Vilaboa
Concello da comarca de Pontevedra situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e na provincia de Pontevedra (42° 21’ 30’’ N - 8° 38’ 00’’ O). Limita ao N co concello de Pontevedra (comarca de Pontevedra), ao L co de Pontevedra e a ría de Vigo, ao S coa ría de Vigo e ao O cos de Marín e Moaña (O Morrazo). Abrangue unha extensión de 36,9 km 2 , cunha poboación de 6.015 h (2001), distribuída nas parroquias de Cobres, Figueirido, Santa Comba de Bértola, Santa Cristina de Cobres e Vilaboa. A capital está no lugar do Toural, na parroquia de Vilaboa. Atópase a 68 km de Santiago de Compostela e a 9 km de Pontevedra. Está adscrito á arquidiocesede Santiago de Compostela e ao partido xudicial de Pontevedra.
Xeografía física
Situado na parte máis oriental da península do Morrazo, o seu territorio está enmarcado pola serra de Domaio e pola enseada de San Simón. O territorio é moi accidentado pasando en poucos quilómetros do nivel do mar ás cotas da serra de Domaio, potente macizo de granitos de dirección N-S con altitudes comprendidas entre os 400 e os 600 m (Castiñeiras, 525 m; Picouto da Graña, 427 m). Só o extremo NL está dominado pola planitude nas parroquias de Santa Comba de Bértola, Figueirido e Vilaboa, situadas nun tramo da Depresión Meridiana. Os ríos son de escasa entidade e verten na ría de Vigo, agás o Tomeza que vai cara á ría de Pontevedra. O concello sitúase nun espazo de dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival propia do litoral pontevedrés. As temperaturas son suaves e as precipitacións abondosas. A temperatura media anual é de 14,2°C, a media de xaneiro é de 9,3°C e a de xullo de 19,4°C; a amplitude térmica extrema chega aos 19,5°C. A precipitación media anual é de 1.800 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival: o 37% das precipitacións recóllense no inverno, fronte ao 8% do verán. A vexetación natural é escasa e está case totalmente desprazada polas plantacións de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A evolución da poboación é positiva e o seu crecemento ao longo do s XX é case constante ata 1981, en que acadou o máximo demográfico (6.001 h). Despois comezou unha etapa de suave descenso demográfico ata finais de século. Ata 1940 o crecemento só foi interrompido por algún estancamento: entre 1900 e 1910 creceu un 0,88% interanual e entre 1920 e 1940 un 0,40%. Entre 1940 e 1950 perdeu levemente efectivos demográficos (-0,15% interanual), para inaugurar unha nova fase de crecemento, primeiro moderada (0,57% interanual entre 1950 e 1970) e logo máis acelerada (1,13% interanual). A partir desta data viviu un proceso de lento decrecemento (-0,20% interanual). Non obstante dende o censo de 2001 a poboación aumentou e así, dende esa data ata a renovación do padrón en 2007 o concello creceu nun 4,88%. A poboación aínda é nova: os menores de 20 anos son o 16,6%, e os de máis de 65 anos o 21,1%; o grupo intermedio representa o 62,3%. Non obstante o crecemento natural era en 2006 negativo (-2,4‰), cunha taxa de natalidade do 8,4‰ e de mortalidade do 10,8‰. Por sexos predominan levemente as mulleres (51,07%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 55,3% (67,7% a masculina e 43,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,3% (62,1% a masculina e 37,3% a feminina); e a taxa de paro é do 10,8% (8,3% a masculina e 14,4% a feminina). A agricultura é unha actividade residual e só representa o 1,3% dos ocupados. A superficie cultivada ocupa o 29,43% do territorio: o cultivo máis importante é o millo (43,74% do labradío), seguido do viñedo (29,83%) e da pataca (9,67%). Os prados e pastos suman o 1,54%, conformando o armentío bovino 165 vacas (1997) tanto destinadas á produción de leite como de carne. O gando porcino está representado por 40 cabezas reprodutoras e 190 de ceba. A pesca suma o 8,9% da poboación activa, aínda que non dispón de ningún porto predomina a actividade marisqueira nas praias e nas bateas de mexillón. A industria dá traballo ao 27,6% dos activos, destacando a construción naval, a industria conserveira, a industria editorial, de mobles ou de materiais de construción. A construción achega o 16,9% do emprego, fundamentalmente no sector inmobiliario da veciña cidade de Pontevedra. Os servizos supoñen o 45,2% do emprego, tanto nos equipamentos terciarios distribuídos polas distintas parroquias do concello, beneficiadas de multitude de establecementos vinculados á actividade comercial pontevedresa, como nas vilas e cidades das áreas urbanas de Pontevedra e Vigo. As principais vías de comunicación son a autoestrada AP-9 e as estradas N-550, da Coruña a Tui, e a N-554 que une Vilaboa con Moaña e Cangas. O seu territorio está atravesado parcialmente pola vía férrea A Coruña-Vigo e conta coa estación de Figueirido.
Historia
A antigüidade do poboamento do concello amósase nos vestixios megalíticos atopados nos arredores da lagoa de Castiñeiras, compartida co concello de Marín, e nos restos da IV vía militar romana que comunicaba Braga con Santiago. O Camiño Portugués de peregrinación a Santiago atravesa o concello desde a Idade Media. Na época moderna explotáronse as salinas do Ulló, en Paredes, que abasteceron a comarca durante o s XVIII. En 1702 tivo lugar nas súas costas a Batalla de Rande. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Pontevedra, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os de Vilaboa e Cobres. En 1835, formouse o concello de Vilaboa. Na parroquia de Figueirido atópase a Base General Morillo do Exército de Terra.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Martiño de Vilaboa, Santo Adrán de Cobres, Santa Columba de Bértola, Santo André de Figueirido e Santa Cristina de Cobres. Consérvanse tamén os restos dun antigo castelo en Ubeiras (Cobres) e os das salinas do Ulló. Parte do concello está dentro do espazo natural da enseada de San Simón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na proposta da Rede Natura 2000. Ademais das festas parroquiais cómpre destacar a celebración da Virxe do Carme e do Entroido en Cobres, coas damas e galáns, a Corrida do Galo e degustación do bandullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Pontevedra |
| Extensión | 36 Km2 |
| Poboación Total | 6015 h |
| Poboación Homes | 2943 h |
| Poboación Mulleres | 3072 h |
| Densidade de poboación | 167.08 h/Km2 |