Vila de Cruces

Vila de Cruces


Concello da comarca de Deza situado no centro oeste da Comunidade Autónoma de Galicia, na provincia de Pontevedra (42° 47’ 30’’ N - 8° 10’ 00’’ O). Limita ao N con Touro e Arzúa (comarca de Arzúa) e Santiso (Terra de Melide), ao L co de Agolada (Deza), ao S cos de Lalín e Silleda (Deza) e ao O cos de Boqueixón (Santiago) e Touro (Arzúa). Abrangue unha superficie de 155 km 2 , cunha poboación de 6.550 h (2007), distribuída nas parroquias de Añobre, Arnego, Asorei, Bascuas, Besexos, Bodaño, Brandariz, Camanzo, Carbia, As Cruces, Cumeiro, Duxame, Ferreirós, Fontao, Gres, Larazo, Loño, Merza, Obra, Oirós, Ollares, Piloño, Portodemouros, Sabrexo, Salgueiros, San Pedro de Losón, San Tomé de Insua e Toiriz. A capital está na vila de Vila de Cruces, na parroquia das Cruces. Atópase a 45 km de Santiago de Compostela e a 84 km de Pontevedra. Está adscrito á arquidiocesede Santiago de Compostela e ao partido xudicial de Lalín.
Xeografía física
Vila de Cruces ocupa os relevos interfluviais entre os ríos Arnego, Deza e Ulla, que discorren encaixados polos lindes L, S e N do concello. O val do Ulla esténdese polo N do concello, con altitudes comprendidas entre os 75 e 300 m, cun grao de encaixamento máis apreciable canto máis se avanza cara ao O. O val do Arnego, de horizontes amplos e suaves pendentes, esténdese polo L do concello, con altitudes comprendidas entre os 200 e 400 m. O bordo meridional corresponde ao val do Deza, que discorre cun grao de encaixamento notable e con altitudes comprendidas entre os 100 e 300 m. Ocupando o centro do concello aparece unha sucesión de relevos interfluviais que, partindo do monte Castelo, vai descendendo progresivamente cara ao O, con altitudes ao redor dos 500 e 600 m (San Cristovo, 581 m; Mirón, 531 m) e entre os 300 e 500 m nas parroquias de Carbia, Piloño e Bascuas. O N do concello está regado polo río Ulla que segue unha dirección L-O e que está represado no encoro de Portodemouros. O Deza segue unha dirección SL-NO e recibe as augas do Sabrexo, e desemboca no Ulla nas proximidades de Gres. O Arnego, que segue unha dirección S-N, desemboca no Ulla na parroquia homónima. Climaticamente o concello está situado no dominio climático oceánico de transición. Ten temperaturas contrastadas e precipitacións moderadamente altas. A temperatura media anual é de 12,7°C, a media de xaneiro é de 6,4°C e a de agosto é de 19,1°C. A amplitude térmica extrema chega aos 21,7°C. A precipitación media anual é de 1.290 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival: o 38% das precipitacións recóllense no inverno, fronte ao 9% no verán. A vexetación natural, formada por carballos e castiñeiros, quedou restrinxida ás áreas de media ladeira, pois en gran medida quedou desprazada polas plantacións de piñeiros e eucaliptos. Destacan os extensos sobreirais dos vales do Arnego e Deza.
Xeografía humana
A súa poboación sufriu oscilacións de escasa entidade ata 1960, momento en que acadou o seu máximo demográfico (11.223 h). A partir deste momento viviu unha constante regresión demográfica, só freada aparentemente no último decenio. Desde 1900 ata 1930 sufriu unha escasa pero continuada perda de habitantes (-0,21% interanual), compensada polo forte crecemento dos anos 1930 a 1950 (0,96% interanual), posteriormente freado (0,14% interanual entre 1950 e 1960). A partir de 1960 impúxose unha tendencia dirixida á redución do número de habitantes, e o censo entre 1960 e 1991 caeu a razón dun -1,20% interanual; esta evolución tan negativa semella deterse no decenio 1991-2001 cun -0,13% interanual. Entre 2001 e 2007 a cifra situouse no -5,45%. Esta evolución demográfica é debida á presenza constante da emigración. O proceso de avellentamento reflíctese na baixa porcentaxe de menores de 20 anos, 13% fronte ao 30,1% de maiores de 65 anos, o grupo intermedio representa o 56,9%; e no crecemento natural que en 2006 era negativo (-9,2‰), resultado dunha baixa natalidade (4,97‰) e unha alta mortalidade (14,1‰). A repartición por sexos está equilibrada: 50,04% de mulleres e 49,95% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 44,4% (56,9% a masculina e 32,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,3% (52,2% a masculina e 29% a feminina); e a taxa de paro é do 9,4% (8,4% a masculina e 11% a feminina). No sector primario está ocupada o 27,7% da poboación. A superficie cultivada esténdese ao 27,21% do seu territorio, case totalmente ocupado por forraxes (75,08% do labradío) seguido de lonxe polo millo (8,06%) e a pataca (5,52%). Os prados e pastos ocupan o 7,01% da superficie. O armentío bovino acadaba as 6.159 cabezas (1999) en explotacións especializadas na obtención de leite. O gando porcino está composto por 662 cabezas reprodutoras e 2.577 de ceba. A industria supón o 16,9% da man de obra, con algunha empresa textil e de maquinaria. A construción representa o 17,7% dos ocupados, moitos empregados en construtoras asentadas en Lalín ou Santiago de Compostela. Os servizos agrupan o 37,7% da man de obra, ben no equipamento terciario asentado no mesmo concello, ben nas vilas e cidades próximas. A principal vía de comunicación é a estrada que comunica Santiago de Compostela con Vila de Cruces, complementada polas estradas que enlazan a capitalidade municipal con Arzúa, Bandeira, Lalín, Silleda e Agolada.
Historia
A antigüidade do poboamento do concello amósase nos restos megalíticos de Oirós. Ao longo da Idade Media, o territorio foi disputado por diversas ordes militares e señores feudais. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Vila de Cruces pertenceron ás xurisdicións de Abeancos, señorío do conde de Monterrei; Camanzo, señorío do mosteiro de San Paio de Antealtares; Carboeiro, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario; Caxide, señorío dun fidalgo; Cira, señorío do conde de Altamira; Piloño, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Deza, señorío do conde de Lemos; e os coutos redondos de Brandomés, rexido polo convento mercedario de Conxo, e San Xusto de Dombodán, rexido polo mosteiro de San Martiño Pinario. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os de Camanzo, Ferreirós, Piloño, Merza e Cruces. En 1835 formouse o de Carbia, que en 1944 cambiou o seu nome polo de Vila de Cruces cando mudou a capitalidade a esta última vila.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destaca a igrexa do antigo mosteiro de San Salvador de Camanzo, a torre medieval de Merza e os pazos de Porras de Raíndo (Piloño) e Altamira (Cumeiro). Durante o s XX destacaron as explotacións de wolframio, das que queda a abandonada aldea mineira de Fontao. No concello atópanse a Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño e a Fundación Neira Vilas. O patrimonio natural está formado polo sistema fluvial Ulla-Deza e os sobreirais do Arnego, os dous declarados Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), dentro da proposta da Rede Natura 2000. Ademais das festas parroquias, destacan as celebracións do Entroido en Obra e Brandariz, cos Xenerais a cabalo e con traxes de época, e as festas gastronómicas da Castaña e do Chourizo.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Deza
Extensión 154 Km2
Poboación Total 6550 h
Poboación Homes 3272 h
Poboación Mulleres 3278 h
Densidade de poboación 42.53 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias