradicionais en favor das súas periferias, máis ou menos inmediatas, que son as que gañan poboación a ritmos vertixinosos grazas á desconcentración residencial motivada, fundamentalmente, polos elevados prezos do solo nos centros urbanos clásicos. No caso de Vigo esta situación deriva de ser centro dunha ampla área metropolitana na que medran considerablemente os municipios de influencia directa da urbe central, fundamentalmente Nigrán, Redondela, Mos, O Porriño, Gondomar, Baiona, Soutomaior e Salceda de Caselas. De todos os xeitos, nas dúas renovacións do padrón acontecidas desde o censo de 2001, parece retomarse o incremento demográfico ao medrar un 1,45% anual, froito da importante chegada de inmigrantes. Deste xeito entre o censo de 2001 e o padrón de 2007 a poboación creceu nun 5,20%. O 39,23% da poboación (2001) non naceu no concello; o colectivo máis importante procede doutros concellos pontevedreses (12,8%), mentres que o 14,38% vén doutras zonas de Galicia, o 6,62% doutras comunidades autónomas e o e 5,43% do estranxeiro. Esta evolución demográfica propiciou que o concello conte cunha das estruturas por idade máis novas de Galicia, cun 17,7% dos seus habitantes por debaixo dos 20 anos e un 16,6% por riba dos 65 anos; mentres que no grupo intermedio se integra o 65,7% da poboación. A vitalidade demográfica por barrios pon de relevo que a parte máis antiga da cidade é a máis avellentada, en tanto que os barrios periféricos gozan de maior dinamismo e poboación nova xa que foron os espazos onde se asentaron os efectivos en idade de procrear. A taxa bruta de natalidade é do 8,9‰ (2006) e a de mortalidade do 8,2‰, polo que o saldo é positivo 0,7‰.
Evolución do plano urbano
A mediados do s XIX distinguíanse na cidade catro áreas. A primeira delas estaba ao pé do monte do Castro, onde se atopaba o núcleo principal e se localizaban as funcións organizativas e comerciais, así como o tráfico marítimo. Era un eixe de camiños que levaba cara ás parroquias rurais e ás cidades próximas. Un segundo espazo atopábase fóra das murallas, aínda en pé, a carón das vías de acceso, onde se localizan os arrabaldos. Unha terceira área era a ribeira do Berbés, asentamento de pescadores de longa tradición. Finalmente, ao outro lado da cidade, había unha extensa e abrigada praia onde se situaban as importantes fábricas de salgadura de peixe establecidas por industriais cataláns durante o s XVIII e comezos do s XIX. O auxe económico que a cidade viviu desde entón produciu unha forte expansión de cada unha desas catro áreas e favoreceu o proceso de concentración urbana. Ante o rápido e descontrolado crecemento da urbe houbo varios proxectos de ensanche, que non se materializaron ata 1878, aínda que semella que o principal eixe que orientou o crecemento urbano foi a construción da estrada de Castela, que se iniciou en 1833. Outras obras importantes que axudaron ao desenvolvemento urbano foron o derrubamento das murallas entre 1869 e 1897 e a construción (1863-1881) do ferrocarril que enlazaba con Madrid. Así, a finais do s XIX, Vigo aparece xa configurada como unha cidade avanzada chea de construcións modernistas ao longo das principais vías, como a Porta do Sol, Policarpo Sanz ou Elduayen. O desenvolvemento portuario tamén favoreceu a consolidación de Vigo como unha urbe de referencia no NO de España; en 1880 converteuse en porto de primeira categoría para o tráfico de pasaxeiros con América. A tradicional actividade pesqueira non deixou de potenciarse conforme ía medrando o núcleo. Superado o ano 1900 e ata mediados do s XX a urbanización continuou a un ritmo vertixinoso, pois necesitaba edificios nos que acoller as mareas humanas que recibía para traballar nas industrias. Esta expansión fíxose cara á periferia rural e foi a razón da anexión dos concellos de Bouzas e Lavadores. Xurdiu tamén un novo núcleo a carón da estrada de Castela, O Calvario, modesto nestes intres pero que acollía un número crecente de inmigrantes, fundamentalmente procedentes da provincia de Ourense, de xeito que en 1950 xa contaba con case 10.000 h. Outros barrios xa conformados nesta data eran os dos Caños, Castrelos e A Florida. Outro feito fundamental para enriquecer o espazo urbano foi a construción da rede de tranvías (1914), necesaria para unir os núcleos próximos onde vivían moitos traballadores das industrias situadas na urbe. As liñas eran radiais e axudaron ao desenvolvemento dos núcleos próximos de Cabral e Bouzas e nunha segunda fase chegaron tamén ata Baiona e O Porriño. Os intereses dos promotores privados prevaleceron case sempre sobre a vontade dos poderes públicos municipais por establecer un plan urbano, saíndo só adiante o Plan de Ensanche, construído baixo os auspicios da burguesía e reflectindo os seus intereses coa disposición dos grupos de edificios en cuadrícula. O Ensanche pasou a denominarse Nova Poboación e a súa expansión supuxo a realización de recheos que uniron o Berbés co Areal, conformando o porto e a fronte marítima tal e como hoxe se percibe. Durante esta etapa xurdiu a Gran Vía para unir o centro co monte do Castro e o crecemento urbano continuou nesta nova dirección. Todas estas transformacións estiveron baseadas nun período de forte capacidade económica grazas á puxanza da industria viguesa, sustentada na primeira metade do s XX na rama conserveira que contaba con múltiples empresas situadas moi próximas á ría. Neste sentido o período álxido da expansión económica e urbana viguesa foi a década comprendida entre 1950 e 1960. A consolidación desta actividade e a súa continua modernización propiciou un efecto multiplicador, pois as demandas de ampliación foron en boa medida satisfeitas na propia cidade; así instaláronse fábricas metalúrxicas para a fabricación de envases (1900), industrias de maquinaria naval e construción de buques (Barreras, 1928; Vulcano, 1940; Santodomingo, 1945; Ascón e Freire, 1958), industrias frigoríficas (Frigoríficos Vigo, 1940; Mar, 1950, Vieirasa, 1953) ou as grandes empresas de pesca industrial, como Freire (1959) e Pescanova (1960). Todo este auxe industrial propiciou un ambiente moi proclive ao desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, que se materializaron na instalación doutras puxantes industrias, como Álvarez (1936) ou Refrey (1951), aínda que a máis importante, debido ás repercusións posteriores, foi a instalación de Citroën en 1957, que se converteu no elemento económico de referencia imprescindible na cidade olívica. As actividades industriais propiciaron, así mesmo, o desenvolvemento das funcións portuarias, non só de mercadorías senón tamén de pasaxeiros, de xeito que xurdiron multitude de actividades de servizos relacionadas co mesmo: axentes navieiros, consignatarios ou hostalaría. A mediados da década de 1960 era o porto de pasaxeiros máis importante de España. Por outra parte, tamén era, e continúa a ser, o porto coa máis abondosa frota pesqueira, pois a pesca foi e é un elemento definidor da economía local, que ademais se viu potenciada pola política proteccionista tras a Guerra Civil, que favoreceu a construción de buques diante das posibilidades de expansión da pesca de grande altura. Un factor de capital importancia para o desenvolvemento industrial de Vigo na segunda metade do s XX foi a creación da Zona Franca en 1947. As vantaxes fiscais que supuxo este feito para a instalación de empresas atraeu a Citroën, que se asentou primeiro na zona portuaria e despois en Balaídos, creando un novo polo funcional nesa área da cidade. Na periferia da cidade un feito importante foi a construción do polígono de Coia (1963), creado dentro da política oficial de facer grandes polígonos residenciais nos Polos de Desenvolvemento. Así, na segunda metade do século as actividades produtivas trasladáronse á área occidental da cidade (Bouzas, Beiramar, Zona Franca), mentres que as áreas de localización industrial da primeira metade da centuria cambiaron de localización ou desapareron obsoletas diante da competencia co sector inmobiliario no espazo oriental da urbe. A finais da década de 1970 o eixe Vigo-O Porriño comezou a consolidarse como espazo en que se asentaron dotacións sociais e comerciais, dándose ao mesmo tempo unha ocupación industrial ao longo do río Lagares, que se contaminou en exceso como consecuencia das verteduras industriais incontroladas. Nos últimos vinte anos a transformación urbana máis destacada foi a construción da área residencial da Doblada e a densificación dos arredores do polígono de Coia. Na década de 1980 o crecemento urbanístico e funcional da cidade quedou bastante truncado coa crise e peche de moitas empresas, ao que se engadiu o conflito pola crecente dificultade de acceso a caladoiros internacionais da frota conxeladora de grande altura. Desde entón, a cidade tenta de novo expandirse e ao mesmo tempo desconxestionarse: finalizáronse os dous cintos da circunvalación e iniciouse o segundo, fixéronse novos recheos no porto, remodelouse o sector das Avenidas, creouse o Campus Universitario de Marcosende, fíxose o recinto feiral de Cotogrande e avanzouse na construción do Parque Tecnolóxico de Valadares. Pódese afirmar que a historia urbana de Vigo e a súa estrutura é resultado do seu caracter de cidade industrial que creceu en moi pouco tempo impulsada polo pulo económico sen apenas planificación ningunha, cunha forte permisividade urbanística por parte dos poderes locais, o que levou a que sexa unha cidade cunha extraordinaria desorde urbanística, que non remata na cidade, senón que continúa no espazo periurbano ou rururbano do concello, ocupado por unha densa nube de asentamentos que forman un hábitat continuo de urbanización difusa, onde predominan as vivendas unifamiliares aliñadas ao longo da complicada rede de camiños locais.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 55,3% (66,4% a masculina e 45,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,2% (58,8% a masculina e 36,9% a feminina); e a taxa de paro é do 14,7% (11,4% a masculina e 18,8% a feminina), todas elas superiores ás xerais de Galicia. Vigo é unha cidade cunha economía centrada no sector industrial, que acolle o 23,9% da poboación activa. Non obstante, boa parte das actividades industriais entraron nunha fonda crise motivada pola competencia internacional e polas dificultades da pesca para expandirse debido ás complicacións de acceso a novos caladoiros e ao esgotamento de moitos dos tradicionais. Así, resentíronse o sector conserveiro, a construción naval, a química, a siderometalúrxica, a cerámica ou a téxtil. A economía, baseada nun sistema produtivo endóxeno, con capital vigués, sufriu unha crecente penetración de capital foráneo a través das multinacionais e o conseguinte traslado da capacidade de decisión a estas. A economía viguesa está definida en boa medida polo sector do automóbil, pois só unha empresa, PSA Peugeot-Citroën, concentra preto do 40% do emprego industrial da cidade (contaba en 2002 con algo máis de 10.000 traballadores e superou os 4.600 millóns de facturación), ao que hai que engadir a multitude de empresas auxiliares ás que esta industria lles proporciona carga de traballo, non só no concello de Vigo, senón en toda a área metropolitana. É por tanto a base da estrutura económica. O sector pesqueiro, máis diversificado, dá emprego directo a máis de 5.000 traballadores. Destacan Pescanova, algunhas conserveiras, como Alfageme e Albo, e varias empresas dedicadas ao envasado e conxelación de preparados de peixe, como Angel López Souto. A industria alimentaria é tamén moi significativa, aínda que a súa importancia económica é sensiblemente inferior, destacando o grupo de supermercados Vegalsa e a de venda polo miúdo Vego Supermercados A construción naval segue a manter unha importancia considerable malia á destrución de multitude de postos de traballo coa reconversión da década de 1980: Vulcano, Barreras, Santodomingo, Freire e Rodman-Polyships, aínda que existen moitas outras de menor tamaño que se dedican á reparación e construción de pequenos buques. A construción e a fabricación de material eléctrico conta tamén cun bo número de empresas, así como a industria da pedra, especialmente do granito, que acadou un gran pulo nos últimos anos. Cómpre destacar tamén algunhas actividades empresariais relacionadas cos servizos, especialmente no sector da limpeza, como Limpiezas Noroeste e Limpiezas Faro. Tamén son fonte importante de emprego a clínica POVISA, o grupo de empresas Álvarez, xa desaparecida, ou a cementeira COSMOS. Polo que se refire á composición profesional da poboación activa apréciase, malia a definirse tradicionalmente como unha cidade industrial, que son os servizos os que proporcionan a Vigo o substancial do emprego, pois ocupan o 67,4% da poboación activa, sendo o comercio o que máis empregados aglutina (17,37%), feito lóxico nunha cidade reitora dunha ampla área metropolitana. O segundo subsector dentro das actividades terciarias que máis emprego xera é o dos servizos empresariais e inmobiliarios (7,84%), seguidos da sanidade (7,47%), a educación (7,32%) e o transporte (7,14%). Vigo ademais é un centro turístico de certa importancia polo que o sector hostaleiro de certa envergadura que emprega o 5,21% dos ocupados. Xa nun paso inferior sitúanse outros servizos, como os financeiros (3,22%), os servizos persoais e actividades sociais (3,30%) ou a Administración Pública e Seguridade (3,14%). Pola súa banda, a industria supón o 23,8% do emprego, aínda que se debe ter en conta que moitas actividades industriais da zona de Vigo se desprazaron aos parques empresariais situados nos concellos da área metropolitana. A construción só xera o 6,7% do emprego. Vigo é un concello de notables dimensións polo que posúe unha ampla área rururbana na que se mesturan toda unha serie de actividades, entre as que destaca a agricultura. A presenza física de cultivos de horta e viñedo non se deixa sentir practicamente na distribución sectorial da poboación activa (0,6%) porque é unha actividade practicada a tempo parcial, compaxinada co continxente da poboación das parroquias periurbanas, que compaxinan co traballo no sector secundario ou terciario. Finalmente, a pesca crea máis de 1.500 empregos directos de tripulantes nos buques, aínda que esta cifra en termos relativos non é moi destacada no total do emprego (1,5%), a súa importancia económica é significativa polo volume de emprego indirecto que xera e polo valor en primeira venda do peixe. Vigo é un nó importante de comunicacións. Desde aquí parten importantes vías cara a todas as capitais provinciais. Conta coa autoestrada AP-9, que comunica a cidade con Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Portugal e conta cunha variante que desemboca en Baiona, e a autovía das Rías Baixas A-52, que conecta con Madrid. Posúe o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril levan á Coruña, Ourense e Madrid. O seu porto, ademais, é un referente na escala dos cruceiros.
Historia

A prehistoria
Vigo é unha das poboacións máis antigas da Península Ibérica. Nun pasado era coñecida como Lambriaca. Plinio referíase a ela como Abobrica e situábaa na costa, na rexión dos grovios, preto das illas Siccas (Illas Cíes), onde se atoparon restos da Idade do Bronce e da presenza romana na illa de San Martiño. Plinio e outros autores denomináronas Insulae Deorum e outros identificáronas coas Casitérides. Aínda que non se atoparon xacementos do Paleolítico, os escasos restos arqueolóxicos tallados en cuarcita, restrelos e picos, demostran que as terras do concello e da comarca estiveron poboadas desde a Idade de Pedra. Outra proba destes poboadores é a existencia de numerosas mámoas de orixe megalítica, datadas entre o V e o III milenio a C, repartidas ao longo da cadea montañosa do perímetro municipal, e das que destacan as do monte da Madroa, o monte Vixiador e o monte Penide. De finais do III milenio a C datan os restos metalúrxicos máis antigos atopados en enterramentos funerarios individuais carentes de túmulos, aínda que máis ricos en contido, o que evidencia a aparición dunha estrutura social e unha evolución cara á primeira etapa da metalurxia. Corresponden a esta época os numerosos gravados rupestres nas zonas de Beade, Navia, Coruxo, Matamá, Oia, Teis, Sárdoma e Santo André de Comesaña, entre eles destacan os de Fragoselo e San Lourenzo en Coruxo, ambos os dous declarados BIC en 1974, ou o de Godesende-Pedra das Augas en Teis (BIC, 1974). Durante a Idade do Bronce, da que se atoparon numerosos machados, produciuse unha comunicación e intercambio con outras poboacións, achegándose, incluso, ás áreas mediterráneas.
O Vigo galaico-romano
A influencia comercial dos fenicios, que favorecen a evolución da Idade do Bronce á do Ferro, causou o illamento das poboacións próximas e a aparición dos primeiros castros, edificados sempre nos outeiros que permitían unha maior visión e defensa e, por outro lado, unha proximidade aos terreos de cultivo. Dentro da cidade destaca o situado no monte do Castro, do que só se conserva unha pequena parte, e que é unha das orixes da cidade. A súa conexión coa cultura romana amósase nos numerosos restos arqueolóxicos atopados, como ánforas, fragmentos de cerámica, moedas, obxectos de bronce ou pedras de muíño. Estivo ocupado desde o s II a C ata o s III d C e desde o s II d C desenvolveuse unha fase xa romanizada. Ademais, estes novos poboadores, xa romanizados, crearon asentamentos no litoral, dos que existen importantes evidencias arqueolóxicas. Durante a dominación romana o asentamento do que hoxe é a cidade foi coñecido co nome de Vicus Spacorum. Numerosas vilas, como as de Toralla ou Alcabre, ou restos das fábricas de salgadura e termas testemuñan o longo proceso de romanización. Non obstante, foi o Areal unha das zonas máis axeitadas para a instalación dos novos asentamentos, ao pé do mar e con numerosas fontes de auga doce, o que constituía a infraestrutura básica para as comunicacións e as relacións comerciais marítimas, así como o aproveitamento dos recursos do mar. O descubrimento de varias instalacións vinculadas coa explotación e conservación dos produtos do mar e construcións portuarias no Areal, no que se supón enclavado o primeiro Vicus, pon de manifiesto a longa tradición deste tipo de industria na cidade.
Os escuros anos medievais
Ao non existir suficientes referencias, a Idade Media é unha época escura na historia da cidade. A primeira referencia documental da vila é unha doazón de Ordoño II a Recaredo, bispo de Lugo, en 915. A fin do Imperio Romano deixou o desenvolvemento nas mans das clases máis poderosas, entre elas, a Igrexa, que construíu igrexas como as de Santiago de Bembrive, Santa María de Castrelos ou San Salvador de Coruxo. No s XII a cidade pasou a depender do mosteiro cisterciense de Santa María de Melón ata que na centuria seguinte pasou á mitra compostelá. Culturalmente, foi unha época de esplendor co desenvolvemento da lírica galego-portuguesa con Mendinho, orixinario de Vigo, e Martin Codax, de orixe galega. Ambos os dous cantaron a Vigo e á súa ría. En tempos dos Reis Católicos queimáronse as oliveiras do Val do Fragoso porque competían coa industria aceiteira do sur da Península Ibérica e só se salvou unha póla que procedía dunha árbore situada na praza da concatedral de Santa María, que se conserva no paseo de Afonso XII.
Os ataques dos piratas e a defensa dos veciños
Entre os s XV e XVIII a poboación dedicouse ao comercio. Dentro das actividades gremiais destacou a dos mareantes; de 1573 data a primeira ordenanza de regulación da pesca na ría. O censo de habitantes superaba os oitocentos veciños, e a poboación foi medrando a pesar das reiteradas incursións dos piratas. A situación xeográfica da cidade propiciou o ataque de piratas e corsarios no contexto dos enfrontamentos da monarquía hispana con outros estados. En 1585 o inglés Francis Drake entrou na ría de Vigo con 16 grandes navíos, varias embarcacións menores e uns 2.000 homes armados. Intentou entrar na cidade e provocou varios destrozos, pero a defensa por parte dos veciños obrigouno a desistir. En 1589, retornou á cidade con 120 naves e 20.000 homes, destruíndo e queimando a maior parte da mesma. No século seguinte a ría viviu un novo ataque, esta vez, dos piratas turcos. A finais de 1627 apareceron varios buques fondeados nas Illas Cíes. A poboación pensou que se trataba dunha manobra de rutina para realizar a augada ou reparacións. Ao cabo duns días, os 18 buques que compoñían a frota turca dirixíronse cara á cidade e, situándose na súa fronte, comezaron o ataque. A poboación enfrontouse a eles e obrigounos a retroceder. A escuadra tomou rumbo norte e dirixiuse á península do Morrazo, onde levou a cabo saqueos, queimou Domaio e tomou cativos. Xa de volta, ao pasar fronte á cidade de Vigo, tentou de novo o desembarco, atopando unha vez máis a resistencia dos moradores. Retornaron á península do Morrazo, moito máis desprotexida, e ao día seguinte arrasaron Cangas e fixeron moitos cativos. O forte temporal obrigounos a esperar na mesma posición ata que puideron dirixirse de novo a Vigo, pero foron rexeitados pola poboación na praia de Samil.
A construción das defensas da cidade
Como consecuencia dos ataques dos piratas e por medo a unha invasión dos países aliados de Portugal na Guerra de Restauração, no s XVII, construíuse a fortaleza do monte do Castro, na parte máis alta da cidade, e o castelo de San Sebastián, moito máis próximo ao núcleo urbano e onde se atopa na actualidade a casa do concello. En 1656 comezou a construción da muralla que circundaba o núcleo urbano, cun custo de 200.000 ducados, e que tiña sete portas: a da Falperra, a do Pracer, a do Sol, a da Gamboa, a da Laxe, a do Berbés e a do Mar. A muralla mantívose en pé ata mediados do s XIX, cando o crecemento da cidade provocou o seu derrubamento.
A Batalla de Rande
En 1702 produciuse, no transcurso da Guerra da Independencia, a Batalla de Rande nas augas da ría. A frota franco-española que retornaba de América cargada de riquezas tivo que refuxiarse, ante a ameaza da escuadra anglo-holandesa, no fondo da ría de Vigo, na enseada de San Simón. Ademais contaba coa protección das fortificacións situadas a ambas as dúas beiras do estreito de Rande e contaba co apoio de 10 navíos franceses, situados na boca do porto da cidade. Coa entrada o 23 de outubro da escuadra anglo-holandesa na ría, a frota franco-española adentrouse no fondo da ría e comezou o desembarco das mercadorías. A batalla durou ata a noite do día seguinte coa vitoria anglo- -holandesa e a desfeita da frota franco- -española. Desde entón xacen no fondo da enseada de San Simón ao redor de 28 barcos onde se cre que aínda están as riquezas que traían de América. O feito foi reflectido por J. Verne en Vingt mille lieues sous les mers (1870), pois o capitán Nemo realizaba expedicións a Rande e cargaba o Nautilus con ouro para financiar as súas viaxes.
A Reconquista
O 31 de xaneiro de 1809 as tropas francesas, compostas por 2.000 homes dirixidos polo mariscal N. Soult, comezaron a ocupación militar da cidade. O gobernador militar, Xoán de Villavicencio, contaba só con 250 homes e, ante a notable diferenza, permitiulles o paso. Os abusos e humillacións dos franceses levaron á insurreción popular, e os enfrontamentos entre a poboación e as tropas de ocupación foron cada vez máis intensos. No mes de febreiro Soult e parte da tropa francesa abandonou Vigo para dirixirse a Portugal. No mes seguinte a tensión, provocada pola falta de víveres tanto para os militares como para a poboación que residía no interior da muralla, foi en aumento. A resistencia estivo formada por xente de todos os estratos sociais e procedente da comarca viguesa. O 28 de marzo de 1809, a poboación que vivía fóra das murallas comezou o ataque pola porta da Gamboa, ás ordes do coronel Pablo Morillo. Nesta acción destacou Bernardo González, Cachamuíña, que derrubou a porta da cidade coa axuda dunha machada. As tropas invasoras tiveron que abandonar a praza e os prisioneiros foron embarcados rumbo a Inglaterra. En recompensa pola heroica defensa, a que ata o de agora era fiel vila de Vigo, recibiu os títulos de leal e valerosa cidade.
A creación da cidade moderna: o s XIX
A mediados do s XIX o número de habitantes da cidade estaba por debaixo de calquera outra ciudade galega. A trama urbana da cidade comezou a transformarse e a adaptarse ás novas necesidades, xurdidas principalmente do porto. Creáronse novos camiños e estradas, estableceuse a comunicación marítima periódica con Bos Aires, Puerto Rico e La Habana, abriuse unha sucursal do Banco de España, construíuse a estación do ferrocarril e un espigón e demais servizos portuarios. Á ampliación da cidade contribuíu tamén o aumento da poboación, ao precisarse man de obra para as infraestruturas e as novas fábricas dos produtos mariños e de salgadura. Xurdiron novas industrias e o comercio experimentou un notable crecemento, e as necesidades de comunicación con Londres, Lisboa e Caminha provocaron a instalación en Vigo dunha oficina da compañía inglesa The Eastern Telegraph Company. O ambiente de prosperidade xustificou a chegada dun gran número de cataláns, que contribuíu ao desenvolvemento da cidade dinamizando as industrias, sobre todo as derivadas da pesca. A maioría estableceuse no barrio do Areal, que chegou a recibir o nome de “barrio dos cataláns”. Ademais xurdiron novas iniciativas socioculturais que contribuíron á consolidación da cidade: en 1832 inaugurouse o primeiro teatro da cidade, situado na praza da Princesa, baixo a iniciativa de N. Velázquez Moreno, e que funcionou ata 1880; en 1853 fundouse o xornal Faro de Vigo, decano da prensa nacional; en 1874 José García Barbón cedeu os terreos para a construción da Escola de Artes e Oficios, que se inaugurou en 1886; en 1880 Manuel Bárcena Franco, conde de Torre Cedeira e alcalde da cidade, fundou a Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo; e creáronse sociedades como A Oliva (1885) ou o Círculo Mercantil e Industrial (1891). Politicamente, a cidade non foi allea aos acontecementos que se viviron en Galicia e en España, así en 1846 a gornición militar da cidade sumouse ao levantamento militar de M. Solís, e en 1868 a poboación apoiou a revolución que destronou a Isabel II. En 1898, o porto de Vigo foi un dos primeiros en recibir os soldados que volvían da Guerra de Cuba, e como recompensa á acollida e axuda que lles prestou, a cidade recibiu o título de sempre benéfica.
A organización administrativa
Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Vigo pertenceron ás xurisdicións de Bouzas, señorío do bispo e cabido de Tui; Val do Fragoso, rexido polo seu concello; Valadares, señorío do marqués de Valadares; o couto redondo de Zamáns, señorío do bispo de Tui; e Vigo, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 aboliu o réxime señorial e substituíuse por unha organización municipal do territorio. En 1821 formáronse os concellos de Vigo, Teis, Cabral, Lavadores, Bouzas e Valadares, todos eles pertencentes ao partido xudicial de Vigo. Coa división provincial de Galicia en catro provincias creouse a provincia de Vigo, demarcación que se mantivo ata 1823, cando coa derrogación da Constitución de 1812 por Fernando VII se volveu ao Antigo Réxime. En 1835 recuperouse a organzación municipal. Daquela creáronse os concellos de Vigo, Bouzas e Lavadores, integrados no partido xudicial de Vigo. Un decreto de 1836 ordenaba trasladar a capital da provincia de Pontevedra á cidade olívica, pero non se fixo efectivo. En 1840 as Illas Cíes, disputadas entre os concellos de Vigo e Baiona, adscribíronse ao de Vigo. Ese mesmo ano, a revolución secundada pola Milicia Nacional e polo concello vigués supuxo unha breve restauración da provincia de Vigo, pero non se chegou a constituír. As integracións dos concellos de Bouzas e Lavadores no de Vigo foi cuestionada en diversas ocasións. Así, en 1868, a Deputación de Pontevedra acordou reducir o número de concellos e integrar estes dous en Vigo, o que non se realizou. Ese mesmo ano e no transcurso da revolución que destronou a Isabel II, a Xunta Revolucionaria de Vigo decidiu de novo esta integración, pero tampouco se fixo efectiva. En 1935 Teis separouse de Lavadores e formou un concello propio ata o ano seguinte. Finalmente, o concello de Bouzas anexionouse ao de Vigo en 1940, e o de Lavadores en 1941.
Do s XX ao s XXI
A cidade seguiu medrando ao amparo do crecemiento industrial derivado, principalmente, dos produtos marítimos ao tempo que a burguesía tomaba o control da mesma. O entón concello de Lavadores foi un dos núcleos do agrarismo, en 1912 Basilio Álvarez redactou alí o seu manifesto. En 1914 entrou en servizo o tranvía, que enlazaba a cidade cos núcleos urbanos de Bouzas, Chapela, no veciño concello de Redondela, e Cabral, e que chegou tamén ata O Porriño. O S XX tamén destacou pola renovación arquitectónica da cidade, coas achegas de S. Pacewicz, dos irmáns Gómez Román, Xenaro de la Fuente, pai e fillo, X. Franco Montes, L. Vidal y Tuasón, F. Castro Represas ou A. Palacios -quen en 1932 proxectou un plan urbanístico coa cidade aberta cara ao mar, pero que nunca se chegou a facer-, sen esquecer a D. Pernas, un dos máis prolíficos arquitectos da segunda metade do s XX. Nestes primeiros anos do s XX fundáronse o R. C. Celta, froito da fusión do Real Vigo Sporting e o Fortuna (1923), e o R. C. Náutico de Vigo (1926). A conflitividade das primeiras décadas do s XX tamén se reflectiu na cidade. A industria deu lugar á formación dun numeroso grupo de poboación obreira cada vez máis organizada. A Fronte Popular impúxose nas eleccións de 1936, pero a maior parte do exército non recoñeceu o resultado electoral e creouse un clima de tensión social. Co inicio da Guerra Civil, o 18 de xullo de 1936 convocouse aos partidarios da República para unha manifestación de apoio na porta do Sol, na que se presentou o capitán Carreró, afín ao golpe militar, e coas tropas que o acompañaban disolveu violentamente a manifestación proclamando, mediante a lectura dun bando, o estado de guerra. O alcalde da cidade, Emilio Martínez Garrido, foi detido e asasinado. A maior resistencia republicana foi protagonizada polos habitantes do concello de Lavadores, que resistiron durante varios días ata que sucumbiron ante as forzas do exército. Durante a guerra, a cidade permaneceu á marxe da violencia bélica, aínda que foron frecuentes as escaramuzas e os axustes de contas. Finalizada a contenda comezou unha época de fame e penurias. Durante a Segunda Guerra Mundial Vigo xogou un papel importante como porto de abrigo e abastecemento dos barcos alemáns e a onde chegaron nazis perseguidos. O crecemento urbanístico e as necesidades de terreo industrial provocaron unha expansión que cambiou a fisionomía da cidade e incluso a desaparición da praia de San Sebastián, na zona que ocupa a avenida de Beiramar. Culturalmente, cómpre destacar a fundación da editorial Galaxia en 1950. A apertura do réxime franquista coa entrada na ONU en 1958 fomentou a chegada de capital estranxeiro a España e tamén a Vigo. Creouse a Zona Franca e instalouse Citroën, o que produciu unha nova corrente emigratoria e a creación de novas empresas auxiliares. A industrialización da cidade tamén se viu reflectida nos conflitos laborais e políticos dos últimos anos do Franquismo, como a convocatoria de tres folgas xerais en 1972. Ese mesmo ano un decreto creou o Colexio Universitario de Vigo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, xerme da futura Universidade de Vigo (1990). Coa morte de F. Franco iniciouse un cambio que afectou ao terreo social e político, creando un clima de liberdade que deu lugar, anos máis tarde, á chamada “movida viguesa”. Durante os primeiros anos da democracia, xunto con Madrid e Barcelona, Vigo foi unha das cidades con maior protagonismo cultural no país, co desenvolvemento, entre outras inciativas, do colectivo Atlántica ou dos grupos musicais Siniestro Total ou Golpes Bajos. Nas primeiras eleccións municipais realizadas en 1977 venceu o socialista Manoel Soto Ferreiro, que tamén o fixo nas de 1983 e 1987. As eleccións municipais de 1991 deron uns resultados moi axustados entre o PP e o PSOE e ambos necesitaban dos apoios do PSG-EG e do BNG. O PSOE obtivo a alcaldía despois de aceptar a condición de relevar a M. Soto como candidato á alcaldía por Carlos González Príncipe, que se converteu no segundo alcalde democrático da cidade. En 1995 o PP obtivo a maioría absoluta nas eleccións municipais e Manuel Pérez Álvarez converteuse no alcalde da cidade. Na convocatoria seguinte, o pacto entre PSOE e BNG levou á alcaldía ao nacionalista Lois Pérez Castrillo. Máis convulsas foron as eleccións municipais de 2003 nas que o partido con máis número de concelleiros foi o PP, pero unha nova alianza entre BNG e PSOE deulle a alcaldía ao socialista Ventura Pérez Mariño. Non obstante, os enfrontamentos entre ambos os partidos provocaron unha moción de censura a través da que a candidata do PP, Corina Porro Martínez, se converteu en alcaldesa. Nas eleccións de 2007 a alianza entre o PSOE e o BNG deulle a alcaldía ao socialista Abel Caballero.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, o concello conta cun patrimonio arquitectónico que abrangue desde a Idade Media ata o s XXI. No s XII existiron 15 igrexas románicas das que só se conservan tres: Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos. Aos ss XVII e XVIII corresponden as igrexas de San Mamede de Zamáns, Santo André de Comesaña, Santo André de Valadares, Santo Estevo de Beade, Santa Mariña de Cabral, San Pedro de Matamá, e San Pedro de Sárdoma. Máis recentes son as de San Salvador de Teis, Santa Cristina de Lavadores, San Xurxo de Saiáns ou a nova igrexa e complexo parroquial de Santa Baia de Alcabre. Existen, ademáis, abundantes ermidas e capelas como as capelas do Vao e San Sebastián en Coruxo, a da Virxe do Libramento dos Liñares en Oia, a capela de San Mauro en Matamá ou a ermida de Nosa Señora da Guía en Teis. As dúas igrexas máis antigas do núcleo urbano, a de Santa María e a de Santiago de Vigo, perdéronse e substituíronse por outras novas. Destacan, entre outras, a concatedral de Santa María (1816), declarada BIC en 1946 xunto con outras zonas do centro histórico, Santiago de Vigo (1896), María Auxiliadora (1923), Fátima (1948), Nosa Señora do Carmen (1951) ou a Soidade (1957). No eido da arquitectura civil destacan as edificacións do centro histórico da cidade, ao redor da praza da Constitución, onde se localiza o antigo concello, e da igrexa de Santa María. Sobresaen a casa Arines, rehabilitada para acoller o Instituto Camões, a de Ceta, e o pazo de Figueroa. Os estilos arquitectónicos de finais do s XIX e comezos do s XX, como o eclecticismo, o historicismo, o modernismo e o academicismo, amósanse na obra, entre outros, de Stephane Pacewicz, como o edificio Acuña Soaje (1897), sede do Banco de Galicia, a casa Bárcena (1897), coñecida como o Hotel Moderno, a Escola de Artes e Oficios (1898) ou as casas de Oya (1904); Xenaro de la Fuente Domínguez, coa casa de Manuel Bárcena (1879-1884), o antigo Casino, hoxe Biblioteca Central (1889) ou o edificio Bonín (1909); Antonio Palacios, co teatro García Barbón, hoxe Centro Cultural Caixanova (1913); ou Manuel Gómez Román, co Edificio Siméon (1906), a casa para Enrique Mülder (1910) ou o antigo Banco de Vigo (1919-1923), actual sede do Banco Pastor e da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Ata mediados do s XX proliferou o estilo rexionalista e o racionalista. Destacaron, entre outros, Xenaro de la Fuente Álvarez, autor do Garaxe Americano (1929) e das casas para María Iglesias Curty (1940), e Pedro Alonso Pérez e Francisco Castro Represas, que traballaron xuntos, entre outras obras, no edificio do Real Club Náutico (1944). Na segunda metade do s XX destacan as obras, entre outros, de Agostiño Pérez Bellas (edificio Calypso, Clínica Fátima, Sanatorio Troncoso) ou Xosé Bar Boo (Policlínico Cíes, igrexa parroquial da Nosa Señora das Neves). Das construcións máis recentes destaca o proxecto Abrir Vigo ao Mar, que modificou a fronte marítima. No eido da arquitectura pacega cómpre destacar os pazos da Pastora e de Castrelos, declarados BIC en 1955, e os da Raposeira e de San Roque. No antigo camiño de Baiona a Vigo atópase a ponte Balaídos. Das antigas fortalezas da cidade consérvanse lenzos de muralla do castelo de San Sebastián e a fortaleza do monte do Castro. O patrimonio etnográfico está representado por cruceiros, petos de ánimas, hórreos, pombais e outras construcións espalladas polas diversas parroquias. As rúas, parques e xardíns da cidade contan con esculturas e monumentos dos máis diversos estilos. Destacan as achegas de José Luis Medina na Alameda (Hiena, Caracol con neno) e de Camilo Nogueira Martínez na Alameda (Tartaruga con nenos, Tesouro do mar, Despedida), no Castro (Xirafas, Cisnes, Parella lendo, Os namorados), autor tamén dos monumentos a Don Bosco e Xoán XIII. Dos numerosos monumentos públicos destacan os dedicados a José Elduayen e a Casto Méndez Núñez, de Agustín Querol; a Simón Bolívar, de Antonio Faílde; a Curros Enríquez, de Lorenzo Coullat Varela; a Celso Emilio Ferreiro, de Silvino Silva; a Rosalía de Castro, de Armando Rodríguez; ao Xeneral San Martín, de Agustín de la Herrán; a Camilo José Cela, de Francisco Otero Besteiro; ao Marqués de Alcedo, de Santiago Rodríguez Bonome; aos Caídos, de Xoán Piñeiro; á Muller Traballadora, de Pedro Dobao; ao Pescador, de Alfonso Vilar Lamelas; á Mariña Española e ao Viaxante de Comercio, de Lino Cao; o Monumento ao Traballo, de Ramón Conde; o Monumento a Europa e a Espiral ascendente de cinco cabalos entrelazados da Praza de España, de Juan José Oliveria; Os dous bañistas e o Sireno, de Francisco Leiro; o Metalúrxico, de Guillermo Steimbrüggem; aos Galeóns de Rande, de Desiderio Pernas; ou aos Heroes da Reconquista, de Julio González Pola. No eido das institucións culturais, tanto públicas como privadas, destacan o Museo Municipal Quiñones de León, situado no parque de Castrelos e declarado BIC en 1962, o Museo Liste, o Museo de Arte Contemporánea (MARCO), situado no antigo palacio de xustiza, o Museo do Mar de Galicia, o Verbum Casa das Palabras, a Casa Galega da Cultura, que acolle a Fundación Penzol e o Museo Fernández del Riego, a Casa das Artes, que acolle a Colección Torras, a Fundación Laxeiro e o Arquivo Pacheco, o Centro de Artesanía Tradicional, o Centro Cultural Caixanova, o Centro Social Caixanova, a Fundación Caixa Galicia e a Fundación Barrié de la Maza. No patrimonio natural do concello destacan as Illas Cíes, integradas no Parque Nacional das Illas Atlánticas e zona protexida pola Rede Natura 2000. No eido das festas cómpre destacar as da Reconquista, o 28 de marzo; as do Santísimo Cristo da Vitoria, o primeiro domingo de agosto; as de San Roque, o 16 de agosto; e as festas parroquiais, como as de Bouzas e Coia. No eido das festas gastronómicas destacan a da Cereixa en Beade e a do Pan de Millo en Cabral.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Vigo
Extensión 109 Km2
Poboación Total 294772 h
Poboación Homes 140556 h
Poboación Mulleres 154216 h
Densidade de poboación 2704.33 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias